Historia de Galicia

 

 

v9carballohistoriadegalicia
    
A. Gramsci da esta definición de Historia:" A Historia é unha ciencia que se ocupa do home, de cantos máis homes sexa posíbel, de todos os homes- e mulleres- do mundo en canto que se unen entre sí en sociedade, traballan, loitan e se melloran a si mesmos". É unha boa definición, e mesmo axeitada a como se fai hoxe a Historia. Non sempre foi así; como na Química ou nas Matemáticas, a Historia tivo un longo proceso de configuración.

Precedeunos unha Historia antiga, outra medieval, e desde o s. XVIII acelerouse a opción por unha Historia científica que recolle as intucicións de Tucídedes, de Tácito e dos Humanistas. Logo da experimentación dos historiadores dos "Anales", (na 1ª 1/2 do s. XX), estamos empeñados nun tipo de ciencia histórica como coñecemento de aproximación á realidade do camiñar da humanidade. Servíronos a Antropoloxía e a Socioloxía -como desde sempre a Xeografía e a Cronoloxía- e podemos utilizar métodos estatísticos que nos satisfacen na busca de certidumes tanto de estruturas a longo prazo como de rupturas coxunturais. A Historia consegue gran iluminación do pasado ao interpretar os momentos de cambio.

Non é o noso obxectivo a acumulación de datos, é posuir unha boa hermenéutica. A Historia é unha ciencia moi complexa que postula elaboracións en equipa, inda que historiadores avezados por anos a esta tarefa poden lograr construtos apaixoantes de interpretación respetábel.

Nesta liña estáse a facer a Historia de Galiza. Temos antecedentes de interés: crónicas medievais, nobiliarios renacentistas, investigacións desde a lingua como as de Sarmiento no s. XVIII, as poderosas aportacións do XIX de M. M. Murguía e de A. López Ferreira, máis perto as da "Xeración Nós". Monografías colectivas espléndidas como "A Terra de Melide", ensaios de Otero Pedraio etc.

Foi a partir dos anos setenta cando se renovou metodolóxicamente a historiografía galega. Hoxe ten nas facultades de Xeografía e Historia das universidades de Galiza os mellores obradoiros e as mellores entregas tanto de especialización como de divulgación.

Nós, desde a editoral ANT, intentamos aportar un gran de area con ensaios desde investigacións serias para unha divulgación valiosa. Estamos de todo en contra da manipulación da Historia. Serviu durante séculos como instrumento do poder para dominar aos súditos cara proxectos de conquista.Ten de servir agora como ciencia para a liberdade persoal e universal.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega