Matriamente

 

 

v4emmapedreirapel.html
Matria que me soñou
nos pétalos das aguias sobre o mundo
pairando eternamente.

Matria que me enxendrou
coa luz das cotovías nas searas
chiando intimamente.

Matria que me abeirou
nun útero de trigo e de centeo
facéndome semente.

Matria que me aleitou
os beizos insaciábeis modelados
de barro efervescente.

Matria que me arrolou
coas pólas de paixón das abeleiras
cantándome entre dentes.

Matria que me bicou
ao ritmo mol sen nome do silencio
na cara mansamente.

Matria que me formou
coa fusca teimosía das palabras
en boca adolescente.

Matria que me chorou
con bágoas de salseiro na mirada
atlántica e ausente.

Matria que me sorriu
con alma de gabián nas catenarias
imaxinariamente.

Matria da que saíu
a lúa carmesí que me desangra
a vida lentamente.

Matria que me esqueceu
nas pálpebras das torres amatorias
amando tristemente.

Matria que me feriu
con ventos de coitelo e crisantemos
nas cúspides da xente.

Matria coa que soñei
que un día durmiría co seu nome
pra sempre libremente.



Antón Cortizas,
Ferrol, 26 do San Xoán do 2003.



 


 

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega