Función da Academia no futuro da Lingoa

 

[Texto íntegro]

 

m5smartinezriscofunciondaacademia.html

[p. 23]

     Si un idioma, a lingoa propia dun pobo, ven a ser como a ventá espritoal pola que a ialma das súas xentes asómase ó mundo darredor e inxírese nil, adequire singular espresividade iste pensamento dun esgrevio escritor galego: "En cada intre do tempo a lingoa conserva e amostra, convertidas en palabras —que veñen a ser coma vivas arquiñas sonoras—, todalas esperencias espritoás dos que a foron creando no pasado; recolle e asimila todalas que lle incorporan os que a falan na aitualidade; i entrégalle todo iste caudal espresivo, todo iste inmenso tesouro espritoal, arrequecido sen descanso por sucesivas xeneracións, a cada un dos que comenzan a deprendela cada día".
     De acordo con ise axeitado pensamento, na dinámica temporal dunha lingoa acada especial trascendencia o seu porvir, o proceso de entrega do legado espritoal pechado na tulla das palabras ó catecumenado falante. Conscente da importancia desa función traiecticia, que unha das súas principaes angueiras institucionaes lle impón, a Real Academia Gallega, sin desouvir as chamadas do presente lingüístico, non ten deixado nin deixa de ollar deica o panorama futuro do idioma galego nin de estudar as bases nas que se ha fundar a súa fixación i enriquecemento.
     A diagnosis do estado aitual do galego é crara, polo doado da súa auscultación. De unha banda, a amplitude do interés e da área do seu cultivo, ofrécenos unha proba de sanidá. De outra, a persistencia das variedás fonéticas, morfolóxicas e léxicas localizadas nos diversos seitores comarcaes de Galicia, é decir, a falla de unidade xeo-estructural, acusa un síntoma de doenza.
     Revélase a primeira disas manifestaciós, de senso positivo, en varios siños alentadores. Nos niveles da convivencia humán a traveso do


[p. 24]

seu exercicio oral, que vai saindo do estrato campesiño e abranguendo estamentos sociaes e culturaes denantes alleos ou remisos ó seu uso: as crases meias, os inteleituaes, a Eirexa católica na liturxia inanque non prenamente. Na dispensación do seu ensinio en crases e seminarios por doutos e xenerosos mestres, adiantados do saber da Terra. Na publicación de gramáticas galegas particulares. Nas solicitudes de informes que a cotío diríxense á Academia tanto dende a Penínsua coma dende o estranxeiro, inquerindo en col da categoría idiomática da nosa lingoa.
     Non se afastou, certamente, a Corporación disa liña ascendente na vixencia extra-académica do galego; mais, pola contra, endereitou seus aitos a secundala. E nos derradeiros tempos, acolleu o seu uso coma norma interior xeral corporativa; editou traballos estrictamente lingüísticos, coma La toponimia de Galicia, A lengua dos poetas do Norte de Lugo, A lingoaxe i as língoas, temas que desenrolaran nos seus respeitivos discursos de ingreso os Académicos numerarios MARTINEZ MORAS, IGLESIA ALVARIÑO e PIÑEIRO LOPEZ; promoveu e conseguiu a reitificación do sinificado de "dialecto", atribuido pola Real Academia Española no seu diccionario á voz "galego", polo de "lingoa"; elevou ó Ministro de Educación e Ciencia, fai mais de un ano, proposta fundada, hastra de agora non resolta, interesando a incrusión do estudo do idioma galego no primeiro e segundo ensinio; interesóuse tamén perto das autoridás eclesiástecas pola adoución da nosa língoa na liturxia; e, por cabo, contestou e ven contestando coa necesaria espricitude e puntualidade, as peticiós dos devanditos informes sobor da sustantividade lingüística do galego.
     Mais ise non é, a noso xuicio, o labor que lle acae propiamente, na súa xenuina función, á Real Academia Gallega. O río dun idioma vai seguindo de vagar o canle que lle procura seu íntemo pulo. O mester académico non consiste en desvialo do rumo que lle marcan segredas forzas de antropoloxía social, senón en valeiralo da broza que o enlixa, empecendo seu maino decorrer; i en represar o seu caudal cando ameace desveirarse, pra que verca con anovada forza sobor dos eidos culturaes da Terra.
     Saindo do campo da metáfora e poñéndonos na realidade dunha formulación positiva do caso, entendemos, emitindo un criterio nidiamente


[p. 25]

persoal, que o papel primordial da Academia en col do futuro do idioma galego radica en interpoñer a súa oficialidade ou, si se quer, a autoridade que pola súa historia a prol dos valores culturaes do país poda asistirlle, pra sandalo da grave doenza daquela falla de unidade á que deixamos feita referencia.
     Así o entendeu, corporativamente, a Real Academia Gallega, hoxe orientada deica a necesaria redaición dunha Gramática do galego, que chegue a facer do galego literario o "galego común" e acabe coa súa anormal diversificación.
     A solución de tan acuciante problema foi ouxeto dos necesarios informes e dos oportunos acordos, cristaizados no seu desenrolo programático en tres xeiras que han abranguer, sucesivamente: o estudo da realidade lingüística pra acadar o conocemento ouxetivo dos seus feitos; a redución da multiplicidade polimórfica eisistente, despois de asisada ponderación e contrastación dos seus elementos, a un sistema coherente e integrado, i a elaboración, co resultado das dúas operaciós precedentes, da Gramática académica.
     Velehí siñalado o norde das angueiras que ha defrontar e defronta a Academia no terreo idiomático; direición que non escluie a consideración e vixilancia do devalar da língoa, o labor de alento e axuda á sua ouservancia e ó seu espallamento no seu xeito aitual. Conquerida aquila meta esencial, virán após dela outros debezos que tamén abriga e que dela dependen no mesmo orden de integración e limpideza da língoa.
     A nosa Corporación académica móvese e aitúa na súa misión propia, pra cuia consecución, dende diversos ancos, segue pendente de axudas materiaes de moito tempo agardadas. Non é a primeira vez que, con acento xustamente amargurado, témolo dito; pero cecáis ningún outro lecer mais axeitado pra repetilo que iste do Día das Letras Galegas, no que máis tanxible e urxente se nos amostra a obriga de pagar cos nosos esforzos de continuidade a deuda que todol-os galegos temos contraida con quenes fixeron ó noso país o préstamo ricaz da súa obra cultural inmorredoira.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega