Ler ou non ler, esa é a cuestión

 

(Texto íntegro)

 

v2rozadosrochilerounonler.html

"Busquei en todas partes o acougo, e non o atopei máis ca sentando nun recanto cun libro nas mans". Thomas A. Kempis.


     Xa no século da Ilustración dicía o vello e sabio Voltaire que todo o mundo coñecido, agás as nacións salvaxes, era gobernado polos libros. Iso demostra a importancia que teñen coma portadores da sabedoría é o coñecemento da nosa especie.
     Un libro encerra en si mundos enteiros, coñecidos e descoñecidos, vividos ou soñados, pero mundos, á fin, sólidos, que deixarán pouso infindo no lector. Quizais sexan tamén as únicas riquezas que herdamos do pasado que a nosa posteridade non poderá malgastar, porque un libro é a única cousa inmorredoira, tal e como deixou escrito precisamente o que gracias a un libro é tamén inmorredoiro: o xenio das letras castelás Miguel de Cervantes, creador do máis célebre fidalgo que a humanidade lembra.
     Era este un home que ficou coma paradigma da liberdade humana, da imaxinación e do amor pola aventura, virtudes todas elas fermosas e herdadas por él —que fixo ler a medio mundo—, á súa vez, da lectura, dunha lectura que o toleou e o transformou no máis marabilloso personaxe de ficción creado pola mente humana.
     Edward Gibbon, un dos máis grandes historiadores europeos do século XX, dixo que non cambiaría tódalas riquezas da India polo seu temperán e invencible amor pola lectura. Podemos ter a certeza de que alguén que le desde cativo ten moitas probabilidades de ser, co paso dos anos, un home valioso para a comunidade na que desenvolva a súa vida. E ten moitos máis valores a lectura. Un libro constitúe unha mensaxe directa para nós de persoas que nunca antes viramos, pero a pesar de todo érguennos, abráiannos, ensínannos, confórtannos e abren os seus corazóns coma se fosemos seus irmáns.
     O libro é todo un tratado da mellor amizade que un home poida ter nunca. Un libro é unha boa compañía, e, en fin, ata de un autor romano coma Plinio aprendemos que non hai libro tan malo do que non se poida aprender algo bo. O destino de moitos homes dependeu de haber ou non unha biblioteca na casa paterna.
     Por todo eso sabemos que a mellor forma de medrar é sempre cun libro nas mans, e tamén somos conscentes, sobre todo, de que o cativo que medra cos libros nunca deixará de medrar, nen sequera cando chegue a adulto, porque como ben sabía Jeremy Collier, para que o home sexa forte debe comer regularmente, e para que sexa sabio debe ler sempre. Medremos pois, cos libros, que nos farán medrar sempre.
     Medrar cos libros é productivo, pero non só iso: tamén é ameno, divertido, e permite coñecer mundos sen saírmos da habitación, falar con antepasados cos que doutro xeito non poderiamos falar, admirar a seres imaxinarios que teñen a súa propia vida en mundos alternativos e, por se iso fose pouco, axuda a conquerir a andamiaxe cultural que nos vai servir para camiñar polos sendeiros da nosa vida futura. Todo está nos libros, esa é unha verdade incuestionable. Mesmo se pode dicir máis: toda a realidade e tamén a irrealidade, ou cantas irrealidades un poida imaxinar. Os libros, como continentes que son da cultura, non teñen límites, descoñecen —e debe ser o único que descoñecen— as restriccións e as cancelas, e son por iso sinónimo de liberdade e de amplitude. Están abertos a tódalas fiestras que existen nos infindos mundos que os escritores proxectan e crean. Medrar cos libros é, xa que logo, un método de coñecemento cultural e de interpretación do mundo en xeral, absolutamente imprescindible.
     É o libro, coma síntese dese coñecemento, un dos elementos principais que máis nos separa da zooloxía, que máis humanos nos fai, e aporta, ademais, o alento da imaxinación creativa tan característica das verdadeiras civilizacións sabias.
     Permítenos intercambiar importantísimas noticias sobre o presente e o pasado do mundo con tataravós mortos hai séculos, santifica o saber, cambia a nosa vida, anova as súas leis e transfórmaa do que é no que debera ser e, coma un anxo, de cando en vez xoga co mundo enteiro para distracción do lector, o seu devoto.
     Pero sobre todo, é posible medrar cos libros porque os propios libros medran connosco, e son Carapuchiña Bermella ou O Gato con Botas cando somos nenos, son A Volta ó Mundo en Oitenta Días ou Robinsón Crusoe cando somos mociños e son Cen Anos de Soidade, O Aleph ou Historia do Tempo cando, gracias a eles, xa medramos, sen esquecer nunca que, tamén gracias a eles, continuaremos medrando do mellor xeito que se pode medrar, da man de Perrault e Andersen primeiro, con Xulio Verne ou Daniel de Foe despois e, para rematar, mergullándonos neles con Gabriel García Márquez, Miguel de Cervantes, Jorge Luis Borges, Charles Darwin, Humberto Eco, Stephen Hawking, Camilo José Cela ou Italo Calvino, por dicir algúns dos autores consagrados mercé a libros cos que a humanidade se foi e se vai enriquecendo e cos que foi e vai, paseniño, medrando, empurrada pola forza que lle fornecen todos eses xenios que nos deslumbran, nos ensinan, nos ilusionan, nos engaiolan, nos fan rir, chorar e, en definitiva, desenvolvérmonos coma seres humanos, é dicir, a cima da creación segundo quedou escrito no libro que deu nome á orixe mesma da palabra libro: a Biblia.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega