Habitante único

 

[Escolma]

 

v9alvareztorneirohabitanteunico

ROL DE ESCUROS

RECORDADE a eses outros, incesantes,
construíndo a paisaxe,
ou liberados nun discreto ritmo
polas pedras da vida ensombrecida,
por longos arrabaldos ou nos trens
das viaxes máis tristes.

Recordade ós que nunca se achegan cun argazo
de evidente derrota: libélulas de loito
nas mans, copias do horror,
nin fan xuntanza alí nun sol caído,
nin incordian, nin inventan desgracias
na baixamar da vida. E son, seguen de pé
nalgunha parte
coma vivos e enteiros.

Pensade nos inscritos na causa dos que perden
e levan un narciso á altura da caída.
Nos da arenga no alto do penedo.
Os que negan Inferno e Paraíso.
Areeiros que asubían
vendo vi-las tormentas.

E naqueles que escriben subornados
por unha luz azul acetileno,
por unha queimadura vixiante.
Pensade nos anónimos dun trópico perdido,
nos que renegan fronte os grandes pórticos
e venden polas feiras cousas que dan sosego:
novísimo cannabis en tarros que antes foron
de olivas e manteiga.

Pensade nos que chegan no nome da utopía,
nos do plano catártico ó final do relato,
nos de tanto milenio de candil e cantiga.
Nas glorias máis inútiles.

E naqueles mandados á fogueira
en nome do decoro
e da normal circulación dos días.
 

 


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega