J. P. Sartre: Un centenario discreto para un intelectual indiscreto

 

 

v2xcgarridocouceirosartre.html

«A forza propulsora da historia, incluso a da relixión,
a filosofía, e toda teoría, non é a crítica, é a revolución»

                    K. Marx


     Xa hai 25 anos que está fóra de servizo o seu corpo maltratado polo whisky a escondidas e os "Boyardos", polo que, senón fose nada máis que iso lembrar hoxe o seu centenario non tería sentido. Mais hai unha obra e un pensamento que sobreviven ao autor, que prolongan á súa existencia entre nós como unha das súas personaxes mal enterradas, pantasmas que nos escoitan falar mal deles mentres se enchen de carraxe pola impotencia de non poder respondernos na medida en que os deixamos de ler.
     Quixéramos aquí meter carne nese espírito errante e darlle a palabra. Xuízos sumarísimos como os de Bernard-Henry Levi reclaman a súa resurrección para volver velo polemizar, destripando aos novos filósofos, o mesmo que fixera outrora cos seus amigos Camus, Merleau-Ponty, Lefort, ou Aron.
     Agora entendemos porque tivo un enterro tan multitudinario. Querían corroborar o seu estado inerte para despelexalo sen riscos. O interese do Presidente francés en asistir ao velorio non era para asimilalo. Giscard D´Estaing só quería certificar a súa defunción. O pai desta ultraliberal Constitución Europea, colouse silandeiramente nos sotos do Hospital Broussais co fin de verificar que non alentaba ao fin tan incómodo concidadán, tan "mal francés".
     Moito interese en botarlle terra ao asunto. Non só a dereita que quería fusilalo tal como acreditaban os balados de París; tamén á esquerda oficial, lle resultaba embarazoso que lle reclamase unha postura contundente a prol das loitas de liberación nacional, mesmo dentro das fronteiras de "eternos" estados europeos como Francia ou España. Tampouco estaba cómoda a extrema esquerda cun intelectual que se solidarizaba con eles cada vez que eran represaliados pero que os criticaba polas súas accións violentas indiscriminadas que favorecían á reacción e ao desprestixio da causa. Nin sequera era do agrado das revolucións triunfantes, non só naqueles socialismos que daquela se dicían reais, que tanto denunciaba o seu imperialismo como a quen denunciaba o seu imperialismo para favorecer ao inimigo (polémica con Camus), tamén os experimentos heterodoxos (Tito e Fidel) que contaban co seu apoio fronte ao bloque americano, topaban con que non deixaba de asinar manifestos cada vez que facían algo que o contrariaba (Caso Padilla) Parece que poucos o botan de menos.
     Onde se meteron os 30.000 aflixidos adeptos do seu cortexo fúnebre? Desde a semana seguinte do enterro xa ninguén volveu falar del. E hoxe, nestes tempos de campante neoliberalismo é de entender que se acale ou se caricaturice coma un entrañábel estalinista ou un terrorista amable e romántico, utilizando algunhas "situacións privilexiadas" da súa vida —segundo terminoloxía da La nausée— para fixalo ao pasado e evitar calquera posibilidade de acreditar na súa vixencia.
     Mais, se Sartre non aporta nada, para que lembralo? Quizais tan clamoroso silencio mostra que ten aínda moito que dicir.
     Poñamos a orella. Quizais esta psicofonía non acerte cos termos axeitados para poñer na súa boca pero quen se definiu como unha máquina de producir palabras (Les mots) non pode personarse mudo na súa homenaxe pois a súa obra aínda rebule e as personaxes que el creou respiran elocuentemente. Algunha como Pierre (Les jeux sont faits) e Garcin (Huis clos) mesmo saíron dos libros para expresárense xa nunha outra linguaxe, a cinematográfica, amosando estas almas en pena que hai cadáveres que teñen moito que contar.
     Sartre segue a ser ese Pierre que na súa segunda oportunidade ía topar coa desconfianza dos seus correlixionarios pola súa vida politicamente incorrecta, mais acaba compartindo con eles, cos oprimidos a súa sorte, aínda que estiveran equivocados en estratexias suicidas de revoltas sen futuro, pois as veces a fosa común é preferíbel a sobrevivir como traidor (Morts sans sépulture) Sartre sería o Garcin contraposto a Pierre na súa covardía, mais omnisciente nas súas culpas ata sentirse merecente do inferno máis terríbel, ese que habita na mirada dos outros. Desde ultratumba, a través deles Sartre continúa a falarnos: O ser humano, unha paixón inútil; o amor é imposíbel; a política mancha, a literatura non vale nada diante dun neno que morre de fame; se Deus existe, é o seu problema... Palabras e máis palabras que nos saberían a derrota senón for que veñen de quen veñen. Sartre un perdedor? Que máis quixera! Demasiado éxito colleitado en vida, centos de amantes, cartos a esgalla sen saber de onde viñan nin a onde ían, premios, recoñecemento... rei filósofo lle chamaban. Outra cousa é que rexeitara honores porque así consideraba que sería mellor lembrado de morto: que equivocado estaba.
     Perdedor? A cada derrota chamáballe "chocar co concreto", e iso é unha vitoria para quen pretendía desenmascarar ao home abstracto. Impútanselle moitas derrotas por manterse ao lado dos máis débiles, pero máis alá das batallas perdidas poderíamos lembrar guerras gañadas. No 1958, cando aínda ningún partido sostiña na Francia a independencia de Alxer, Sartre sacou o seu "Todos somos asasinos" e púxose á beira dos independentistas. Lembremos a súa presidencia do Tribunal Russell para a Guerra de Vietnam, destapando á opinión pública os crimes que estaba a cometer EEUU e que hoxe xa ninguén nega.
     Luxouse as mans (Les mains sales) e as súas declaracións foron literalmente explosivas: No prólogo a Fanon (Les damnés de la terre) sostén que matar un branco é liberar a un opresor e a un oprimido; no Procéss de Burgos de Gisèle Halimi no 1971 afirma "a loita armada por un Euskadi independente e socialista, esta é a esixencia completa da situación actual. É isto ou a submisión —que é imposíbel".
     Posiblemente hoxe non diría o mesmo. Entre outras cousas porque si o dixera acabaría na cadea, ou alguén pensa que queda algún Degaulle que berre ao seu ministro de Xustiza: "non se pode prender a Voltaire!". Eses eran outros tempos.
Mais a cuestión non é se Sartre mantería ou non o mesmo que dixo. Cantas veces se desdixo? Despois de afirmar que na URSS había total liberdade, denunciou a invasión de Hungría ou Checoslovaquia. Do que se trata é de coñecer ao Sartre que para defender un mesmo proxecto di en cada momento cousas diferentes. Hai quen lle gustaría clasificalo como comunista para librarse del. Poñerlle a etiqueta e arrombalo cos souvenirs do muro de Berlín. Mais el non se vai deixar cazar tan facilmente. A súa obra segue despistando ao inimigo, como autor recoñece que non pode xogar a ser Deus, pero tampouco está disposto a rebaixarse a engaiolar coma un animal. É humano como o homosexual de La nausée —que di a verdade cando mente negando a súa condición diante do represor, porque ninguén é comunista ou homosexual como quen é unha pedra. Os oprimidos non se poden deixar atrapar pola miseria anti-comunista ou homófoba dos desclasados. O corso e a muller, representantes de colectivos que foron educados para odiarse a si mesmos, agriden ao homosexual cando ao fin conseguen petrificalo por moito que se resiste a ser catalogado. Non lle deixan falar. Non lle deixan definirse, como ao comunista que non lle permiten explicar que significa para el o comunismo senón que xa lle colgan os gulags antes de que abra a boca.
     Se algunha vez se lera La nausée con outros ollos e non a través da "insípida obscenidade da existencia" con que a despacha a intelectualidade superficial, quizais se entendería que as ficcións, esas palabras que se esvaran das cousas ate mergullarnos no noxo da totalidade, fanse reais e cobran sentido cando se encadean unhas con outras no seo dunha existencia autentica.
     Checoslovaquia xa non existe, a URSS tampouco, Sartre tampouco... Qué sentido ten hoxe lembrar o seu xesto de rexeitamento do premio nóbel para chamar a atención polo uso que del se facía para crearlle problemas aos países do Leste? De qué nos serve un Sartre disecado nalgunha das súas accións ou expresións? Tampouco pretendamos redimir a quen collía a pluma como quen colle a pistola. Non queiramos dulcificar a quen considerou que a guillotina se quedara corta na revolución francesa. Pero vaiamos ao esencial, ao que hai de común en todas as situacións (Situations) polas que transcorreu a súa existencia e que en conclusión é o que definen ao auténtico Sartre.
     O que ensina o autor da Critique de la raison dialectique a quen queira escoitalo é a descubrirnos escorrendo o vulto, mostrarnos como a conciencia inventa diferentes "Eus" para ocultar a nosa responsabilidade (La transcendance de l'égo) e sobre todo, desenmascarar a tanta puta respectuosa (La putain respectueuse) que se lava as mans en sangue, que se deita co poder a cambio de prestixio, que se disocia do seu corpo e pretende construír unha moralidade espiritual e casta duplicando a realidade, creando o mundo das ideas por unha banda e o mundo sensible pola outra, para ter sempre onde poñerse a salvo en caso de problemas.
     Moita putain respectueuse que busca calquera desculpa para desentenderse dos de abaixo mais está disposta a todo por gañarse a consideración dos de arriba. Despois de todo os de abaixo tampouco son santos, por qué sufrir por eles? non o merecen. Os negros e os comunistas cantos crimes cometeron, lembremos o que lle fixeron á familia do Zar —ata mataron aos nenos— ou lembremos calquera cousa que nos serva para colocarnos á beira do sol que máis quenta. Unha vez que é imposible manterse á marxe, a prostituta elixe traizoar aos perseguidos: quen puidera evitar elixir, mais existir é estar condenado a ser libre.
     O Jean do seu guión cinematográfico de "A Engrenaxe" espétalle á Lucien que asasinara a Benga —acusado de traidor e que logo se comprobou que era inocente— para que el —quen fora o designado para esa tarefa— puidera conservar a súa pureza. Mais non por iso se librara pois é imposible botarse fóra sen que iso teña consecuencias cando cada quen é unha peza dunha máquina onde ninguén é inocente.
"Todos somos asasinos" neste planeta onde tantas mortes podían ser evitadas. Uns máis que outros, seguramente mata máis quen máis puro se considera, aquel que transfire toda culpa á vontade dun Deus ou dunha patria mistificada, ou á inmensa totalidade intransformable, á decepción polas revolucións desviadas, ... cantas escusas!
     Sartre, en cambio, era deses que non tiña coartada e que acababa confesándose culpable de todo o que ocorría no mundo. Posiblemente segue a selo a través das súas personaxes, nin a morte lle serve de pretexto. Mesmo personaxes tan desarraigadas e apáticas como Antoine Roquentin da "Náusea" seguen aí, fracasando na súa intervención en favor do homosexual. Non precisamos recorrer ao pacifista Lucien e o violento Jean que fracasan igualmente desde puntos de vista tan diferentes ao pretender socorrer a un xudeu. A través deles Sartre segue inutilmente a saír de si mesmo para solidarizarse con pobos, clases e xéneros aos que non pertence; frustrándose a súa intervención na medida en que a salvación deles pasa precisamente por sentir que poden prescindir da súa protección. Porfía unha e outra vez neste auxilio insultante por canto descobre que é a través destes actos como logra librarse do noxo dunha existencia na que todo valería o mesmo e conseguintemente, tanto tería un monte de bosta coma un ramo de caraveis.
     Desde a súa primeira novela de adolescencia do príncipe desdeñado polas cousas cheas de almas, ata L'idiot de la famille no que pretendeu comprender a Fraubert, e con el a tentación da irresponsabilidade do intelectual, Sartre tratou de xustificarse. En definitiva, para el vivir foi tratar inutilmente de demostrar que hai cousas polas que merece a pena morrer. Deixou o camiño da súa existencia estrado de palabras. E tivo a honestidade de confesar que ditas palabras mataban. Só pretendemos con esta lembranza alegar na súa defensa que hai algo que mata máis que a palabra e é o silencio.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega