Mantis (A misión)

 

(Texto íntegro)

 

v2rauldansmantis.html
Ao parecer baixei o pozo tenebroso onde, segundo Heráclito, se
oculta a verdade. Non vexo nin chisco, nada entendo, teño
atordados os sentidos e dubido se estou enmeigado.


Gargantúa e Pantagruel, F. Rabelais.






PERSONAXES

· LAMBDA: louro, con bigote e barba mesta. Viste pantalón de pana, camisa de felpa e zamarra. Calza botas de montaña e leva un gorro de la.

· KAPPA: moreno, bigote fino. Baixo a gabardina, viste traxe e gravata. Leva chapeo e lentes de cristais opacos.

· ELA: muller fatal.





C8, SECTOR AZUL. 23:30 HORAS


     Un cine.
     LAMBDA está sentado nunha butaca da última fila. Voces, luz e sombras procedentes da pantalla. Pausa longa. Entra KAPPA. Kappa senta a carón de Lambda. Pausa.


KAPPA- ¿Tocouna outra vez?
LAMBDA- ¿Que?
KAPPA- ¿Tocouna outra vez?

     Pausa.

LAMBDA- ¿Quen é vostede?
KAPPA- Desculpe...
LAMBDA- ¿Onde está ela?
KAPPA- Non sei de qué me fala.

     Kappa levántase.

LAMBDA- (Reteno) Agarde.
KAPPA- Sólteme, faga o favor.
LAMBDA- Sam esqueceu a música. (Pausa) ¿Non oíu? Sam esqueceu a música.

     Kappa senta de novo. Pausa longa.

KAPPA- Que non volva suceder.
LAMBDA- Síntoo.
KAPPA- ¿Teño que lembrarlle que é primordial observar un escrupuloso cumprimento das normas en todo momento, aínda máis cando se trata de establecer novos contactos?
LAMBDA- Non é necesario.
KAPPA- A súa seguridade está en xogo, a súa e a doutros moitos homes comprometidos coa Causa.
LAMBDA- Seino.
KAPPA- E, por suposto, o éxito da nosa misión.
LAMBDA- ...
KAPPA- Prégolle que no sucesivo poña máis celo no exercicio dos seus deberes ou vereime na obriga de...
LAMBDA- (Interrómpeo) Xa lle dixen que o sinto.
KAPPA- Non é abondo. Encontrámonos ante un extremo de vital importancia. Debo ter a certeza de que este particular fica bastante claro.

     Pausa.

LAMBDA- Si, señor.

     Pausa.

KAPPA- ¿E ben?

     Pausa. Lambda entrégalle un sobre a Kappa. Kappa gárdao no peto interior da gabardina.

LAMBDA- ¿Non comproba que estea todo en orde?
KAPPA- Ese non é o meu traballo.
LAMBDA- Pode que falte algún dato importante, quizais...
KAPPA- Déixeo nas nosas mans.

     Pausa.

LAMBDA- Escoite, eu non sei se... Quizais non...
KAPPA- A Organización ten plena confianza nas súas facultades.
LAMBDA- Entendo.
KAPPA- Que vostede entenda ou non é o de menos. Recoméndolle que renuncie desde este preciso instante a comprender as directrices da Organización.
LAMBDA- Verá, eu supuxen que...
KAPPA- (Interrómpeo, tallante) Mal feito.
LAMBDA- ¿Que?
KAPPA- Supoñer. Vostede non debe dar nada por sentado. No futuro limítese a executar cada unha das empresas que lle sexan asignadas. O seu cometido consiste unicamente en obedecer ordes. Iso é todo.

     Pausa.

LAMBDA- ¿Volvereina ver?
KAPPA- Non fun autorizado a responder as súas preguntas.
LAMBDA- Pero sábeo. Sabe se poderei vela de novo.
KAPPA- Trabúcase, Lambda. Eu non sei nada de nada. Tan só...
LAMBDA- Cumpre ordes.
KAPPA- Se continúa por ese camiño, vereime obrigado a poñer os meus superiores ao tanto da súa actitude.

     Pausa.

LAMBDA- ¿Cando entrarei en acción?
KAPPA- Xa o fixo.
LAMBDA- Non, falo de...
KAPPA- A información que nos vén de facilitar contribúe de modo capital á consecución dos nosos obxectivos.
LAMBDA- Contribuirá, pero...
KAPPA- Vostede non está só. A Organización conta cunha manchea de homes, e cada un deles cumpre unha función. Somos pezas dunha engranaxe de extraordinaria precisión. Debe confiar na eficacia da estructura e deixar de facerse preguntas.
LAMBDA- Inténtoo, xúrolle que o intento pero...
KAPPA- Concéntrese nos obxectivos inmediatos. Pense que cada un dos seus pasos nos achega á nosa meta.
LAMBDA- Sen embargo, ela díxome...
KAPPA- No se engane. A Organización non lle prometeu nada. A Organización nunca negocia, nin cos seus amigos nin cos seus inimigos.

     Pausa.

LAMBDA- Estou confuso.
KAPPA- É un pusilánime.
LAMBDA- Eu...
KAPPA- Quizais cometemos un erro ao contactar con vostede.
LAMBDA- Si, tal vez teña razón.

     De sócato, Lambda quita a barba dun tirón e, a continuación, o gorro de la e a perruca. Ten a cabeza rapada ao cero.

KAPPA- ¿Que fai?
XOÁN- Acabar con esta comedia.
KAPPA- Poña iso inmediatamente ou...
XOÁN- ¿Ou que?
KAPPA- Virou tolo.
XOÁN- Os tolos son vostedes se cren que é necesario un ridículo disfrace para poñer fin a esta situación.
KAPPA- A súa seguridade está en xogo, a súa e a doutros moitos homes comprometidos coa Causa...
XOÁN- Xa.
KAPPA- E, por suposto, o éxito da nosa misión.
XOÁN- ¿Que é vostede, un autómata?
KAPPA- Depoña a súa actitude, Lambda.
XOÁN- Chámome Xoán, Xoán Carballo. Non sei por qué tiven que renunciar ao meu nome.
KAPPA- Todos tivemos que renunciar a algo polo ben da Causa.
XOÁN- Xa renunciei a todo o que posuía.
KAPPA- Vostede non era ninguén cando ela o atopou.
XOÁN- Era libre.
KAPPA- Un inadaptado, ¡ninguén! Agora polo menos ten un obxectivo na vida.
XOÁN- ¿Cal?
KAPPA- No fun autorizado a...
XOÁN- Convertinme nunha letra do alfabeto grego e quero saber para qué.
KAPPA- Pense que cada un dos seus pasos nos achega...
XOÁN- Fala vostede coma o inimigo que debemos combater.

     Xoán levántase.

KAPPA- Volveraa ver.


     Pausa.

XOÁN- ¿Cando?
KAPPA- É todo o que podo dicirlle.

     Pausa. Xoán senta de novo. Pon a perruca e a barba postizas, e logo o gorro de la. Pausa.

LAMBDA- Fale.

     Kappa entrégalle a Lambda un sobre coma o que hai un pouco Lambda lle deu a el.

KAPPA- Aí está todo. Lugar de encontro, contrasinal...
LAMBDA- De acordo.
KAPPA- ¿É necesario que lle lembre...?
LAMBDA- Non. (Garda o sobre) Seguirei con escrupuloso rigor as indicacións da Organización.
KAPPA- Soséguese, Lambda. Todo chegará.
LAMBDA- Ben.

     Pausa.

KAPPA- Hai algo máis...
LAMBDA- ¿Que?

     As palabras de Kappa quedan afogadas no ruído procedente da pantalla. Tras uns segundos, cesa o estrondo.

KAPPA- ¿Entendido?
LAMBDA- Si, pero...
KAPPA- ¿Algún problema?
LAMBDA- Non.

     Pausa.

KAPPA- Procedamos.

     Kappa quita o chapeo.





P74, SECTOR LARANXA. 15:00 HORAS


     Una marquesiña ao pé dunha estrada solitaria.
     ELA agarda. Un coche pasa a gran velocidade, tocando a bucina. Pausa. Entra Lambda.

ELA- Non digas nada e bícame. (Lambda aproxímase. Vaina bicar, pero ela impídello) Só é un contrasinal, Lambda.
LAMBDA- O meu nome é...
ELA- ¡Non!

     Lambda bícaa.

LAMBDA- Desde hoxe e para o resto das nosas vidas.
ELA- Isto é absurdo.
LAMBDA- Deixémolo.
ELA- O noso. Non pode ser.

     Pausa.

LAMBDA- Fuxe comigo.
ELA- ¿Fuxir?
LAMBDA- Si. Ti e mais eu.
ELA- ¿A onde?
LAMBDA- Lonxe.
ELA- ¿Agora?
LAMBDA- Agora.
ELA- Eles non o permitirán.
LAMBDA- Iremos onde non poidan alcanzarnos.
ELA- ¿Esqueces que temos unha misión? Xurei loitar polos meus irmáns, ti tamén o xuraches. Entregámonos á Causa. Temos unha responsabilidade.
LAMBDA- Virán outros. E loitarán pola Causa co mesmo afán. Temos dereito a ser libres... ¿Non é por iso polo que loitamos, pola liberdade? Fuxamos, os dous. Ti dixeches...
ELA- Demasiado tarde.
LAMBDA- Non. Podémolo facer.

     Pausa.

ELA- ¿Estarías disposto a abandonar?
LAMBDA- Si.
ELA- ¿Ti, que amas a loita máis que ningún outro?
LAMBDA- Máis que a miña vida.
ELA- Agora que estamos tan preto de acadar o noso obxectivo... ¿Renunciarías?
LAMBDA- Farei o que ti desexes.

     Pausa.

ELA- Debemos continuar.

     Pausa.

LAMBDA- Este estúpido disfrace...
ELA- Quieto.
LAMBDA- Estamos sós.
ELA- Non o fagas, é unha temeridade.
LAMBDA- Ninguén nos ve.
ELA- Acabemos canto antes.
LAMBDA- Primeiro dime a qué vén este novo cambio.
ELA- Nada de preguntas, ¿lembras?
LAMBDA- Por máis que o intento non logro comprender...
ELA- Ten fe.
LAMBDA- É como volver ao punto de partida. Parece que non progresamos nada, que nunca...
ELA- Prometíchelo.

     Pausa.

LAMBDA- Está ben.
ELA- Nada de preguntas.

     Pausa. Lambda entrégalle un sobre. Ela vira de costas a Lambda e ábreo. Tira do seu interior unha fotografía e unhas follas grampadas.

LAMBDA- ¿Un máis?
ELA- Por favor.
LAMBDA- ¿É sempre así?
ELA- ¿Que queres dicir?
LAMBDA- Falas con eles, como falaches comigo. Atráelos á Causa.
ELA- Desque fun chamada pola Organización.
LAMBDA- ¿E nunca falla?
ELA- Nunca.
LAMBDA- Es moi persuasiva.
ELA- Non é meu todo o mérito. Vós posuídes a forza, tivestes a visión. Eu só vos axudo a cruzar a liña.

     Pausa.

LAMBDA- ¿Cantos foron ata agora?
ELA- ...
LAMBDA- Dime, ¿con todos eles...?
ELA- Non tes dereito.

     Pausa.

LAMBDA- Quizais non sexa o home que a Organización necesita.
ELA- É perfecto, creme. (Garda o sobre no seu bolso) Pero agora non é el quen me preocupa.
LAMBDA- Ámote.
ELA- Crin que realmente estabas preparado.
LAMBDA- Estouno.
ELA- Así lle lo dixen aos nosos superiores. Díxenlles que chegara o teu momento...
LAMBDA- Próbame.

     Ela bica a Lambda prolongadamente.

ELA- Baixo o asento da marquesiña...
LAMBDA- Confía en min.
ELA- E comprenderás...

     Ela sae. Pausa longa. Lambda busca baixo o asento da marquesiña e atopa un paquete. Senta. Pausa. Lambda desfai o envoltorio, que agacha unha caixa. Ábrea coidadosamente. O rostro tenso de Lambda transfigúrase nun xesto de horror ao ver o que contén.

VOCES HOMES E VOZ ELA- (Son frases entrecruzadas que parecen saír do interior da caixa) Unha engranaxe de extraordinaria precisión... O teu momento... Non ten vostede nada... A información que nos facilitou... Crin que estabas preparado... Un dos nosos... ¿Un máis?... O importante que resulta para a seguridade da Organización... Nada de preguntas... Para a súa seguridade, a nosa seguridade... O éxito da misión... Antes de que sexa demasiado tarde... Comprenderás... Que cada un de nós cumpra estrictamente... Farei o que desexes... Máis que a miña vida... O sacrificio de moitos homes... Nunca cambiará nada... Aí está a verdade... Confío en ti... A verdade... Vostede non é ninguén... Ninguén... Un máis...

     O remuíño de voces envolve a Lambda, que fica inmóbil, coa ollada fixa no interior da caixa.





VECTOR IRISADO. 1:00 HORAS


     Coche cama, un compartimento.
     Kappa. Escóitase o asubío da máquina. O tren, tras deterse brevemente nunha estación, ponse en marcha de novo. Ao pouco, ela entra no compartimento e senta fronte a Kappa. Pausa longa
.

KAPPA- O frío e a choiva ameazan a colleita.

     Ela bótase a rir. Pausa.

ELA- Síntoo, non puiden evitalo.
KAPPA- (Con frialdade) Contrasinal.

     Pausa.

ELA- ¿Viches os informativos? (Pausa) ¿Víchelos? ¿Escoitaches as noticias? Vivimos a onda de calor máis intensa da década, hai semanas que non cae unha gota de agua... Ben, supoño que xa te darías de conta. (Volve rir) Sinceramente, non tes aspecto de labrego.

Pausa.

KAPPA- Contrasinal.
ELA- Tómalo todo demasiado en serio.
KAPPA- Son as normas.
ELA- Non sempre hai que ser tan estricto...
KAPPA- Kappa. O meu nome é Kappa.
ELA- Sei quen es. Ti sabes quen son eu.
KAPPA- Tal vez non.
ELA- Eu abrinche as portas da Organización.
KAPPA- Debo abortar o encontro.

     Pausa.

ELA- O mundo desmorónase, vénse abaixo todo e mentres nós... ¿que facemos? Dicir frases absurdas de películas que nunca existiron no compartimento dun tren, camiño de ningures.
KAPPA- ¿Impuxen eu as normas?
ELA- Non serve de nada. É unha farsa. Os nosos esforzos son totalmente inútiles.
KAPPA- Sinto non estar de acordo contigo.
ELA- Por iso estás aquí.
KAPPA- Si, entre outras cousas, esa é a razón pola que me sumei á Causa.

     Pausa.

ELA- Máis temo os apaches.

     Ela volve rir.

KAPPA- Eu non lle vexo a gracia.
ELA- Pois tena.

     Pausa.

KAPPA- ¿Cales son as ordes?
ELA- ¿As ordes?
KAPPA- Espero que o meu cometido non acabe aquí.

     Pausa.

ELA- ¿Queres saber cal é o noso problema?
KAPPA- Sei por qué loitamos.
ELA- ¿Quérelo saber?
KAPPA- Non.
ELA- Direicho de todos modos... Deberiamos rir máis. Ese é o problema.
KAPPA- Non o teu, ao parecer.

     Pausa.

ELA- Envéxoos.
KAPPA- ¿A quen?
ELA- Aos outros... Viven sen preocupacións. Sofren as xustas, polo menos. A hipoteca, eses quilos de máis, a fantasma do paro...
KAPPA- ¿Por que te uniches á Causa entón?
ELA- Esquecino.
KAPPA- Lembrareicho eu. Nós vimos cousas que os outros non ven, precisamente porque están absortos nas súas pequenas preocupacións.
ELA- ¿E iso é bo?
KAPPA- É o noso don. Debemos aprender a vivir con el e facelo útil.

     Pausa.

ELA- ¿Algunha vez parácheste a pensar qué opinión lles merecen aos outros as persoas coma ti e coma min? ¿Consideraches nalgún momento a posibilidade de que non lles guste o que facemos? ¿Preguntácheste se realmente queren que loitemos por eles?
KAPPA- Si, moitas veces.
ELA- ¿E cal foi a resposta?
KAPPA- Que nos necesitan. Aínda que nos desprecen e nos chamen aluados, sempre estarán en débeda con nós.
ELA- Es tan inxenuo...
KAPPA- Falamos de máis, ese é o noso problema. Chegou o momento de actuar.
ELA- Aínda non.
KAPPA- ¿Quen o dixo?
ELA- Eles dirán cándo é o momento.
KAPPA- E mentres, ¿que? ¿Absurdos contactos, cómicos cambios de...?
ELA- ¡Abonda!

     Pausa.

KAPPA- Podo facelo só.
ELA- Inxenuo e soberbio.
KAPPA- Fostes vós quen acudistes a min.
ELA- Porque prometías.
KAPPA- ¿É que vos decepcionei?
ELA- En absoluto.
KAPPA- Daquela, ¿a que esperades para destinarme un obxectivo? (Pausa) ¿Ou é que ese obxectivo non existe?

     Pausa.

ELA- Vaite.
KAPPA- ¿Que?
ELA- Xa oíches, ¡márchate! Debes deixalo agora que estás a tempo.
KAPPA- ¿Deixalo?
ELA- Si, abandonar. Antes de que sexa demasiado tarde.
KAPPA- ¿E logo?
ELA- ¡Vaite!
KAPPA- ¿E ti?
ELA- Eu debo continuar.
KAPPA- Entón quedo. Irei contigo ata o final.

     Pausa. Kappa senta a carón dela.

ELA- Por favor, non...
KAPPA- ¿Estás ben?
ELA- Estou.
KAPPA- ¿Pasou algo?
ELA- Non preguntes.
KAPPA- ¿Son eles? ¿Os de arriba?
ELA- Estás tolo...
KAPPA- ¿Que queren de nós?
ELA- Cala.
KAPPA- ¿Que buscan?

     Ela chora.

ELA- Pareciádesvos tanto. A Causa era toda a súa vida, e agora...
KAPPA- ¿Que?
ELA- ...
KAPPA- ¡Fala!

     Pausa.

ELA- Morreu.
KAPPA- ¿Un dos nosos?
ELA- O mellor.
KAPPA- Pero, ¿quen...?
ELA- Suicidouse. Esa é a versión oficial, ¿entendes? A súa versión.
KAPPA- ¡Fillos de puta!
ELA- Non quero que a ti che pase o mesmo, non quero que te maten tamén a ti. Debes salvarte.
KAPPA- Sobrevivirei.
ELA- Ningún sobrevive. Antes ou despois...
KAPPA- Estou disposto a morrer pola verdade, a nosa verdade.
ELA- ¡Que sabes ti cál é a verdade!

     Kappa bícaa.

KAPPA- As miñas ordes.


     Ela quítalle as gafas. Pausa. Kappa quita o bigote postizo e, a continuación, o chapeu e a perruca. Queda ao descuberto o cránio rapado ao cero de Xoán Carballo. Pausa.

ELA- Pareciádesvos tanto...

     Bícanse.

Fin de Mantis (A misión)



Perillo, decembro de 1999

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega