Melodía

 

(Texto íntegro)

 

v1antongrandemelodia.html

     As notas doces, cadenciosas e mesmo delicadas, enchían a rúa do Conde Pallares ó tempo que se deixaban ir, perdéndose coa lonxanía, polas pedras e recantos das rúas próximas.
     Alí, diante do que fora esplendoroso Casino hai xa ben anos, unha rapaza loira e longo vestido deica os pés, foránea para máis señas, interpretaba ó violín o minueto da sinfonía vinteoito de Mozart, case sen fixarse no público que se detiña para escoitala ou para deixar unhas moedas na caixa do instrumento, convertido por uns intres en peto recaudatorio daquela mociña que tentaba combatir a fame a as súas carencias ofrecendo música en troques dunhas pesetas.

     Miguel levaba a súa miseria con certa desesperanza, pedindo esmola pola cidade para poder logo xantar ou dormir no fogar dos desamparados. Viña da Praza Maior e xa ó penetrar na rúa das Dulcerías, sentíu tremar o corpo ó escoitar unhas notas musicais que o encarrilaron cara a súa orixe, rúa arriba, deica facerse perfectamente sonoras de diante mesmo daquel fato de xente tralo que intuiu se achaba alguén cheo de sensibilidade.
     Eran bastantes as persoas que rodeaban á rapaza músico polo que Miguel, pobre de solemnidade e non moi limpo no seu aspecto exterior, preferíu quedarse á marxe refuxíandose no habitáculo destiñado a escaparate daquela tenda próxima que vendía roupa interior de muller.

     Soaron uns aplausos ó tempo que se escoitaban petar as moedas unhas contra das outras ó caer na caixa petitoria do violín. Miguel aproveitou para prantar un pito, algúns espectadores moveronse para deixar espacio a outros que chegaban curiosos e como por encanto, daquel grupo de persoas comezou a soar o allegro vivace da sinfonía número catro, máis coñecida como "ltaliánica", de Mendelssohn.
     Miguel deu dúas caladas máis ó pito antes de, emocionado e sixiloso, buscar un oco entre a xente dende co que xa poido contemplar a aquela rapaza loira que cos ollos pechos, facía vibrar as cordas do seu violín.

     A Miguel non lle fixo falla pechar os seus ollos rodeados de fondas patas de galo para relembrar tempos mellores cando el, afamado músico, ofrecía concertos de piano en salóns brilantes e afastados de xente, mesmo ante ministros e reis. Craro que eso fora antes de ter sucedido aquelo que supuxo unha caída en vertical na súa vida. Logo virían os pobos recorridos a centos, nun vello furgón, cos membros da orquesta "Los latinos", tocando o órgano eléctrico en noites húmedas de estío e cheiro a fritura. Antes, relembraba Miguel, de ter sucedido aquelo.

     A música do violín seguía soando con delicadeza de mans seguras, diante do vello edificio do Casino, evocando sen dúbida grandes noites de música, champagne e baile deica a madrugada. Miguel sentíu que un novo callafrío lle percorría o corpo, é dicir, que xa era tempo de largarse. Antes guindou unha moeda de cinco pesos, das dúas únicas que acariñaba no peto, cara a caixa do violín, onde se mesturou de contado coas outras. A rapaza loira levantou a vista xusto cando Miguel, de costas a ela, xa se abría camiño entre o grupo de xente tratando de esquecer a súa memoria.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega