Humorismo e humanismo na obra de Castelao

 

(Texto íntegro)

 

v1anxelespenashumorismo.html

Consideracións preliminares

     Esta comunicación non pretende ser un estudo erudito, senón un comentario que sirva de achegamento a algunhas das ideas clave do noso autor. O título xurdíu do propio convencimento de que non hai verdadeiro humanismo sin unha pinga de humor; ou viceversa: todo verdadeiro humorista nace dunha fonda comprensión do humano. A partires de tal presuposto, afirmo que o humorismo dase nas sociedades e nos individuos moi evolucionados, naqueles que teñen adequirido unha outa concencia e que se achegan as "sacrosantas verdades" impostas polo costume ou polos poderes, amodiño, coidando de separar o grao da palla.
     Trátase dunha laboura miuda, delicada; por elo, soio cunha grande sutileza de espírito, soio despois de ter enxergado arreo as contradiciós e as paradoxas do corazón humán se acada o estado preciso pra facer humor. Nas antípodas do humorismo está o poeta tráxico: este leva aceso aínda o lume sagro e contempla o universo de xeonllos. Aquel -coma ben dixo Valle-lnclán- olla a realidade dende enriba, distanciadamente, e fai das criaturas que reflexa auténticos monifates. O artista tráxico percura a Esencia, o celme do ser; aquelo que hai de máis outo en cadaquén; aquelo que nos ergue sobor da vulgaridade. O humorista, pola contra, coma nunha alquimia ao revés, fai sair da sua redoma decantadora todo aquilo que sobra, os defectos de toda caste: das cousas, dos individuos, da sociedade... e dánolos debullados no seu espello revelador.
     Entre ambas posturas hai un longo camiño de ponderación, de caída de deuses, de autocrítica e desengano desmitificador. Non se chega a ser humorista, si antes non se foi tráxico. Por eso, as veces, baixo da tona da surrisa, sentimos escoar da pruma do humor o sangue quente da doenza, mais docificada polo esguello do "disimulo".
     Esto que decimos coincide coa definición de humorismo que fai o Diccionario da Lengua Española: "Manera de enjuiciar, afrontar y comentar las situaciones con cierto distanciamiento ingenioso, burlón y, aunque sea en apariencia, ligero. Linda a veces con la comicidad, la mordacidad y la ironía, sin que se confunda con ellas, y puede manifestarse en la conversación, en la literatura y en todas las formas de comunicación y expresión".
     Burla aparente, pois, xuicio inxenioso e distanciado; velahí por qué o humorismo é unha forma de tolerancia e de sabencia, un xeito de aceptar a condición humán.
     Dito así semellaría unha maneira de conformismo; mais ben lonxe desto o humorista é un inconforme, un rebelde, un refugador, un inocente que perdeu o "estado de gracia" e reclama decotío voltar a atopalo; o que pasa é que a sua revolta dase na dimensión intelectual e non no xesto de erguer un arma ofensiva. O humor é -polo contrario- defensivo; arremete contra da barbarie moral co espeto do inxenio, da burla suave ou da ironía: arma -como se ve- civilizada e crebadiza. Por eso poido decir o noso intelixente e malfinado Celestino Femández de la Vega: "O humor é a cortesía do desesperado".
     Frente da risa cruel, que ten algo de endiañada, de diabólica -segundo afirmación do propio Baudelaire-, o humor escoa piedade enmascarada.
     Botemos man da opinión do xenial Samuel Beckett: "O humor é unha cualidade do amor"; xungamos agora ambas definicións co dito de San Francisco: "A cortesía é unha propiedade de Deus" e poderemos zugar un fermoso corolario; que deixo a agudeza dos meus ouvintes ou lectores.
     É por eso mesmo polo que Valle-Inclán afirma que o artista que move os bonecos do Bululú ten unha dignidade demiúrxica.
     Bonecos son nas mans dun humorista as suas criaturas; mais os fíos que as moven van dereitiños ao corazón.


O concepto de humorismo en Castelao. O macabrismo

     Poderíamos afirmar que o pensamento de Castelao sobor do que é o humor escoa de toda a sua obra; degáxase incluso da sua propia actitude humán; vennos arreo nas anécdotas que da sua vida se contan...; pero formúlase de xeito preciso en dous textos imprescindibles: nunha conferencia dada na Coruña no ano 1920, titulada "Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura" e publicada pola Academia Galega no ano 1961; e no libro Un ollo de vidro, publicado por primeira vez no ano 1922 pola revista Céltiga e reeditado logo varias veces. Este último libriño ten a estructura dun relato breve, pero é soio un artificio pra nos facer chegar de xeito didáctico, casi plástico, as suas idéas fundamentales sobor tal tema; o persoaxe esquelete ven a sere unha alegoría axeitada a esos trasmundos, colindantes coa escatoloxía, que aboian no maxín dun humorista: quen entende a vida
de verdade e aquel que tamén está afeito a lle facer cóchegas á morte.
     Un ollo de vidro ábrese cunha cita de Mark Twain fondamente reveladora:
     "Debaixo do humorismo hai sempre unha grande door; por eso no ceo non hai humoristas".
     A continuación escolle a un enterrador como portavoz das propias reflexións porque, dí:
     "Un enterrador sabe sempre moitas causas e cóntaas con humorismo. Un enterrador de cidade que ispe e descalza ós      mortos para surti-Ias tendas de roupa vella ten de ser home que lle compre a un humorista.
          Este enterrador tense por hombre de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rir que arrepían..."
     ¿Qué nos quere decir Castelao con esta frase paradóxica? Probablemente, que unha das cualidades esenciais do humor é a de borrar as fronteiras entre o cómico i o tráxico. Ninguén máis adoitado para entender de tal mester que un enterrador, que manda a diario prá cova ás máis dispares pasións e ás vidas máis alonxadas. Un home capaz de lle facer as beiras á morte está máis preparado que ninguén pra ollar "alonxadoramente" as cousas do mundo.
     Sin ese distanciamento non hai humorismo; pois este debe sere desapaixoado para sere eficaz. Desapaixoado non quere decir descomprometido; senon comprometido, pero coa craridade de xuicio necesaria pra non cometer desfeitas intelectuais ou éticas ou pra non se deixar levar polo pulo primario.
     É esa "distancia" sobor do obxeto de reflexión a que separa a Hamlet do noso enterrador. Non anda moi descanliñado este Hamlet dubitante do vieiro do humor; mais aínda reflexiona seriamente diante da calivera de Yorik. O narrador do Un ollo de vidro leva esta calivera prá casa, despois de lla mercar ao enterrador por un peso. E, así como o home que foi en vida dono do esquelete, tivo que perder o olIo natural pra atopar a ollada humorística, Castelao identifícase co esquelete que contempla o mundo dende a perspectiva da "outra ribeira" cun olIo de vidro.
     Este olIo frío, valeiro é símbolo da serenidade de xuicio e acougo de ánimo que debe rexir a un humorista. O esquelete xa non pode participar das andrómenas dos homes, das suas tolerías e parvadas; porque está "máis aló", noutra dimensión, nunha especie de altura espiritual na que se adeprenden cousas do Alén. Soio despois deste aprendizaxe pode un practicar a iconoclastia "macabra".
     Por eso se lle chamou "MACABRISMO" a este xeito de entender o humor. Un humorismo de boa lei, antidogmático, beckettiano; pero fostregador de lacras e miserias morais. Un humorismo que se achega a aqueles aspectos menos bonitos
e doados da realidade e que se podería poñer a carón do cervantino ou do esperpentismo valleinclanesco; por poñer dous esgrevios exemplos nos que tamén a traxedia se esvaece polo canliño da surrisa, a acedume disólvese no poderoso vitriolo do amor e da ternura e os seres marxinados e doentes adequiren unha dimensión épica, unha grandura que os sobrepasa, namentras caen os pedestais dos trunfadores, dos asoballadores e dos soberbos, as xerarquías son postas en entredito e a podremia interior é radiografiada.
     As "historias macabras" de Castelao son aquelas que todo o mundo conta entre chufas, burlas e risadas e nembargantes son historias tristes, historias que encollen o corazón, historias pra facer chorar; e o humorista tamén choraría se non fose porque xa olla todo cun olIo que -para non faltar ás verdadeiras reglas do humor- non ten dereito a se amosar conmovido; limítase a enxergar, ou, millor, a reflexar o que olla.
     O humorista, certo, endexamais se pon serio, nin solemne; conta os feitos máis atroces coma quen non quere a cousa; agocha por vergonza as propias bágoas e rise dos propios sentimentos; pero baixo da tona da aparente imperturbabilidade latexa unha solidaridade fonda cos que sofren.
     Cecais poderíamos definir o "macabrismo" coas mismas verbas que emprega o dicionario da língoa pra definir o humor negro: "Aquel que se exerce a propósito de cousas que despertarían, olIadas dende outra perspectiva, piedade, terror, lástima e emocións semellantes".
     Co "macabrismo" achegábase Castelao a aquelas criaturas que serven de divertimento ás persoas superficiais; achegábase tamén ás conductas marxinais, estranas, non explicables pola lóxica, coma a de dona Micaela de "Cousas", que ía gardando en frascos de augardente os fetos dos seus filliños e que morreo de dor cando o frasco de "Adolfito se esnaquizou".
     O macabrismo é ademáis o millor xeito de lle perder o "respeto" á morte. ¿Non é a morte a cousa máis seria de cantas hai baixo do planeta? Ao senso crítico dun humorista -e por riba galego- non lle é allea a lucidez de se decatare que toda groria remata, de que toda conducta atopa o seu finisterre nese abismo; pero en lugar de pontificar e facer escatoloxías trascendentais, do xeito do "Sic transit groria mundi", identificase co bó esquelete que camiña entre as cousas terribres deste e do outro mundo sin solemnidades inuteis, coa sinxeleza e a verdade do seu ollo revelador e do seu espíritu cordial.
     Nesta maneira de achegamento ás cousas da vida, coma o mesmo Castelao recoñeceu, latexa non só o seu propio xenio, senón o esprito do noso pobo: "O meu humor ven de labregos e mariñeiros (únicos donos do espíritu da terra)..."


Unha proposta ética

     Pesia a tóda-Ias reflexións encol do tema, atópase Castelao coa dificuldade de definir qué cousa sexa o humor; pois o humor é unha actitude diante das cousas, máis que un pensamento; non se explica, vívese ou experimentase por "via cordis" denantes de expresarse a traveso da literatura ou do arte.
     O humorismo non se aprende nos libros. De ahí que o noso esquelete se rompa a cachola na leria cun deses mortos sabios, que ten lido todo o que se poida ler sobor do humor e remata sen saber o qué é.
     Como consecuencia reflexiona deste xeito: "Un esquelete ten de ser un humorista e un esquelete galego moito máis aínda. Un galego é sempre socarrón ou humorista e a socarronería é o humorismo dos incultos así coma o humorismo é a socarronería dos cultos. Un esquelete galego que trouxo unha biblioteca na cachola debía definir o humorismo e non-o define e según dí non houbo ninguén que o definise aínda".
     Eu, que non trouxen máis de tres ou catro libros na cachola, póñolle exemplos coma estes:

   
  "Un rapaciño pequerrechiño escacha unha botella de aceite nas pedras da rúa e o pobriño chora. Un home gordo dende a porta dunha tenda olla ó rapaz e rise. ¿Cal das duas figuras lIe interesa máis a un humorista?"
   
  "Vestir un rapaciño de toureiro ou de militar no antroido, ¿pode ser humorismo?
   
   -Direille... direille -contesta sempre o sabio esqueleto-. E non me dí nada."

     É a traveso destes sinxelos exemplos como quere Castelao deixar constancia do carácter ético do seu humorismo. "Eu non pretendo divertir a ninguén", afirma, noustante, por si alguén non se decatou aínda da sua postura.
     Conscente de que vive nun mundo de homes, que non valen nin dez reás moitas veces, e nunha terra asoballada, fai do seu humor un arma de loita e de denuncia, (aínda que non a única, pois militou tamén nun galeguismo activo). Os seus principales ataques iban en contra dos caciques e dos explotadores de toda caste, cos cales o seu "ferrete" non ten piedade. Na mesma ultratomba atópase o esquelete cun vampiro que sae tódalas noites do cimeterio a chuchar o sangue das víctimas novas e, facendo indagacións, descobre que en vida foi un cacique de sona; así que, matinando no xeito de se desfacer del, pensa: "Vampiros hainos; pois logo polo sí ou polo non, deberían queimarse a todos os caciques".
     Dada a situación histórico-social que está a vivir atópase Castelao na imposibilidade de prescindir da ironía -e decir, da "burla fina e disimulada"- e aínda da sátira. Desta imposibilidade deixa constancia na devandita conferencia: "Nun pais ben gobernado, onde hai dabondo fartura os humoristas non choran nin firen; por eso non haberá optimismo nos humoristas galegos, enraizados na terra, namentras escoitemos os seus laios de dor. E velahí tendes a razón do meu pesimismo, un pesimismo que eu maxino ceibador".
     E máis adiante dí: "O dibuxo humorístico debe sere outo e pra iso ha de furar os nosos sentidos e meténdose no mundo interior domeará os nosos sentimentos axeitados ao Ben; disa maneira será útil. Diante diste Arte non terán razón os evolucionistas que consideran todo Arte como un xogo ata chegar a opoñelo a toda utilidade".
     As afirmaciós en tal dirección ética poderían multiplicarse. É unha ética que pon en entredito o concepto clásico de Beleza; tal como estaban a facer, máis ou menos polas mismas datas e en toda Europa, os expresionismos de todo signo que inzan as máis váreas realizaciós artísticas: cubistas, dadas, fauvistas, ultraistas, expresionistas nórdicos, Charlot ou os irmaos Marx... e incluso os surrealistas. Breton exclama: "A Beleza será convulsiva ou non será".
     Neste sentido Castelao será "moderno", aínda que non pretenda selo; será universal, aínda que soio queira reflexar a realidade galega; pois por debaixo dos seus monifates asoman arquetipos humáns de sona eterna. I o seu pesimismo, que él define de raiz galaica, atoparía máis dunha extremidade nos diversos existencialismos que enchen o pensamento europeo da primeira mitade de século. E así como Valle fai da sua estética dos "espellos cóncavos" unha ética fondísima; a ética pesimista e galaica de Castelao revírase nunha estética da que xurden os "relatos macabros", o dibuxo humorístico e a caricatura.
     Rexidos todas estas tres manifestacións polo precepto da simplicidade expresiva, dos trazos puros e fundamentáis, que nos achegarían a estéticas tan alonxadas da nosa, coma a zen ou a xaponesa, tamén isto é un achazgo do século XX, que refugou tantas grandilocuencias inuteis.
     No mesmo ensaio, cando fala do dibuxo humorístico, acláranos esta relatividade da Beleza: "Eu que xa fai moito tempo biquei pra sempre a Venus de Milo, non ando detrás da Beleza, e no dibuxo, coma na idea, somente busco a Verdade, convencido como estou, do acerto daquil vello principio escolástico: "Verdade e Ben e Beleza, son convertibles".
     En todo hai fealdade, se queremos, i en todo hai Beleza sabendo fitar as cousas.
     Cando Castelao escribe estas verbas operouse dentro del unha transformación ben fonda que o afasta totalmente das suas primeiras manifestacións como dibuxante e que él mesmo se encarrega de refugar:

     "Na miña primeira mocedade, dina da "Casa da Troya", cando a miña alma sorría de xarampón e non pensaba máis que en sair de tuno tocando guitarra polas rúas, fixen os primeiros dibuxos humorísticos nunha revista pra "americanos". Acúsome de ser eu quen dou empezo a isas carantoñas parcas, a ises monicreques noxentos a ise humorismo de taberna..."

     O humorismo ben entendido comenza por un mesmo. Esta noble autoacusación danos a clave de por qué o "ollo de vidro" é mais lúcido do que o ollo natural; pois un non ve a auténtica realidade cos ollos do corpo, senon cos ollos do espíritu. O mesmo que outro Edipo, Castelao guinda coa vella ollada, con aquel ollo grolo inservible, pra atopar a ollada interior, a que serve para "expresar ideas", aquela que "repousa nun comentario xusto da Realidade"; mais, a diferencia de Edipo, o seu persoaxe non perde os ollos de xeito tráxico, senón "macabro": é un seu galo quen lle manxa o ollo grolo, coidando que sería millo.
     ¿Non é este acto unha parábola precisa da perda da ollada inocente que toda realidade brutal opera en nós? ¿Non hai sempre un "galo famento" ao noso carón, agardando pra nos espetar o bico da sua maldade no intre en que máis confiados estamos; incluso cando o que facemos é estar ofrecéndolle o froito do noso amor? ¿Qué queda despois de tal experiencia revulsionadora, senón chiscarlle o ollo desamorado á mesma realidade que nos roubou a fe? ¿Non é, aínda por riba, esa capacidade de chiscar o ollo un xeito de amor; non lle estamos perdoando co noso chisco que sexa tan noxenta...?
     Non podo deixar de establecer un paralelo -que probablemente non sexa casual- entre este ollo manxado polo galo Tenorio i o ollo encetado pola navalla, que abre a primeira secuencia da película de Buñuel e Dalí: "Un chien andalou". Tamén eles pedían refugar a vella ollada, atopar un novo xeito de achegamento ás cousas, unha óptica aprofundadora, que permitise caletrar a verdade agochada debaixo das aparencias; a realidade "podre" na que aboiaba toda Europa.
     Buñuel e Dalí facían eso no ano 1925. A formulación do "macabrismo" lévalles cinco anos de ventaxa. Mais a atmósfera espiritual no que estas manifestaciós se desenrolaban era similar. E si Joyce pode facer pasear ao seu anti-Ulises por Dublin; Valle-Inclán fai descer aos infemos da noite madrileña e pasearse polos espellos do calexón do Gato ao seu héroe homérico, Máximo Estrella; e Kafka fai deambular polos seus laberintos interminables ao atrapado señor K; ou Musil ofrécenos o seu borne sin atributos..., Castelao enche de anti-héroes "heroicos" a epopeia galaica: a Marquesiña, o Rifante, o Saramaguiño, o Bieito, o pai de Migueliño... i ese exemplarmente "épico" Rañolas que, despois de se sobrepor a todas as limitacións físicas e morais, aínda ten azos pra fuxir deste mundo nun derradeiro acto revulsionador. Todos eles semellan saídos dun retablo románico e
conservan a quente sinxeleza expresiva do popular.
     Finalmente é na caricatura onde o arte de Castelao acada máis cumpridos froitos. Ningún arte máis axeitado á nova ollada, que quere ser un reflexo "xusto", é decir, interiorizado, psicolóxico; unha ollada que busca o matiz e non os "atramallos", o rostro e non a máscara e cuia premisa fundamental repousa na afirmación de que Verdade e Beleza coinciden.
     Pra rematar esta breve comunicación, na que non fago máis que esguellar algunhas das moitas consideracións, éticas e estéticas, a que se presta o humorismo de Castelao, lembro as verbas limiares da devandita conferencia sobor do humor, exemplares na sua humildade e probablemente proféticas:

          "Non veño buscando gabanzas, nin loubanzas, anque fosen merecidas, e polo que poida importarme a min, compre que vos traduza unhas verbas do gran humorista inglés Chesterton:
          "O home é vano coas virtudes que non ten podendo sere humilde coas virtudes que ten. Se o pensamento dun home está erróneamente cheo coa idea de que é un gran violinista, iso non Ile priva de que sexa un home de ben; mais si algunha vez o seu pensamento está inzado coa idea de que é un home de ben, axiña deixará de selo"
          Ollade, pois o mal que me podedes facer".


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega