Lingua galega: normalidade e conflito

 

[Fragmento]

 

v9freixeirolinguagaleganormalidadeeconflito
No longo período da Idade Media que vai máis ou menos do ano 800 d. C. ao final da mesma por volta de 1500, e que comprende por conseguinte uns sete séculos, e que denominamos desde o ponto de vista lingüístico como galego antigo ou medio, transcorre máis da metade da vida do noso idioma, superando con clareza os cinco séculos que corresponden ao galego medio e moderno.

Estas sinxelas contas dan pé unha pequena reflexión que, non por elemental, deixa de ser necesaria: considerando a grandes trazos eses sete séculos do perído medieval como unha época en que o galego vive ne plena normalidade como lingua común e única de todos os habitantes daGaliza, coas precisións e matices que se fagan, a tomarmos os cinco séculos do galego medio e moderno como unha etapa de anormlaidade ou subalternización na vida do idioma, temos de concluír que a nosa lingua ten vivido máis tempo ao longo da súa historia como lingua normal para o conxunto dos galegos e galegas do que como lingua secundarizada a outra de procedencia foránea e privada dalgúns dos seus usos.

Isto deixa en evidencia claramente algo que só algúns poden negar, mais que talvez outros cheguen a pór en cuestión por prexuízos sociais ou por simples ignorancia: que o galego ten demostrado suficientemente, como a lingua que máis no mundo, a súa total capacidade para todos os usos sociais e para as máis refinadas manifestacións do espírito, así como válida tamén para estar presente no concerto peninsular, en Europa e no mundo.

Porque cando o galego era a lingua única de todos os habitantes en Galiza -e por tanto tamén de todas as clases sociais do país- se converteu en lingua lírica peninsular, ocasionalmente utilizada fóra da Península, ou de recoñecemento e prestixio, e serviu de vehíuclo a un corpus poético de primeira magnitude no conxunto da creación literaria universal, hoxe estudada e valorada en todo o mundo. Alén disto, a Galiza monolingüe en galego alzcanzou unha proxección europea como xamais lograría ter no sucesivo e Santiago de Compostela converteuse durante séculos na capital cultural e espiritual de Occidente, a onde acudían peregrinos de toda Europa (os historiadores barallan a cifra de 500.000 por ano, o que resulta extraordinario tendo en conta a poboación da época); hoxe Santiago de Compostela vai compartir con outras oito cidades a capitalidade cultural de Europa para o nao 2000 e a cantidade de visitantes que recebe non é proporcionalmente equiparábel a pesar das grandes campañas de promoción.

Á vista disto, ¿como se pode afirmar, segundo aínda subliminalmente hoxe se fai, que o noso idioma é un obstáculo para os galegos estarmos presentes na Península e en Europa ou para sermos visitados polos de fóra? ¿Cando foi Galiza máis europea e universal que polo século XII ou XIII? ¿Cando fixo o xenio creador galego máis contributos á cultura universal? Fronte a esta realidade da Galiza monolingüe medieval, ¿que proxección exterior tivo e que contributos fixo á humanidade a Galiza dos séculos escuros, tendo como tivo por única lingua oficial o castelán, mentres o seu idioma ficaba sumido na desconsideración social e os seus falantes eran vítimas dun progresivo complexo de inferioridade? ¿Que escritores galegos dos séculos XVI e VII destacaron, aínda que fose a usaren a lingua dominante? ¿Non tivo no drama social da emigración a maior proxección exterior que a Galiza do século XIX e XX alcanzou, tendo tamén como única lingua oficial o castelán? ¿Non foron Rosalía, Curros e Pondal os que lle devolveron, co uso literario da nosa lingua novamente, algunha dignidade e prestixio a Galiza e ao conxunto dos galegos e galegas, así como presenza no ámbito da cultura universal? ¿Que pode achegar á humanidade unha Galiza submisa e calada, incapaz de falcer ouvir a súa voz no seu propio idioma?

Evidentemente, o idioma que un pobo crea e desenvolve con todas a soptencialidades do espíritu nunca pode ser un obstáculo para a proxección exterior e para o progreso dese pobo. Ben pola contra, un pobo privado do seu máis prezado signo de identidade individual e colectiva é un pobo coutado no seu espírito creador e imposibilitado par ao progreso material. Galiza, como nos ensina a historia da nosa lingua, cando foi desposuída do uso digno do seu dioma e se lle fixo sentilo como inferior, acabou avergoñándose de si mesma e terminou por emigrar, sumida na miseria. Por iso hoxe máis que nunca cómprenos aos galegos recuperarmos o orgullo e a dignidade da nosa lingua e con el o de sermos galegos; de non o facernos así, non só corre perigo o dioma, senón tamén o futuro de Galiza como pobo diferenciado e o dos galegos como persoas dignas e prósperas. A boa saúde da lingua galega será, pola contra, o mellor síntoma da prosperidade cultural e material dos galegos. As mil primaveras máis que Cunqueiro pedía para o galego han ser a garantía da pervivencia e o progreso de Galiza no terceiro milenio.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega