Loor de tolemia e desprezo de cordura

 

(Texto íntegro)

 

v1maricacampoloortolemia.html


Sinto voces de area,
a miúdo sinto voces de area:
entran polos ollos, polo nariz,
afogo, raian o esmalte dos dentes
e estou tola de atar
(paro ninguén o sabe).

Endexamais direi
que fago os meus castelos sobre a duna
con presadas de duna
e argamasa de cuspe.
Non lle reclamo ao vento nin á area,
eu elixín lugar e arquitectura.

Ás veces saio ao mar nun barco vello
carenado de algas e buguinas,
por mascarón de proa
a lúa de xaneiro no devalo.
Salferida me atopan os menceres,
rota de roupa e pel, rouca de sede,
e estou tola de atar,
(pero ninguén o sabe).

Non hei contar que vou tras dunha illa
que vaga polo mar porque é pantasma.
Non hei dicir xamais que non hai porto
onde amarrar a áncora de néboa.
Non hei culpar a búsola se eu collo
por rumbos que non hai ou naufragaron.

Pero irei polas prazas a berrar
recrutando seareiros para o soño,
(abstéñanse os prudentes, os que miden
a calor dunha aperta por se afogan.
Contraseña: "Estou tola de atar")

Habemos de chorar pola beleza
que, se é efémera e manca, é máis fermosa:

O castelo na duna
con ventás, con ameas
penduradas do aire, con raíces
de cancións que andan ceibes
anoadas nos dedos que constrúen
para o pracer do vento..

Tras a illa pantasma
no barco vello, aluarado, avante!
Co salitre na boca,
coa áncora de néboa, cos argazos,
tras a illa que foxe
n a u f r a g a n do para pracer do mar.
......................................................

Estar corda é ficar de pedra ou bronce,
ficar estatua firme,
contra vento e marea, contra vida:
Non ver os vagabundos
que merendan miseria polos parques,
non escoitar rumores
de bicos, nin o arrolar das pombas,
non falar nin dar berros,
corazón con mordaza que non canta.

Nos pés das estatuas os cans mexan
e foxen a outra parte,
estorniños e pombas
agasállanlles boca e mais meixelas
co albaialde do noxo.

As estatuas non sofren nin padecen,
non senten as areas polos ollos,
non fletan barcos rotos pola noite,
non sangran, nunca sangran,
están cordas de atar, átanse á terra,
como xelo son duras e non gozan
co arrecendo das lilas.
.........................................

Se un día eu for estatua,
seareiros do soño, tolos, tolas,
regresade por min dende a tolemia,
berrade que reviva,
que eu son tola de atar e que o sabedes.

Mais se a pedra non cede,
se por ser xorda e cega non me volve,
se as poutas da cordura non me ceiban,
rompédeme, quebrádeme,
facédeme area no muíño,
levantade unha torre
para pracer do vento.

          11 de novembro de 1999. Día dos Tolos

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega