MiniEscolma

 

(Texto íntegro)

 

v2manuelmariaminiescolma.html
Canción da claridade das palabras

a
palabra é a única chave que abre
a nosa soedade e pon, á luz
do sol e do luar,
a choída intimidade máis escura.
A palabra nomea e crea ás cousas,
pon orde no mundo
e armoniza toda a creación.
Cando prostituímos a palabra
estamos invocando ó demoníaco.
E se deixamos morrer a palabra
o universo enteiro
dóese de orfandade e desamparo.

               De As Lúcidas Lúas de Outono, 1988





O poema

un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e ternura, desángase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxere
mundos posibeis e imposibeis,
suda, cansa, sente sede e fame,
adoece, agoniza.
                         E nunca morre.

               De A Luz Ressuscitada, 1984





Terra cha

a terra cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceio chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

               De Terra Cha, 1984





Ó regato do cepelo

o pequeno e humilde Regato do Cepelo,
que nace e morre na miña propia tribo,
ten a sotil fraxilidade dun salouco
e o delicado arpexio máxico dun chío
e pasa, como unha canción de amor,
rozando e agarimando á terra lene,
pura, estremecida e alertada.
A increíble levedade da sua auga
faise fiel espello para levar consigo
á miña imaxe:
                     única eternidade
que a piedade dos deuses me concede.

               De A Luz Ressuscitada, 1984





a terra faise en tí,
Saleta, sotileza,
chama apaixonada
e transparente,
levidade de neve,
torrente e forza
de seiva poderosa,
música de vento
entre abelairas,
raio máxio de lua,
murmurio de regueiro,
flor de cerdeira
ou pinga de orballo
emocionada, tremando
sobor do pálido rubor
da rosa namorada.

               De Os Lonxes do Solpor, 1993





Rosas

sempre a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfeción da rosa.
Prefiro á rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplemente: ROSA
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.

               De A Luz Ressuscitada, 1984





deixade que o voso corazón se abra
á beleza deste noso mundo
tan carnal, amigo e amoroso:
á luz clara e máxica dos días,
ó engado das noites,
á música de toda a creación
e ós silencios pechados nos que
cada un de nós pode estar oíndo
o inquedante latexar de sí mesmo
en armonía con canto esiste e estivo,
algunha vez, no ser das cousas.
Amade sempre á terra nosa nai
e cada vez seredes mais humanos
e cecais poderemos comprender
que só o amor nos leva ó éxtase:
único xeito de unión
coa plenitude total do universo.

               De Compendio de Orballos e Incertezas, 1991





o povo que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está empobrecendo ó mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
Ese povo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ó espíritu
que a vida non tolera nen perdoa.

               De Os Lonxes do Solpor, 1993





cervo, flor dun soño, tremor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para receber á primaveira,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxia.
Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,
                      á xuventude
florecendo de novo no meu sangue.

                             Primaveira do 1998


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega