Mar de rostros. Gameleiros

 

[Escolma]

 

v1mvillarmar.html


"MARCOS"


Mar de rostro, mar serio, mar revolto cabelo,
mar cos brazos abertos para o coñecemento,
onde a penas existen feridas que se esquecen
na música da agulla do compás que é o tempo.
Mar revolto cabelo, mar serio, mar de rostro.



"PÓLVERA"

No mar medran froiteiras e as mans do mariñeiro,
mans de ferro, con fendas salgadas do traballo,
collen xurelos de ollos cegos e escamas tona
de prata, que relocen en cestos de esperanza;
mentres o home interroga xa o día de mañá.



"ATILA"

Tanque de gasolina na man, con esa maxia
que fai do combustible un líquido amniótico,
o mariñeiro observa como a embarcación
se converte decote nun incipiente embrión,
símbolo de futuro, sinal de vida nova.



"TARITO"

O mariñeiro, escravo do mar, é o gladiador
de hoxe, pelexa en circos de argazo, anfiteatros
son os acantilados e o César é Neptuno.
O seu combate é sempre desigual contra a morte
por máis que no seu peito lle medre unha man branca.



"NUNO"

Dos catro ríos de Hades, do inferno mitolóxico,
corre máis falsidade polas veas do Océano,
pois pode recibirte co sorriso nos labios
mentres pensa un veleno para a túa alegría,
por iso nunca, nunca lle leves agasallos.



"DIONI"

En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico,
con dous potentes brazos que nas extremidades
se bifurcan en oito tentáculos ventosas,
e cando no horizonte venta a voz do perigo
espertan oito brazos a apegarse na vida.



"CHE"

No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.



"XIROLO"

¿E se a boca da nasa sempre fose un silencio?
¿E se no útero, dentro, non houbese placenta?
¿E se as noites e os días fillasen tempestades?
¿E se nunca amencese nin se vise a ardora?
Meu capitán, o inferno. Meu capitán, o inferno.



"CAMA DE PIEDRA"

Os listos ollos aguias do mariñeiro nunca
leron libros de Stevenson, Melville, London, Verne,
pero os dedos buliron en páxinas de tinta
onde estaban escritas as marcas do mar, cofres
ocultos que abre a chave do aparello da vida.



"QUINÓN"

As nubes da incerteza ferintes coma o sol,
sempre sodes Ulises, hai sempre unha Penélope
que agarda con tecidos. E Ítaca está distante
mesmo que fose a penas unha marea de horas,
e Ítaca está distante mesmo que sempre volvas.



"MANSA"

Lobos de mar é o nome que vos dá quen ignora
a mansedume de ollos e corazón, quen segue
os tópicos da escrita, quen descoñece aínda
que a boia é unha marca non só para aparellos
senón para levardes o umbilical da terra.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega