Linguas Mortas, serial radiofónico

 

[Escolma]

 

v9ledoandionlinguasmortas

Paula Cooper

Paula Cooper é norteamericana ten dazaoito anos e está condenada a morrer na cadeira eléctrica. Paula Cooper fixo un atraco aos quince anos. E no atraco houbo morte accidental. Como é accidental e cotiá a morte nun país no que é obriga levar pistola ó cinto. Mágoa que Paula Cooper non seña de Kennesau, pequena vila exemplar de Florida, porque en Kennesau, por orde de Robert Ruble, sheriff, expedida en 15 de marzo do 1985, todo cidadá que non posúa unha arma de fogo será penalizado con 200 dólares.
  
Cando Paula Cooper se sente na cadeira eléctrica e escoite, unha vez máis, o seu alento propio, o mesmo e altivo atento adolescente co que atracou ao dólar na sociedade da opulencia, cando Paula Cooper vaia vir facer un estertor de saqueto baleiro de patacas matutano para o bidón do lixo, eu escoitarei o Cuarteto Cedrón nas letras últimas bonaerenses de Raúl González Tuñón: «si quiere ver la vida color de rosa meta cinco centavos en la ranura».

E algúns e selectos exemplares de cidadán made in USA estarán presenciando a execución en vivo, despois de teren competido para conseguir un dos tickets que a institución carcelaria pon á venda para contemplar o espectáculo, en privado, do pasamento de Paula Cooper na cadeira eléctrica. Actuación única de artista que se retira dando un corte de mangas. Porque aos cidadáns exemplares non lles abonda coa morte en diferido no telexornal das 7 p.m. nin se lles remove o doce de xaleia con Paula Cooper ou cos escuadróns aéreos que na noite do 14 de abril asesiñaron cativos en Bengasi ou en Trípoli.

Cando Paula Cooper se sente na cadeira eléctrica non saberá das palabras de alento, como o seu propio atento, de Rafael Alberti, nen do lamento distande de Moravia, nen da preocupación que medra en territorios mortos para o centro do sistema, para USA, e para os Media. E eu agarrarei o vello libro de Raúl, daquel tempo das solidariedades, cando Raúl veu a  Madrid e escribiu La Rosa Blindada e combatía o avanzo do fascismo na guerra do 36 como avanza agora a pena de morte. Para que a memoria de Paula Cooper se me pegue como o garrote vil e saiba por qué me gusta Paula Cooper.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega