In Extremis

 

 

v3isaacferreiraextremis.html






MANTIS RELIXIOSA


Casa solitaria, á beira do camiño. Un home, aínda mozo, achégase á porta. Olla para un e outro lado, indeciso.

 

Voz de Mantis

Por fin apareces. Entra. Tanto tempo a agardarte. Xa desesperaba de que ficase algún ser que ulise a macho. Non teñas medo, pasa.

 

O home accede á estancia, que se ilumina con fachos e ofrece un escenario excepcional. O piso, estrado de caveiras. No centro, Mantis. Un vestido negro cóbrea até os pés, mesmo lle arrastra unha miga. As amplas mangas da prenda só deixan ver unhas mans de finos dedos defendidos por longas uñas de metal. Toda a figura moi estilizada. A súa sombra fende o cuarto en dous.

 

Mantis

Ah, si, son cabezas. Cabezas de toda idade e condición. Como ves, cultivo campos de cabezas. Ao final, todas veñen parar a min. Reis, señores, amos e criados xacen aos teus pés. Non hai unha que eu non cortase, rapase, devorase. Un traballo realizado con entusiasmo, e con rigor profesional. A vida enteira entregada a el, sen acougo, sen pestanexar. Un acto de amor. Este é o resultado da miña dedicación. Mira como locen.

 

Leve pausa. O home retrocede

 

Sei o que pensas. Certo. A porta desta casa só abre para entrar. Agora é a túa casa. E eu son a túa luz. Convídote a deitármonos sobre un leito de cranios. Ante os cadáveres dos nosos inimigos. Gardo íntimos tesouros para o home final. Unha alcoba de luxo no fondo desta lagoa vermella. Entre sabas de holanda agacho o lume. Baixo un dosel de soños. Nun forno de pracer. Bebe, amigo, de min, e compartiremos o segredo. Será un coito grandioso.

 

Pausa. O home, paralizado.

 

Despois eu voltarei ás sombras. E ti non estarás.







LOIRO SOBRE NEGRO



Fitas, rectángulo, almofada, bágoas, caras tristes, humidade, negro.

 

Loiro

Non me podo mover. Non sinto as pernas. Os ollos son cortizas. Na gorxa un estropallo. Que calor vai! Se me trouxésedes un vaso de auga... Continúo a suar, poida que sexa o medo. Debería estar frío. Mulleres, homes, nenos. As pisadas nos chanzos. Vanse. E veñen outros. E máis, e máis; non paran de pasar. Entre toda esta xente, eu só.
Vanse indo todos. Só resta miña nai, percibo o seu perfume preferido. Que ben oles, mamá! Non chores! Se pudese falarche... Hai alguén máis, escoito a voz dun home. Eh? El proponlle unha cita. Miña nai cun amante! Agora comprendo por que non veu papá. Estáseme poñendo tesa. Será a falta de osíxeno? Non, non pechedes! Por favor, non! Nooon!


Zas!







DIARIO DUNHA NENA QUE COÑECEU A MR. HYDE

 

 

Non
Non entendo
Non entendo por que me mandastes á casa do doutor ás tres da mañá
Non entendo por que non foi un de vós
Doulle o aviso ao médico da familia
De volta paso por diante da casa de Mr. Jekyll
Luz do gabinete acesa
Doutor Jekyll a ler
Sobre a mesa do escritorio un vaso
O doutor colle o vaso e bota un grolo
Mr. Jekyll desaparece
Outro home pasa por diante da luz e sae do gabinete
Eu arreguizada abandono o lugar a todo canto me dan as pernas
Irrompe alguén na encrucillada
Eu tumbada no chan
É o home do gabinete de Mr. Jekyll
Alguén corre detrás do home
Eu quero gritar corra señor corra que non o pillen
Mais a voz non me sae
E agora queredes cargarlle o morto a ese home
Non entendo por que
Eu tumbada no chan
Non entendo por que aceptades cartos dun descoñecido
Teño frío
Non entendo por que
Non vos entendo
Non.

 






MORRER EN HYDE


 

marzo lúa vento barrio frío po

 


pisadas gabinete beberaxe
eu doutor Jekyll
carauta chave dor
espello xelo
non morto nubes refolada golpes
silencio palidez
machada pechadura porta cuarto
lámpada cheminea
ampola lume man
xemido medo gritos arrepío
alfombra Hyde corpo
espasmos noite.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega