Lugo: cultura a república. As manifestacións intelectuais dunha cidade galega entre 1931-1936

 

[Fragmento]

 

v2pardodeneyralugo.html




1. INTRODUCCIÓN

     España es una República democrática de trabajadores de toda clase, que se organiza en régimen de Libertad y de Justicia.
     Los poderes de todos sus órganos emanan del pueblo.
     La República constituye un Estado integral, compatible con la autonomía de los Municipios y Ias Regiones.
     La bandera de Ia República española es roja, amarilla y morada.


     Desta forma falaba o art. 1 ° da carta magna da segunda república española, promulgada como norma fundamental do réxime o 9/12/1931 polo presidente das cortes constituíntes Julián Besteiro, fillo de lugueses. A república fora instaurada o 14/04 anterior, dezanove días despois de que a igrexa dos franciscanos de Lugo acollese unha nutrida representación das elites cidadás co gallo do funeral polo dictador o marqués de Estella.
     Evidentemente, tralas eleccións que levaron o poder ós representantes políticos da liberdade non é que se agachase unha realidade conducente á visión dunha España que se deitou monárquica e, a continuación, erguíase republicana. Nada máis simple e falso que iso, porque a realidade histórica pode conducir a pensar que, de feito, o que se chamaba "reino de Ias Españas" pouca tradición monárquica posuía arredor do 31.
     En efecto, a comezos do século XX un rei apareceu como rei constitucional de España: Afonso XIII, pertencente á nova casa real dos Borbóns-España que se inaugurara trala guerra de sucesión española a comezos do século XVIII. Mais antes desa familia, póla segunda da casa real dos Borbóns de Francia, a familia que ocupara a cadeira rexia desas "Españas" foi a tamén foránea casa de Austria-España, á súa vez emanada da casa de Habsburgo de Austria. Entrementres, un outro rei pertenceu a outra familia real estranxeira: Amadeo I de Saboia, da italiana casa de Saboia.
     Había, pois, máis de catrocentos anos que os reis españois non levaban un alcume de familia procedente, por agnación, dos seus devanceiros conectados cos exercicios monárquicos en terras hispánicas. Aínda así, e quizais por iso, os Borbóns de Afonso XIII dende o seu asentamento na cadeira española, baleira pola incapacidade total de Carlos II de Austria, non pararan de utilizar un espírito de españolismo constante. Mesmo parecía que os devanceiros do rei Afonso sempre foran reis de España.
     Filipe V, fillo dun delfín francés e o primeiro dos novos para a península Borbóns-España, como dixen, chegou ó exercicio real despois dunha guerra española, despois de aceptar non dividi-Ia herdanza do seu parente Carlos II. Luís I, outra vez Filipe V, Fernando VI, Carlos III, Carlos IV, Fernando VII e Isabel II foron os reis sucesores na coroa española derivada da francesa.
     En 1868 a revolución gloriosa botou fóra de España a filla de Fernando VII, segunda das mulleres titulares da coroa dende a católica Isabel I, dona dos territorios por se-la herdeira da bastarda casa real de Trastamara, que se fixera coa titularidade dos reinos familiares despois do asasinato na batalla de Montiel, en 1369, do rei Pedro I a mans do seu medio-irmán Henrique II. Isto é, mesmo a familia anterior á dos arquiduques de Austria aparecera no seu exercicio real por medio dunha guerra fratricida.
     Tralo sexenio revolucionario, España viviu a proclamación da primeira república, non sen antes un ensaio monárquico con Amadeo I á súa cabeza.
     En 1869, España conseguiu unha carta magna de incipiente raíz democrática, pois concedeu o sufraxio universal (pero masculino). A través desta constitución conseguiuse o inicio duns desexados cambios na estructura centralista e arbitraria edificada polos moderados españois, o que evitou, por iso, o regreso dos ideais excesivamente autoritarios daquel réxime precedente. Pero o integrismo do estado español daquela hora non logrou ver resolvida, nin co influxo do progresismo do momento, unha definida cohesión das forzas políticas.
     Así foi como as minorías reaccionarias e extremistas (os afonsinos e os carlistas católicos), en reunión cos progresistas republicanos federalistas, insistiron no rexeitamento cara á consolidación do réxime emanado da constitución do 69.
     Amadeo de Saboia apareceu entón como rei dunha España democrática. Pero a súa experiencia, derramada pola súa negativa dada a Serrano e Sagasta para desenvolver unha política extremista, viuse rompida por mor dos ataques dos que foi obxecto, ben pola súa pertenza a unha familia de consolidada tradición anticlerical, ben porque os republicanos federalistas non crían nun marco constitucional que non observase as súas relas de progresismo e federación, ben pola importancia dun anarquismo xa feito carne a través da habilidade teórica do bakunismo.
     Por iso, o 11/02/1873, coñecida a demisión real, as cámaras españolas decidiron proclama-la república en España. A posibilidade da busca doutro rei, personaxe inhábil para o momento español despois das pésimas experiencias da España borbónica e constitucional do Saboia, apareceu firmemente desbotada.
     A característica manu militari do exército español foi a artífice do cambio de réxime. A entrada do xeneral Pavía a cabalo nas cortes foi a máxima significación do aparello ridículo, pero efectivo, do exército reaccionario de España.
     Isabel II, comodamente instalada no seu exilio parisino, mentres se dedicaba ás súas verdadeiras afeccións, en xuño do 70 abdicou dos seus entón irreais dereitos a unha coroa española que perdera, en nome do seu fillo o príncipe Alfonso. E mentres Cánovas preparaba o regreso da monarquía expulsada, o xeneral Martínez Campos proclamaba en Sagunto, a finais de decembro de 1874, a instauración da monarquía española. A tradición histórica da que falaba o propia Cánovas fíxose, deste xeito, real de necesidade.
     O pobo español, cun protagonismo irrelevante provocado pola tradición histórica á que foi de sempre sometido, o da ignorancia e afastamento da cultura, celebrou a entrada do fillo da ex-raíña Isabel de borbón, un xa Afonso XII. Mesmo parece que sublimou o regreso do representante da monarquía absoluta tradicionalmente española, despótica e constitucional, mais aínda conectada coa fórmula da posesión da cadeira por gracia da divindade.
     Ese mesmo pobo, violado e ignorante, incluso celebrou a un Alfonso de Borbón el de los tristes destinos, agasallado pola perda dun amor e re-feito nunha pretendida viuvez desconsolada.
     O certo foi que o destino do fillo de Isabel II non permitiu ó rei ser pai dun príncipe. O seu fillo Afonso XIII, por tanto, foi rei dende o mesmo momento no que a raíña rexente Mº Cristina o pariu.
     Pero tamén o destino dese fillo póstumo, en contra da pretendida tradición histórica española canovista, estaba escrito: Afonso XIII naceu rei, pero morrería ex-rei.
     O herdeiro da cadeira dos Borbóns-España, herdeiro así mesmo da ideoloxía integrista e reaccionaria dos políticos que rexían a España da primeira restauración monárquica, levou a aquel país que tanto amaba á dictadura militar do xeneral Primo de Rivera, adiantado ensaio do fascismo característico do europeo período de entre-guerras.
     ¿Por medo ou quizais por inseguridade? ¿Por ignorancia ou por falta de preparación?
     A realidade foi que o reinado do derradeiro rei constitucional da primeira restauración española nesa casa de Borbón-España non provocou admiración no seu momento.
     As esferas monárquicas da España dos corenta articularían unha imaxe dun rei que morría, retorcido pola dor, nun hotel romano chorando e amando intensamente á súa España, ó seu pobo. Sen embargo, un xa Alfonso de Borbón y Austria morría, despois dun exilio marcado pola opulencia, sendo ex-rei. Iso si, cunha corte preparada para a posibilidade do regreso dos Borbóns a unha daquela imaxinaria cadeira rexia española.
     O xeneral Franco, ó pouco de se facer coa situación, proclamou que España era un reino. O relevo daquela monarquía, consolidado nunha segunda restauración borbónica, veu trala morte do dictador anecdoticamente nacido en Galicia, verdadeiro artífice do regreso dun neto do expulsado rei Afonso para ocupa-Ia representatividade da xefatura do estado español.
     Mais entre o reinado de Afonso XIII e a guerra civil española que conduciu ó réxime franquista, España foi republicana. Os textos emanados pola ideoloxía nacional-católica establecida a finais dos anos trinta lembraron a ineficacia e a traizón á tradición española da república do 31. A España do 14/04/1931 ó 18/07/1936 foi, sen embargo, a máis evolucionada ata o momento.
     O momento cultural, proxectado no espello da liberdade transmitida polo novo réxime da república e óptimo tralos avances que, por exemplo, falaban xa dunha Galicia integrada no progreso literario europeo (a través dos canons dos vangardismos), foi complementado por unha situación política que, aínda que inserta no programa dun réxime integral, permitía a petición dunha outra realidade: a dunha España federada.
     O certo é que a Galicia de despois do 18 procedera á confirmación da súa realidade nacional. Lugo, como é sabido, viviu o acto consolidante do primeiro nacionalismo galego. A república do 31, trala andaina literaria e cultural desa Galicia nación integrada na realidade do momento con entidade e voz propia, posibilitou o crecemento do ideal nacionalista dentro dunha fértil xeración da vangarda derivada da época das Irmandades.
     Pero non se trata nin de critica-la monarquía afonsina nin de sublima-Ia segunda das repúblicas españolas. Complementada coa aberta política do galeguismo e do republicanismo galego de tal intre, a Galicia da república apareceu delimitada por unha onda republicana coa difícil tarefa de renova-Ia cultura do momento.
     Lugo, cidade tradicionalista pero, á par, innovadora e técnica para a modernización da política e da cultura galegas dos trinta, necesita unha análise que estudie ese seu tempo da república. Conta xa con estudios referidos á sublevación do 36, á represión do franquismo que sucedeu ó alzamento militar, pero, con visión global, non posúe ata o momento un estudio que avalíe a súa proxección no tempo da república do século XX.
     E porque, para min, ideoloxía progresista vai adscrita a intención cultural renovadora, o Lugo de despois de 1931 expresou unha anovadora realidade que, conscientemente, foi de grande utilidade para o desenvolvemento dunha orixinal nación.
     Así, se o Lugo de 1915 accedía ó anuncio do próximo vangardismo literario, e se na época medial dos anos vinte Lugo foi destino da recepción dos canons desas vangardas artístico-literarias nunha renovadora empresa xornalística, na etapa republicana seguiu a observar unha enteireza innovadora a través das empresas iAhora!, Guión e Yunque. Vanguardia Gallega, por outra parte, ofrecía puntual información cun carácter máis que progresista.
     Nesa onda, homes que produciron feitos, feitos que produciron homes, lealdades comprometidas e promesas incumpridas caracterizaron a etapa dos anos republicanos do Lugo dos trinta. Foi o republicano Lugo do republicanismo galego o que me interesou.
     Ese Lugo dos homes e mulleres republicanos, que quizais parecese máis afastado tralo descrédito e o silencio institucional dictado dende as instancias franquistas do poder, sen embargo fíxose en min máis cotián a través das noticias que recibín sobre esa época. Porque, e aí está o meu interese polo republicanismo lugués do século XX, un dos constructores do discurso de progresismo político daquel momento transmitiume toda a súa paixón xuvenil.
     Así, en moitos casos sublimei homes e xa non ideas. A ideoloxía, en tanto, cobrou vida con nomes propios. Nomes de persoas descendidas dun compromiso e activistas perfectos a prol dos ideais doutros semellantes seus.
     A importancia dos ideais, evidente, sen desaparecer pasou a ocupar por algún momento un lugar secundario ante o pulo e a valía de pequenos individuos sen os que, aínda pretendendo a súa irrelevancia, o discurso de liberdade e renovación da segunda república española non sería posible nunha Galicia herdeira e causa do articulado dunha vedraña sociedade de grandes e pequenos.
     A ortografía republicana cobrou liñas definidas: a das mulleres e os homes que, integrados ou impulsados a través dun novo réxime, tentaron facer dos lugares a patria do consenso compartido. Porque, segundo sinalara en 1931 Fernando Pessoa:

não tenho sentimento nenhum político ou social. Tenho, porém, num sentido, um alto sentimento patriótico. Minha pátria é a língua portuguesa. Nada me pesaria que invadissem ou tomassem Portugal, desde que me não incomodassem pessoalmente. Mas odeio, com ódio verdadeiro, com o único ódio que sinto, não quem escreve mal português, não quem não sabe sintaxe, não quem escreve em ortografia simplificada, mas a página mal escrita, como pessoa própia, a sintaxe errada, como gente em quem se bata, a ortografia sem ipsilon, como um escarro directo que me enoja independentemente de quem o cuspisse.
     Sim, porque a ortografia tambén é gente. A palavra é completa vista e ouvida. E a gala da transliteração greco-romana veste-ma do seu vero manto régio, pelo qual é senhora e rainha.

     Dende que eu era un neno, non sen medos e segredos, fun partícipe da historia vivida por un republicano galego. Multitude de lembranzas daqueles tempos libres xuntáronse coas miñas propias vivencias infantís e xuvenís.
     Aquel home nacera no seo dunha liberal familia, procedente da fidalguía neiresa, a finais do século XIX. Criado sen pai, que por certo ía ser un dos personaxes literarios do Correa de De aquí a Ia primavera. Novela de Ia montaña gallega, e co rexeitado peso do integrismo relixioso dunha nai ancorada nas lecturas dos pergameos familiares (a que baixo unha devoción a san Paulino de Nola espetoulle no bautismo os nomes de Paulino Carlos María), pouco antes de marchar definitivamente do seu país de Neira estivo involucrado no proceso galego xurdido trala fundación da primeira Irmandade da Fala da Coruña, organizando a carón do seu estreito amigo Evaristo un grupo galeguista na vila de Baralla.
     Mais a evolución dese seu amigo, despois introductor do vangardismo na literatura de Galicia, aproximaríase ós canons do reaccionarismo do bando dos vencedores da guerra dos tres anos, o ente que mesmo programou a súa morte.
     En 1922 casou no país da Ulloa cunha palense, tamén dunha familia de raigaño fidalgo pero de consciente exercicio esquerdista. Os seus catro fillos estiveron a piques de quedar orfos en 1936, cando as envexas e os rancores das xentes máis conservadoras e reaccionarias do tradicionalismo ullense, con decisión instaron os sanguinarios falanxistas recentemente instalados no poder para detelo e condenalo a morte a través dun dos primeiros consellos de guerra celebrados en Lugo no 36.
     Non en van, a súa constante loita anticaciquil desenvolvida dende a súa chegada ó seu país de adopción (no que apareceu vinculado, nun primeiro momento e paralelamente ó seu xa tío Pepe Ouro, ó monarquismo da Unión Patriótica (cf. Gobierno Civil de Lugo 1930:214), a súa directa intervención na proclamación republicana de Palas de Rei e a súa negativa para entrega-lo concello ás forzas subversivas, eran argumentos máis que sobrados para que espertase odio nos criminais xurdidos durante o período bélico.
     Afastado do seu exercicio profesional despois de serlle conmutada a pena imposta, curiosamente accedeu por oposición (e contando co beneplácito das relacións de parte da súa familia política inmersa na óptica franquista) ó corpo superior da administración civil. Xubilouse como director da prisión de Compostela.
     Ese home, cunha historia como a de tantos homes e mulleres loitadores por un ideal que, aínda que coas súas asas quebradas, seguiu fiel ós seus criterios ideolóxicos progresistas, era o meu avó.
     Moitas veces oínlle narrar como tiña o rostro o cadáver do escenógrafo Camilo Díaz Baliño, a quen coñecera nunha Compostela republicana, que despois de ser paseado foi tirado nas cunetas palenses de Meixide, preto da casa de Xeré, da súa familia política, onde compartira conversas con Azaña e Casares Quiroga en tempos de liberdade.
     Pero á parte da miña afección pola miña propia historia familiar e como un dos labores máis estreitamente conectados coa época que estou a estudiar na actualidade, a do vangardismo artístico-literario da Galicia de Evaristo Correa Calderón, a etapa do Lugo da segunda república apareceu como un meu compromiso académico para un dos cursos do meu doutoramento en Estudios Contemporáneos, dirixido polo especialista na materia Emilio Grandío Seoane, ó que debo amizade e complicidade logo de ser xuíz da primeira redacción deste estudio.
     Mais antes do remate do curso compostelán, o escritor e xornalista Antón Grande chamoume para un programa televisivo que co gallo do cabodano da república articulou o ente local de Lugo. Ó meu carón e tamén formando parte do 'bando dos republicanos' estaban dous homes de específica importancia para a nación: Carlos Etcheverría, presidente do Ateneo Republicano de Galicia, e o prof. Xesús Alonso Montero, institución de obrigada referencia para calquera estudioso da realidade cultural e política de Galicia, lugués de adopción do que teño lembranzas de cando eu era un cativo e que había dous anos fora meu profesor nun dos cursos de doutoramento en Filoloxía Galega. Por iso e porque amais de terlle un sincero sentimento de admiración, comparto con el non poucos dos seus criterios, non podo falar con obxectividade da proxección do catedrático vigués, para min un dos referentes máis útiles e senlleiros á hora de me achegar á literatura galega. Foi para min, por tanto, unha honra que accedese a presenta-lo meu traballo.
     Mais a carón de Xesús Alonso, de Carlos Etcheverría e de Emilio Grandío Seoane, non podo deixar de menciona-los motores da publicación do texto, que desde o progresismo seguen a edifica-lo discurso de liberdade na nación: os admirados e queridos para min Suso Pérez Regueira e Isaac Díaz Pardo; así como as persoas coas que compartín parte da xestación deste estudio: o analista e escritor Chema González Xil, amigo e colega; o economista Luís Fernández y R. Crespí, neto do republicano e galeguista crítico musical Miguel Rodríguez, ó que me une unha amizade de moitos anos e vivencias, e por último as persoas da máis vital importancia para min, ás que sempre vou dirixido e, por iso, as que en todo momento presiden calquera nómina que faga. A miña compañeira na vida, Pilar Zato, e os meus fillos Afonso e Xulio, froitos do amor e do diálogo, son cos que diariamente escribo todo o que son.
     A todos, pois, saúde e República.

Pardo de Neyra
Lugo, xuño de 2000











2. O REPUBLICANISMO E LUGO

     Lugo foi unha das capitais galegas con máis forte tradición conservadora. O conservadorismo foi de sempre compañeiro do regreso. Xa Xoán Xesús González expuxera:

tense maxinado moito encol do tradicionalismo galego. Todos os actos que deica o de agora se levaron a cabo na esfera social da Galiza, todos tuveron un acento reaicionario, conservador, pero conservador no senso de estatismo e retraso. Isto no tocante ás actuacións políticas, que son as que máis nos interesa comentar a todos aquiles que consideramos o problema galego como un problema de cultura e de política (González 1927: 14).

     Malia que certos impulsos, mesmo operados a través de membros pertencentes ás máis tradicionalistas familias do orbe lugués (os casos do senador Dositeo Neyra y Gayoso, monterista e xefe do Partido Liberal no Lugo de tránsito de século; do maxistrado liberal Reynaldo José Fole y Quiroga, neto materno do tamén liberal e senador Juan José Mª de Quiroga; ou do xurista Ramón Gayoso y Arias, defensor dun tímido rexionalismo enfrontado ó do carlista Brasas Menéndez), e vencellados a certa traxectoria progresista vivida na praza (a través do confinamento lucense de Nicolás Salmerón, da estadía de Murguía na cidade e da posterior amizade establecida polo historiador con individuos como Soto Freire, Quiroga y Gómez de Orbán ou Neyra), que xa producira os acontecementos liberais de 1840 ou 1846; Lugo seguiu a mante-la súa estreita alianza cos establecementos aínda invencibles da organización eclesiástica. Non en van, a cidade galega gabábase do alcume de cidade do sacramento, nome producido polo privilexio da exposición perpetua da hostia consagrada no edificio da súa sé relixiosa principal, circunstancia que en si dá boa conta da presencia eclesiástica na vella praza romana. Por iso, arredor do bispo e señor de Lugo non poucas famílias expresaban un férreo conservadorismo que, posteriormente, vai callar e leva-Ia cidade á asunción temperá dos canons nacional-católicos do franquismo español.
     Ese carácter conservador e tradicionalista dunha cidade estreitada co clero e cunha fidalguía trasladada dende o agro ó espacio urbano, por exemplo para a consecución dunha mellor forma de vida e coa intención de se entremeter na rección do goberno local, mesmo serviu para que os pequenos impulsos ofrecidos por xeracións ilustres en pensar e se desenvolveren, pequenos se temos en consideración que o tal conservadorismo lugués aínda é a ideoloxía dominante na cidade romana, elaborados por senlleiros individuos da política e da cultura da nación (Neyra, Fole y Quiroga, Quiroga y López-Ballesteros, Pereira de Ia Riva, Amor Meilán, Gerardo Castro, Manuel Soto, Montenegro Saavedra, Montes Capón, Gayoso Arias, os Correas Calderón, os Foles Sánchez, Gayoso Veiga, Gil Varela, Ángel González, Fernández de Ia Vega, Cunqueiro, os Pimenteis, Francisco Lamas, Martínez López e tantos outros), aparezan para nós cunha entidade maior á que quizais tivesen.
     As ideoloxías do liberalismo e do republicanismo lucense da segunda metade do XIX, os acontecementos progresistas anteriores a ese tempo, os labores de empresas como La ldea Moderna ou El Regional (onde Pereira defendía as súas teses federalistas), grupos xeracionais como os de Ronsel, Guión ou Yunque, as iniciativas galeguistas e nacionalistas de 1917 e 1918, por exemplo, son pautas de comportamento loables e abondo emblemáticas duns tempos e dunhas xentes que, aínda integradas e inmersas no tradicionalismo dunha urbe dominada por forzas contrarias ó progreso, confiaban nun berro de loita e nunha actitude lexítima que servise para o derrube desa influencia tradicionalista.
     Os ensaios que supuxeron calquera dos anteriormente referidos acontecementos, feitos e ideoloxías non son, por iso, delatores dese conservadorismo de corte católico e regresivo. Son, polo contrario, reflexo de apertura e de interese anovador.
     A vida republicana do Lugo da época de Salmerón, por tanto, non pode ser entendida sen a visita do presidente da primeira república española a Lugo, evocada polas apreciacións dun republicano de renome do século XX. O Ánxel Fole de Cartafolio de Lugo destacou o

confinamiento de don Nicolás Salmerón en Lugo, allá por el año setenta y seis. Daba don Nicolás largos paseos por Ia orilla del Miño. Le solían acompañar un boticario librepensador, un cura, un señor de Ferreira de Pantón ...
     El ministro Orovio lo despojara de Ia cátedra en Ia Universidad. También confinara —en Cádiz— a don Francisco Giner. Mas éste se largó a Londres. De vuelta trajo los fondos necesarios para fundar la Institución Libre de Enseñanza.
     Don Julio (referíndose a Julio Rego) aseguraba que Nicolás Salmerón hacía tertulia en el antiguo café Español, situado en la parte central de la calle de la Reina, y también en el Círculo de las Artes, en la esquina del fondo de la Plaza mayor, en la antigua casa de Pasarín (Fole 1981: 138).

     Respecto á pintura do republicanismo da cidade, Fole insistiu:

en un rincón del Salón de Columnas del Círculo se reunía una nutrida tertulia de gente de ideas avanzadas, casi todos jóvenes, que unos cuantos años después se afiliaron a los partidos republicanos o al socialista. Leían la revista "España", donde colaboraban Ortega Gasset, Valle-Inclán, Unamuno, Luis de Zulueta... (Fole 1981: 138) (1)

     Máis adiante, o mesmo Ánxel Fole referiu como o pai dos Castro Ves, Castro Viñas, era un dos tertulianos daquel Salmerón "presidente de Ia Primera República, cuando éste estuvo confinado en Lugo, allá por el ano setenta y cuatro ..." (Fole 1981: 199). Mais a data precisa da visita do político republicano á cidade foi o ano 1875.
     Soto e Sánchez Pombo lembraron que Salmerón, desterrado polo ministro Orovio, vivira na fonda La Española da rúa da raíña luguesa. Na primavera dese 1875 foi cando escribiu dende Lugo por vez primeira ó seu amigo Francisco Giner de los Rios (Soto e Sánchez Pombo 1993: 107) (2).
    
O republicanismo decimonónico da cidade de Lugo, pois, se non pode ser entendido esquecendo a importancia da estadía lucense de Salmerón, tampouco pode ser entendido sen ter en conta a proxección progresista da sociedade Círculo de Ias Artes.
     Na sociedade reuníanse, moitas veces arredor desa presencia do ex-presidente republicano, Castro Viñas (pai do boticario Julio Castro Ves, o farmacéutico ata 1918 da rúa de san Pedro, predecesor de Domingo Figueroa, sobriño do galeguista Salvador Mosteiro e irmán de Antón, un dos galeguistas lucenses da fornada de Piñeiro), o devandito senador Dositeo Neyra y Gayoso (xa afastado da súa carreira diplomática e casado con Purificación Pedrosa, pertencente, pola contra, á reaccionaria família dos Villaverde de Limia), o arquitecto provincial Nemesio Cobreros y Cuevillas, o concelleiro lugués, deputado por Mondoñedo e Ribadeo, gobernador civil de Albacete, Ciudad Real e Cuenca, así como presidente do Círculo de las Artes e iniciador da empresa xornalística El Progreso, Purificación de Cora y Más-Villafuerte; o deputado a cortes Fernando Sánchez Guardamino (de familia catalana proxectada con forza na burguesía da sociedade do Lugo do XIX facendo numerosas adquisicións, como por exemplo a da casa de orixe dos Giles-Taboada do ronsel Álvaro Gil, na praza maior da cidade e fronte á casa consistorial), Rodrigo de la Peña (alcalde lugués polo ano oito do XX) ou Juan-Manuel Bolaño y Curiel (coñecido como Manoliño da Retorta). Esta nómina protagonizou a primeira das xuntanzas liberais dese lugués Círculo de las Artes (xa desenvolvida da mesma maneira no anterior edificio social, a vella casa palaciana da familia fonsagradina dos Passaríns que aquel Guardamino, o seu posterior propietario, arrendara á sociedade, e que, dende eses tempos, era coñecida co alcume de fogar do liberalismo lucense).
     A continuación, nesta sociedade pronunciaría un populoso relatorio liberal o líder hispánico José Canalejas y Méndez naquel 1908, momentos antes de ser agasallado cun banquete no salón principal da entidade. E, con posterioridade, no tempo inmediatamente anterior á proclamación da segunda república española, mais xa na súa despois acondicionada rotonda, debido ás discusìóns que en voz alta desenvolvían no salón de columnas os lugueses republicanos daquel momento reuníronse os xa devanditos Pedro Menéndez García del Busto (notario asturiano con exercicio en Lugo), Antonio Gil, José Cobreros de Ia Barrera (fillo do arquitecto republicano Nemesio), José del Peso Sevillano, Bolaño ou Santamarina. O grupo do xa ex-alcalde Ángel López Pérez (Darío Vila, Roberto Ouro Vázquez ou Manuel Vázquez Seijas) desplazou as súas xuntanzas a un dos salóns da rotonda. Estes estableceron outra das peñas das que foron testemuña os espacios do edificio de tal entidade (3). Isto era no actual edificio da sociedade.
     Segundo recolleu Fole nunha das súas crónicas luguesas, o primeiro grupo propiciou unha coñecida xuntanza de carácter republicano:

recuerdo los nombres de los contertulios republicanos... Don Rafael (Trigueros), don Camilo (López Pardo), el señor Bolaño (Manoliño da Retorta), don Feliciano (Canto), el señor Menéndez del Busto, el señor del Peso Sevillano, el señor Santamarina, el señor Cobreros... (...) Por aquel tiempo don Miguel de Unamuno estaba exiliado en Francia. Allí, don Eduardo Ortega y Gasset, el novelista Blasco Ibánez y don Miguel publicaban una revista de bolsillo titulada "Hojas Libres", con muy duros ataques a Ia Dictadura. Cuando llegaba a Lugo un nuevo número de Ia mencionada revista, los contertulios se susurraban al oído: "Hojas Libres"... Y se restregaban Ias manos.
     —Los republicanos discutían mucho y en voz muy alta. Por eso el ex-alcalde don Angel (López Pérez) y sus correligionarios políticos Ilevaron su "peña" a Ia Rotonda. El señor Vila (López), el señor Vázquez Seijas, don Roberto (Ouro)... (...) Ya saben ustedes que el estío del año treinta fuera muy metido en política. El Gobierno Berenguer, el de Ia "Dictablanda", —según le Ilamara José Bergamín, hijo— iba de tropiezo en tropiezo.
     —El día veinticinco de julio hubiera un acto regionalista en Lugo. Los asistentes se adhirieron con sendas tarjetas... Algunos, galleguizando sus nombres y apellidos, en lo posible. Don Angel firmó "Xelis", como don Sebastián firmó "Bastián"; o Antonio Gil, "Antón Xil". Don Pedro Menéndez del Busto no sabía cómo escribir su apellido en gallego. Y firmó: "Pedro Menéndez... Da mitade do corpo pra riba". Es histórico (Fole 1981: 168-169).

     Por outra banda, foi o tempo no que no Café Suízo, situado nos baixos do palacio dos San Martín de Hombreiro na rúa do conde de Pallares, celebrábanse así mesmo as xuntanzas progresistas e republicanas (contrarias á dictadura do xeneral Estella (4) ) das que formaban parte o pianista do Círculo de las Artes Manuel Sariñena (5), o profesor Portela ou o catedrático Romero flores, cando xa a rotonda daquela sociedade vira continua-las primeiras reunións dun grupo de xoves lugueses preocupados, naqueles intres, sobre todo, por cuestións culturais e literarias (sen deixar de lado un anterior exercicio republicano de tendencia galeguista e de carácter fortemente esquerdista). Falo das reunións dos ronseis, pouco antes celebradas no Café Español, "entonces el más antiguo café de la ciudad" (Fole 1981: 61).
     Pero Lugo, como xa Ile acontecera a Ourense, cidade coa que compartiu o seu carácter levítico, vivira aló polos vinte un experimento de apertura cultural que pode ser asumido coa xeración do máis prístino galeguismo nacionalista do momento: en 1918 e por medio da acción progresista de persoeiros como José Vega Blanco, bibliotecario do Círculo de Ias Artes dende 1897, ou o daquela mozo Evaristo Correa, Lugo foi o epicentro da constitución do nacionalismo de Galicia. Efectivamente, en novembro dese ano, despois dunha teimuda organización liderada por Correa e Vega, o simbólico salón do Hotel Méndez Núnez (fonda, cando se denominaba La Española, na que xa viviran Salmerón e Murguía) acolleu a celebración do primeiro acto constitutivo do nacionalismo. Aquel acontecemento foi o da primeira asemblea nacionalista das irmandades da Fala.
     Inmediatamente despois deste suceso, e logo de ser Lugo a primeira cidade da nación onde xurdiu unha interesantísima "Páxina Nazonalista", levada polo Correa ultraísta madrileño de 1917-1918, a cidade do sacramento viviu un tempo de explosión progresista. Así, se Fole (6) coñecera os feitos obreiristas producidos por aquela altura (as folgas de 1911, 1912, 1916, 1920 ou 1932; cf. Pardo de Neyra 1999 a: 197, n.229), que o levaron á identificación cos paradigmas esquerdistas máis democráticos, o Lugo da época medial dos vinte foi porto das teses máis vangardistas da literatura galega.
     Por iso, tralos ensaios de Correa nas tertulias do Café Royalty ourensán e do Café de Pombo madrileño, nas do Salón de té La Granja del Henar e nas do Café Colonial, así mesmo na capital española ("niño de fecundidade" do momento; Salgado 1995: 39), o Lugo de comezos dos anos vinte asumiu con forza unha das empresas máis importantes do vangardismo galego. Malia a tal feito, a mágoa é que o seu promotor e proxenitor, o incansable e inquieto Evaristo Correa, xa era daquela un dos declarados ex-vangardistas.
     As xuntanzas daquel Café Español da praza maior e mesmo as desa peña da rotonda da tradicionalmente liberal sociedade luguesa Círculo de las Artes, como xa sinalei, provocaron e lexitimaron as arelas universalistas de xoves como o devandito Correa, Ángel Johán, Xesús Bal, Luís Pimentel, Álvaro Lebreiro e Álvaro Gil. Todos estes mozos interesáronse pola dotación, para a cultura galega, dun panorama propio, dun vehículo específico: a experiencia, como tódalas de vangarda, foi efémera, e Ronsel (cos significativos subtítulos Revista de Arte primeiro, e despois Revista de la Nueva Generación Gallega) durou a penas un ano.
     Así pois, se o Lugo pre-republicano viviu unha idade de ferro segundo criterios de corte socio-económico (onde fundamentalmente as familias privilexiadas ocupaban sistematicamente os destinos públicos, que, por iso, aínda parecían estar reservados a notables), os avatares culturais do Lugo daquel momento confirman un estadio dourado para a consolidación do ideal específico dunha Galicia que xa se gababa de ser nación e que provocaba unha das máis interesantes épocas para a súa cultura: a do universalismo de vangarda liderado, á par, por Correa e Risco.
     Conectada co facer literario de Vicente Risco está a miña caracterización de idade de ouro e de alcatrán, non a de ferro, que asumo para delimita-Ias tres etapas das que estou a falar (7): a do tempo anterior á república, á do Lugo republicano e a do Lugo franquista. Os espacios temporais, emporiso, deben ser centrados en dúas datas claves: 1931 (data da proclamación da segunda república española) e 1936 (ano do inicio da guerra dos tres anos). A derradeira das idades referidas, por tanto, se en partes de España ía comezar en 1939, tralo sometemento de Madrid, en Lugo fíxoo no mesmo momento do alzamento militar. Xa que logo, a cidade galega entrou a formar parte da zona nacional no mesmo intre da sublevación fascista de xullo do 36.
     Por iso pasarei a referir esas tres coordenadas temporais, a da idade de ferro (conectada coa pervivencia e co mantemento do sistema tradicional de valores sociais do Lugo anterior ó 31, por tanto case semellante á do momento do Antigo Réxime lugués), a da idade de ouro (que, no caso da política, en Lugo significou un espacio áureo para a mentalidade progresista da cidade) e a da idade de alcatrán (o período xurdido tralo sometemento lugués ás teorías dos sublevados, os vencedores, que, loxicamente, leva este nome pola escuridade e pola férrea cimentación que o regreso á alianza 'igrexa-estado' programado dende os canons franquistas caracterizou o Lugo posterior a 1936).










NOTAS
——————————


(1)      A andaina socialista de Galicia comezou oficialmente en 1891, data da fundación das agrupacións do Ferrol, A Coruña e Compostela. Así, "á altura dos anos 30 o partido socialista tiña unha andadura que no noroeste peninsular remontaba ás derradeiras décadas do século dezanove" (González Probados 1992: 25). En 1931 atopamos nas terras luguesas o maior número de seccións, así como o maior número de afiliados (González Probados 1992: 26).
     Antes de 1931, e segundo informacións tamén ofrecidas por Fole, "las tertulias de los republicanos eran entonces las más nutridas... Había una muy grande, de unos veinte asistentes, que juntaban cuatro o cinco mesas en el llamado Salón de Columnas..." (Fole 1981: 168). Eran eses os faladoiros de Vega, López Pardo, Bolaño, Canto, Menéndez García del Busto, Peso Sevillano, Santamarina ou Cobreros de la Barrera.
(2)      Tales verbas foron recollidas da obra de Salmerón La cuestión universitaria (Salmerón 1967).
     Por medio de "Nicolás Salmerón en Lugo", de Xesús Alonso Montero, sabemos que:
el seis de abril (de 1875), Nicolás Salmerón, catedrático de Metafísica en la Central y ex Presidente de la 1ª República Española, fue conducido, no sin rigor, a Lugo, donde estuvo confinado unos cuantos meses (Alonso Montero 1974 a; repr. en 1977: 202)

     Durante a estadía luguesa o presidente da república escribira ó seu colega e camarada Giner de los Ríos. Por carta, de 16/04 dese ano, comunicáralle a entidade do Lugo do seu confinamento:

la estación hace ya agradable este clima. Algo de ese sol aquí y de esta lluvia ahí y sería excelente. País montañoso, mucho verde: pastos, centeno, legumbres, algunos castaños y robles, que comienzan a echar hojas; las márgenes del Miño, que nunca son las de esos ríos, son, sin embargo, lo más ameno. La población inculta, no hay con quién hablar. Los profesores —salvo uno—, momias o carlistas. Me han visitado —menos el Director— "ex officio", y dos, por cartas de Uña y Varela; han sido más expresivos; pero ni aun éstos me proporcionan —habiéndose limitado al cumplimiento— ocasilón de conversar... (Alonso Montero 1974 a; repr. en 1977: 202)

     Por outra misiva a Giner, de 4/05, Salmerón falaba da biblioteca da cidade, que "no tiene más que los libros de un convento y las ediciones ilustradas de mamarrachos".
     Mais o certo é que Salmerón, en tanto, tralo primeiro tempo de habitación na cidade, provocou nun pequeno núcleo de individuos o lóxico interese que un político da súa altura intelectual e da súa dimensión pública era xusto que desenvolvese. Esa foi a órbita na que constrastaron parte do seu pensamento progresista individuos como Quiroga ou Neyra, de entidade liberal dinástica e, o segundo, con notable carreira diplomática.

(3)      Foi José Cao Moure, en "Por Lugo, por su provincia, por su progreso y por Ia verdad" (Cao Moure 1929: 38-39), quer falou da peña do Círculo de Ias Artes do Lugo de 1928. Polas súas verbas sabemos que as xuntanzas desa sociedade nele 28 estiveron centradas no alcalde López Pérez, no gobernador demócrata Rogelio Tenorio, no avogado e primeiro tenente-alcalde Darío Vila López, no daquela interventor da deputación Manuel Vázquez Seijas, no avogado e secretario do concello de Lugo Carlos Pardo y Pallín, no avogado e oficial primeiro do concello da cidade Julio Pérez de Guerra, no concelleiro Feliciano Canto, no procurador Antonio Rodríguez, no médico Manuel Pardo Balíña, no comandante da garda civil Román Pardo, no inspector do traballo Manuel Taboada e no secretario da deputación o vigués Antonio Millán y Millán.
(4)      O Café Suízo, inaugurado o día de reis de 1928 debido á iniciativa de Antonio Marqués, de Valentín Roldán e do suízo Santiago Welideli ou Weidelli, "un chico suizo residente en Lugo", recibiu o nome dese seu fundador estranxeiro (Fole 1981: 27). O mesmo Fole sinalou que a súa creación foi en 1927, ano no que o bar funcionaba como café-cantante e no que destacaba xa como "centro de política izquierdista y hasta de conspiración en los años de Ia Dictadura y en Ia de Berenguer" (Fole 1981: 200).
     Neste espacio lúdico lucense, así mesmo de utilidade para o desenvolvemento do republicanismo do século XX, xa funcionara no seu mesmo local o populoso Café La Peña, propiedade de José Márquez e que contou con irregulares proxeccións cinematográficas, de aí que fose conecido como o Café-cine La Peña. Mais antes dos vinte, en 1910, o bar que ocupaba o referido edificio palaciano era o Café Central, que en 1919 pechou para deixar paso ó Café La Peña (cf. Pardo de Neyra 1999 a: 158).
(5)      O profesor aragonés Sariñena dirixía en 1932 a Coral Polifónica Lucense fundada ese mesmo ano (Fole 1981: 167-168).
(6)      Foi Fole o que falou da interesante Peña Pro-Cultura que funcionaba no Lugo de 1923-1927. Esta sociedade organizaba ciclos de conferencias na sé do Centro Obrero de Lugo, onde pronunciou un relatorio sobre pedagoxía "el inspector de Escuelas Jacinto Ruiz, graduado del Instituto suizo Pestalozzi", outro sobre o cancro Rafael Vega e outro sobre hixiene social un daquela estudiante da facultade de medicina Francisco Lamas (Fole 1981: 168).
(7)      Conecido é o relato risquián A trabe de ouro e a trabe d'alquitrán, publicado a carón de O lobo da xente (Risco 1925), onde as pescudas do ourensán forneceron un discurso literario dirixido á exaltación do folclore galego por medio do mundo dos mouros (os 'avós celtas' da imaxinería popular).
     Só que no caso de Risco, as lembranzas do ouro e do alcatrán non contiveron máis cá referida motivación de recordo da canle popularista da nación.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega