Galegos, gallegos e galleguiños

 

[Texto íntegro]

 

v9avelinopousagalegosgallegosgalleguinhos.html

Para min, son galegos os que teñen como divisa o engrandecemento da súa terra. Para eles podería servir esta declaración:

Creo en Galicia.
   
Creo que tódolos galegos temos un deber inexcusable de traballar polo engrandecemento da nosa terra.

Creo que a todos -homes e mulleres, da cidade ou do campo, tanto os que viven na terra coma os emigrados- nos importa a mellora de Galicia en tódolos aspectos: cultural, social e económico.

Queirámolo ou non -moitos non o cren ou non o queren-, o noso primeiro deber como españois é comezar por sermos bos galegos, aínda que soamente sexa por aquilo de que é preciso poñer en orde a casa propia antes de pretender amaña-la allea. Dínolo moi ben a cántiga:

Unha vella dixo a outra
polo burato da porta:
ti goberna a túa vida,
que a miña nada che importa

Quedamos, pois, en que o primeiro, para os naturais de Galcia, é ser bos galegos. E isto significa que, como tales, teñamos uns dereitos e uns deberes. Os primeiros importan pouco -se acaso a satisfacción de desfacer tópicos e lugares comúns sobre a nosa terra e as súas cousas-. Os deberes si que importan. Importan, apreman e urxen, para estes galegos, ós que Pondal chama «os bos e xenerosos» nas estrofas do noso himno. Son o arquetipo da raza, e o seu labor hónranos a todos.

A segunda clase, os gallegos, así se chaman eles mesmos, son os homes correntes, os homes-masa que Ortega define como aqueles cunha vida carente de proxecto e que van ó garete; que non esixen nada a si mesmos, senón que se dan por contentos co que son e fican encantados consigo mesmos. Naceron en Galicia como podían nacer en Xerez da Fronteira. Senten pola súa terra un patriotismo cortical, folclórico, gastronómico e paisaxístico. Emociónanos e satisfanos a gaita, os mariscos, o lacón con grelos e maila empanada de raxo. Pero aí remata todo ou case todo. Son inertes, por comodidade física e mental; non están dispostos a ningún sacrificio nin a da-la cara por Galicia, como isto supoña o máis leve risco persoal. Son, polo regular, boas persoas, traballadores, honrados, cumpridores dos seus deberes sociais para co medio no que viven. O único que lle proporcionan á súa terra é a boa fama de que goza no que fai a espírito de traballo e honradez, e tamén contribúen á propaganda da boa mesa, as paisaxes e o folclore.

Os galleguiños son os máis baixos da escala. Moitos teñen vergonza do lugar onde naceron, que ocultan sempre que poden; son miméticos para o lugar onde residen. Ás veces chegan a triunfar e facérense ricos; pero a súa mentalidade será sempre servil e neutra. Afortunadamente, os galleguiños son menos cada día, e han ser menos aínda o día que a nosa terra sexa máis culta e rica.

Paisanos amigos: Galicia, a de hoxe e a de onte, a Galicia eterna -terra e historia- que nos deu o ser, necesítanos a todos para soluciona-los seu problemas de toda orde, en ben da nosa terra e de España, a nosa Patria, cara á integración europea, necesita do esforzo de tódolos seus fillos a fin de crear un futuro mellor para todos. Para logrármolo, é preciso que moitos gallegos se decídan a ser galegos e que desaparezan os galleguiños. ¡Que así sexa!

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega