Heimat - A saga da terra

 

 

Heimat - A saga da terra


A televisión alemá transmite o proxecto máis amplo da historia do cine

     Estes días emítese na primeira canle de televisión alemana a terceira serie dunha xigantesca epopea que abrangue praticamente todo o século XX. Heimat, como se chama, representa, cun total de máis de 50 horas de duración, o proxecto máis amplo da historia do cine. Asemade, ilustra de xeito moi singular os desastres e alegrías da Alemaña dos últimos 80 anos.
    
Todo empezou de maneira máis modesta, pero non con pouca ambición. A primeira serie, Heimat - Unha crónica alemana, presentada en 1984 e dunha duración de máis de 15 horas, relataba, mediante a vida da familia Simon, a historia dunha aldea no Hunsrück, unha serra en Renania-Palatinado. Nesa rexión naceu tamén o director do filme, Edgar Reitz, que máis que unha homenaxe á súa terra natal logrou unha especie de recreación monumental do tema "terra" en xeral. A película suscitou o entusiasmo do público e da crítica internacional: "Non só a xoia central do Novo Cine Alemán senón un punto de inflexión no cine europeo" (The Guardian). Recibiu galardóns como o Premio FIPRESCI do Festival de Venecia (1984), o Adolf Grimme Preis (1985) ou o Best foreign Language Film do London Filmfestival (1985).
    
A segunda serie, Heimat - Crónica dunha mocidade, sobre a vida muniquesa dun dos protagonistas da primeira entrega, Hermann Simon, foi acollida de xeito menos apaixonado polo público alemán, se ben o éxito internacional quedou patente en numerosas distincións: León de Ouro e Premio Especial do Festival de Venecia (1992), Premio David Luchino Visconti (Roma, 1994) e Premio Europa Cinema (Cannes, 1996), entre outros. O xornal francés Libération falaba do "nacemento dunha obra de culto" e a Süddeutsche Zeitung comparaba as case 26 horas desta segunda serie co peso da Busca de Proust e dos Nibelungos de Wagner. Tanto Heimat 1 como Heimat 2 puidéronse ver, ademais, en países como o Reino Unido ou Italia. Agora, pois, emítese a terceira entrega: Heimat - Crónica dun cambio de era, que abrangue os anos entre 1989 (caída do muro) e 2000 e conta co escritor Thomas Brussig (Avenida do sol) como co-guionista.
    
Todo este proxecto é un fenómeno impresionante que transcende o xénero cinematográfico. Xa o título parece un reto. A palabra Heimat significa algo como "terra", se ben vai máis alá. Como alguén dixo, é o lugar do que un é e ao que desexa regresar, un sitio máis mítico que real, cargado con moita emoción. Porén, os nazis abusaron deste concepto para a súa ideoloxía racista de "sangue e terra" (Blut und Boden). Como, ademais, nos anos 50 se rodaron moitas películas de escenarios idílicos e historias reaccionarias, que se denominaron Heimatfilme, o concepto enteiro quedou desacreditado entre amplas camadas da poboación, sobre todo das que se consideraban modernas, liberais ou de esquerdas. E ten que ser xustamente un daqueles mozos que nos 60 se pronunciaron publicamente en contra desa tradición rancia o que ousa reintroducir a idea de Heimat.
    
Claro que houbo, con motivo da primeira serie, debates intensos e, ás veces, agres entre a intelectualidade alemana da época de Kohl. Acaso finxía Heimat unha inocencia que negara a nefasta experiencia nazi? Podíase reanimar un concepto semellante despois do que pasou? A eterna maldizón alemana parecía botar a súa sombra sobre unha grande obra de arte que, esta é a realidade, conseguía presentar a xente normal, a que raras veces aparece nos libros de historia, como protagonistas. Claro que tamén padecen os acontecementos históricos, pero curiosamente —e malia a perspectiva microhistórica e individualizada— todo parece inserirse nun contexto supraindividual que, dalgunha forma, sustenta os individuos, porque lle dá un sentido á vida de cadaquén.
    
Outra das particularidades de Heimat é o feito de falar a xente do Hunsrück o seu dialecto e non o alemán estándar. En efecto, na primeira entrega sobre todo, que se centra na vida da aldea, só as persoas que veñen de fóra falan deutsch. Os lugareños falan Hunsrücker Platt, do que nalgún momento (cando Hermann Simon vai á tumba da súa nai) alguén di que é a lingua que se fala no ceo. Non sorprende que, na vida real, a rexión enteira se sinta orgullosa da súa Heimat. Agora todo o mundo sabe que existe o Hunsrück! Tamén en Galiza!
    
Pero mentres os protagonistas da primeira entrega son a aldea, os seus habitantes e sobre todo a familia Simon, a segunda entrega está centrada na persoa de Hermann Simon, que foxe da estreitez e limitación da aldea á grande cidade, onde estudia composición e vive os seus primeiros éxitos como músico. Moi poucas veces volve á casa, de feito prefire distanciarse completamente da súa familia, que lle quita o aire para respirar. A recreación que Reitz fai en Heimat 2 da década dos 60, con todos os seus cambios profundos en cultura e sociedade, resulta magnífica. O director soubo aproveitar os paralelismos autobiográficos para crear un alter ego artista e intelectual que representa moi ben o espertar daqueles anos. A música de Nikos Mamangakis, responsable da banda sonora das tres partes, reforza esta sensación.
    
Finalmente Heimat 3: Hermann reencontra o amor da súa mocidade e con ela, Clarissa, vai vivir a unha casa nun alto con vistas ao Rin, preto da súa aldea natal. Volve ás súas raíces, por así dicir, con todos os seus paradoxos entre benestar e mesquindade. A Historia entra plenamente na vida de cadaquén: desde a embriaguez da unificación ata a inseguridade do cambio do milenio. Porén a felicidade non dura. Ademais, por imposición da canle de televisión responsable cortáronse dúas horas e pico con respecto á versión de cine (de once horas e media), estreada no último Festival de Venecia. O efecto desta desaprensiva intervención: hai rupturas, saltos e non todos os fíos narrativos se entenden ben. Este carácter desvertebrado, curiosamente, representa algo como unha metáfora da situación actual no país, onde decote parece que se perdeu o norte. E a perda do contexto supraindividual que gorece o individuo —un dos temas desta terceira serie— inflúe incluso na forma artística do filme.
     Un dos segredos do éxito de Heimat é a mobilización de experiencias e lembranzas colectivas. Os espectadores ven máis que unha película, é a súa propia vida a que se converte en tema e obxecto estético. Edgar Reitz, o director que deixou a súa terra e non pensa volver a ela porque, como confesa, a estas alturas necesita a liberdade da grande cidade, foi capaz de crear esta saga excepcional onde o mundo rural é un dos protagonistas e que conta xa cunha numerosa comunidade de afeccionados. Talvez teña razón aquel escritor galego que dixo: "O país vívese con máis forza cando se está lonxe". O feitizo de Heimat, daquela, tamén pode indicar que este lugar, no fondo, estea perdido.



Que é o Hunsrück?

     O Hunsrück sitúase entre os ríos Rin e Mosela. Trátase dunha zona rural e tradicionalmente pobre. No XIX moitos dos seus habitantes emigraron ao Brasil, concretamente a Rio Grande do Sul e Santa Catalina. Hai vinte anos eu mesmo coñecín un cura de alí, con antepasados do Hunsrück. Falábame no seu dialecto, moi semellante ao meu, que se conservara no Brasil ao longo de cen anos.



Quen é Edgar Reitz?

     Edgar Reitz naceu en 1932 nunha aldea do Hunsrück. Estudiou filoloxía alemana, dramaturxia e historia da arte en Múnich, familiarizándose paralelamente cos labores de cámara, montaxe e producción de cine. Xunto a Alexander Kluge e outros foi, en 1962, un dos asinantes do Manifesto de Oberhausen, co que se iniciaba o Novo Cine Alemán, que máis adiante acadaría sona internacional con directores como Schlöndorff, Herzog ou Fassbinder. Fixo numerosos filmes e traballou como profesor de cine e productor. Entre os galardóns que recibiu como artista están o Bundesverdienstkreuz (a maior distinción da RFA, 1993) e o EUROFIPA d'honneur pour l'ensemble de son ?uvre (Cannes 1996).

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega