Leonor á maneira do amor cortés (Cantiga de Amigo)

 

 

Leonor á maneira do amor cortés

     Leonor fala coas amigas e fai tribunais de amor, como no século XIII. Morro de desexo e non atende ás miñas cuitas. Escribinlle poemas. Canteillos na rúa vestido coma un xograr. E chamou á policía. Escribín historias de cruzadas e de feitizos e de dragóns e de princesas. Falei co seu psiquiatra sobre esa obsesión. Fixen de todo. Di que desafino cando canto. Que abuso dos adxectivos cando escribo. E non me deixa consumar, co ben que iso podía facerlle. E sobre todo a min. Debería entender que son poeta ao seu servizo, que coñezo as regras do xogo e que estou disposto a facer o que decida. Faría calquera cousa por un bico de mía señor dama fremosa, que eu son cabaleiro, sen cabalo e con coche, pero cabaleiro entregado, e a teño por Señor, amostrádema Deus se vos en pracer for, que invente probas perigosas, leliadoura, superareinas todas por alcanzar os seus favores de amante. Así ata á fin, atafiínda, dobre e mordobre, ondas do mar de Vigo se vistes o iate da miña amiga, ai Deus, que se decate de que existo. Leonor: deberías ceder, e lembrar que de cando en vez as damas acudían aos encontros cos trobadores. Coma eles hai case mil anos pido pouco: unha ollada, un encontro carnal fugaz. Ela é nobre. Eu plebeo. E sufro por amor, como bo trobador mentres ela goza na súa corte de amigas e pastillas falando dos homes cos que nunca se deitan.
     Leonor debería ler outro tipo de literatura e daquela retiraríanlle a sedación e quizais me descubrise. A min, ao seu amigo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega