Mourenza

 

(Texto íntegro)

 

m2cotarelovalledormourenza.html

                            MOURENZA

              LANCE DRAMÁTICO NUN AUTO


        Figuras

MADANELA
LUMIA
RAPETA
BREIXO
XELO
ESPADARTE

Pásase na beiramar. Época de agora. Dereita e esquerda, as do púbrico.

A escea é unha cafua enfluxada e probe. No fondo, ventá pecha, e porta de entrar. Â
dereita, lacea que se poida abrir e outra porta. Mesa de madeira no medio, e derriba un
quinqué sinxelo, apagado, pendurado do teito. Abarrotes barriles, caixas, remos, cordas,
redes e máis cousas semellantes. Cadeiras e tallos. Todo roñoso e polvorento. O conxunto
ha de ter van como de almacén de chambo.

É unha noite de tormenta na invernía. Oise o bruído do vento, o chiscar da sarabia e o
balbordo do mar. Pousa longa.
Petan â porta do fondo con dous golpes espaciosos e resoantes; logo con tres máis recios.
Despois surde, pol-o burato do pecho, a vos coutelosa de


ESPADARTE (chamando dendes fora).- ¡Lumia!... (Pousa) ¡Lumia!... ¡Lumia!...

(LUMIA, que é unha vella horribre, sae alumándose cun candil pol-a esquerda, arrastrando
as chanclas. Pousa o candil na mesa; chégase â porta da dereita e chama quediño cos
cotenos; logo vai á abrir en gran silenzo.)


LUMIA.- Non berredes, degorrios, que vos sentirá Madanela.

(Entran ESPADARTE máis RAPETA. ESPADARTE (tipo de mariñeiro antergo: roupa de
augas con sudeste) trae un paxe ô lombo, un farol aceso e un bicheiro na man. RAPETA, de
bufanda, é un rapás xibado, porta un saco valdeiro e un can de lás coutado de un cordel.)


RAPETA (rindo. RAPETA rí sempre).- ¡Mamola!... Chove que asolaga.

ESPADARTE (con zoño que non deixa nunca).- ¿Breixo?...

LUMIA.- Agora sal. ¿E os outros?

ESPADARTE.- Na buseta (Todos falan someiro e espazado).

LUMIA.- ¿Sabes certo que entra hoxe?

ESPADARTE.- Seino.

RAPETA.- Ven nos boletís. E a amañecida está de xorne. Haberá escamallo.

LUMIA.- ¿Grande?

ESPADARTE.- Correo.

RAPETA.- O «Bohemia» ¡Mamola!... Apare o almario, tía Lumia. (Pousa).

BREIXO (mariñán escorreito (traxe azul; boina) entra pol-a dereita poñéndose un chaquetón
de abrigo
).- Aiquí estou.

ESPADARTE.- ¿Listos?

BREIXO (collendo un truel).- Listos.

ESPADARTE (indo á sair).- Avante.

LUMIA.- ¿Levades a xovenca?

ESPADARTE.- É sospeitoso.

LUMIA.- Destoncias o carneiro.

ESPADARTE.- Sospeitoso.

RAPETA.- Vai «Lulo» (pol-o can).

LUMIA.- De pouco che valirá, Rapeta.

RAPETA.- ¡Mamola! Anada coma un xurel e soergue un anagado.

LUMIA.- Collede sachos: haberá cristiáns á pedir terra...

ESPADARTE.- Sospeitosos.

RAPETA.- Ben dito. Este tío Espadarte fala como os relós: pouco, pero campanudo.
¡Mamola!

BREIXO.- Vostede, madre, poderá deitarse.

LUMIA.- Agardo por vós.

ESPADARTE (na porta).- Imos.

LUMIA (a BREIXO).- Toma este coitelo, por sí acaso. É de solla.

RAPETA (desiminando o coitelo).- Estes trémpanos con veleno. ¡Mamola! (rindo) Din que
unha picada mata un cabalo. (dándollo a BREIXO) Garda.

BREIXO (tomando o coitelo).- Hasta logo.

LUMIA (tapa co-a man a lus do candil pra que non se vexa de fora).- Moita sorte (Saen
ESPADARTE e BREIXO.
)

RAPETA (saindo).- Moita maña.

(LUMIA arrima a porta e séntase pensatibre. Pousa. Pol-a dereita entre MADANELA, medio
espida, como quen se ergue pra se volver deitar. MADANELA é unha froriña nascida nun
illó. Así que se amostra, reloce a cara de LUMIA.)


LUMIA (roñándolle cariñenta) Pera Nela ¿é tí?...

MADANELA.- Espertoume o vento, madre, e desvelei. ¿Quén eran eses homes?

LUMIA.- Espadarte e Rapeta; viñan por teu irmán.

MADANELA.- ¿Co este vendabalón? ¿Saen ô mar hoxe?

LUMIA.- Pouco se desviarán das penas; van ô endeño.

MADANELA.- Agardar á que esbardase.

LUMIA.- A ardentía bota arribazón.

MADANELA.- Con todo...

LUMIA.- Volve â cama, meniña. Ves medio espida.

MADANELA.- Un pulo non máis (lerosa). Tiven un soño mui boniteiro. (Séntase a carón da
nai
)

LUMIA (aloumiñando nela).- ¿Pois logo?

MADANELA.- Chegara él...

LUMIA.- Diol-o traya.

MADANELA (afiuzada).- Virá, madre, virá nun dos primeiros barcos. Boeno (contentosa de
relembral-o soño.
) Chegara él e nos forámolo rescibir á bordo... (síntese oubear un can).
¡Xesús! ¿Qué foi eso?

LUMIA.- Un can oubeando.

MADANELA.- Asina oulaba o do meu soño.

LUMIA- Pois ¿non soñaches con Xelo?

MADANELA.- Sí; pero verá, tamén había un can. Un can mouro, mui rabisco, doente
quizaves.

LUMIA.- Sería o urco, o can do mar.

MADANELA.- ¿O urco é malo? Pois era él.

LUMIA.- Din que o urco é un can mui grande que en noites pechas sae do mar, e vai por
rúas e por congostras oubeando con outros cáns que acoden á lle dar escolta. Leva unha
cadea arrastro. Por veces detense, e todol-os máis fanlle roda, calados.

MADANELA (esterrexendo).- ¡Qué medo!...

LUMIA.- Cousas de rapaces.

MADANELA.- ¿Quén sabe?... Tamén din que os oubeos dos cáns ventan morte; e ese de
antes...

LUMIA.- Vaya, conta do teu soño.

MADANELA.- Fóramolo rescibir abordo. Breixo nos levaba na minueta, bandeira en popa. El
estaba alá enriba, na amura, saudando co sombreiro. Vosté ben sabe como é danzal e
fampista.

LUMIA. Eu non-o conozo, Nela.

MADANELA.- Certo. Temíase de vostede e desviábase. Esterrecía entrar na casa; na outra,
que de ésta non sabe que nos mudamos. Des aquí verémolo sobre cuberta. Cuase vivimos
á nado. Boeno, ¡Qué alegría, madre! El saudaba... tirándome bicos. Pero eu non podía
chegarlle...

LUMIA.- ¡Cousas dos soños!...

MADANELA.- Surdíu un can e trabóume da faldra, turrando por min. (Oise berrar
roucamente a serea de un vapor grande, lonxe
).

LUMIA.- ¿Un can na minueta?

MADANELA.- Sí; un can ou un lobo, non sei. É o máis estrano... ¡Cousas de soños!... foi
que aquel can tiña a faciana de Rapeta. Ese rapás non me chista cousa. Paréz que leva un
felo: un felo de velliño recésego. Logo, sempre rindo. Da auguria. Fegúrame que debe ser
xiado como as cóbregas, e si se lle tocara nas fazulas... ¡Uy, qué noxo! (Volve á soar a
serea en urlido longo
)... ¡Xesús, cómo brama ese vapor!...

LUMIA- Haberá cerrume e pedirá plático.

MADANELA (medrosa).- Parés que laya, madre.

LUMIA.- Pol-a noite, ¡xa ora!, todo asusta.

MADANELA (seguindo o conto).- Entón él saltou na minueta e, ¡pumba!, chimpou aquel can
no mar. Logo colléume nos brazos... ¡É mais gayoleiro!...

LUMIA.- ¿Tí cres que virá?

MADANELA.- Como na misa. Escoite (Saca unha carta e lé) como esquirbe: «Saberás en
como nada se me da de esos atorrantes»... Non é aiquí... «Pues Madanela»... aiquí é:
«Pues Madanela, recibí lo que me dices de lo que te pasa y yo te digo que no te degores,
que yo, como te tengo dicho, te quiero rechamente y de no canfinfla, como decimos acá y ya
tengo alguna plata. Pues Madanela, saberás que ya quité el boleto del pasaje y saliré de
esta en el primer correo que toque en esa, que será recien y no más.»

LUMIA (cobizosa).- ¿Dis que ten prata?

MADANELA.- ¡Boeno!... Xa leva sete anos na outra banda. Ben ve. Seu pai andaba máis
espido que un marolo e agora é patrián. Cando veu neste vran dar aquela rabexada, que foi
cando nos conocemos, parescia un señor. Pero tencioaba axuntar máis para viviremos na
vila.

LUMIA (receando).- Nela, ¿non será un embaidor, un infirtoso?

MADANELA.- ¿Infirtoso meu Xelo? Él virá... Se non viñese... ¡ay, madre! (bótase chorando
no colo de LUMIA.
)

LUMIA (cariñándoa).- Virá, filliña; non chores.

MADANELA.- ¡Ten que vire! Eu esquirbinlle todo... Se non ven... finaréime. (Baixando a vos)
Logo se conoscerá demasiado; e xa agora... Onte, no río, Maripepa reparóume de un
modo... ¡Ay, madriña! (Abrazándoa).

LUMIA.- ¡Cala, cala! O que non sei é cómo poido sere, Madanela.

MADANELA (vergoñenta).- Cando iba de espichadora, él andaba de paseante, sempre en
axexo, azoroñando. A frábica está lonxe; para ir e vir tiñamos de pasar o piñeiral... era Xullo.
(Chora) ¡Non sei... non sei cómo foi!

(Esgarabellan na porta do fondo, como querendo entrar; LUMIA decátase, e forza a vos pra
que non-a oian de fora.)


LUMIA.- Vaya, sosega. Déitase; non te colla a friaxe (tentándolle as máns) ¡Cala! Xa estás
entanguida. Ven (Erguéndoa e levándoa cariñenta) imos ô carto, filliña. Durme tranquil. (Na
porta dereita
) Él virá, non temas.

MADANELA (entrando).- ¿Certo que está á chegar, madre? (Desparacen amas).

(Ábrese pouco á pouco a porta do fondo deixando escorrer á BREIXO, pavorido. Ven
impante, en penecho, mirando atrás con ollos relampados. Así que entra, vólvese e pecha,
correndo o ferrollo. Logo abre a lacea, saca botella e copa, bebe un chisco e séntase.
Pousa. En silenzo chega LUMIA por detrás, poñéndolle unha man no hombro.)


BREIXO (brinca espantado).- ¿Quén!!...

LUMIA.- Tes pouco rexo. ¿Qué houbo?

BREIXO.- ¡Unha estrangueira!...

LUMIA (ollando o redor).- E ¿qué traes?

BREIXO (sentándose de novo).- ¡Nada!

LUMIA (estranada).- ¿Entón?...

BREIXO (arredándoa).- Déixeme. Cale. Estou abrayado... ¡Teño medo!

LUMIA.- Ben noto. (ouservando nel) ¿Nos vos collerían?

BREIXO.- ¿Qué sei eu?... Non, non nos colleron. ¡Ogallá nos colleran!

LUMIA.- ¿Estás enmeigado? Conta que pasou.

BREIXO (esterrexendo).- Pasou de abondo.

LUMIA.- Fala, diaño.

BREIXO (de mal aire).- Esnaquizóuse nos penedos... Layaba coma un cristián...

LUMIA.- Ben sentimol-a serea.

BREIXO.- ¡Layaba!... Escomenzaron a sair... As lanchas de abordo batían nas penas e
anagábanse... Saían máis. Algún bulindo ainda. ¡Qué espantosidade! (Quédase suspenso
como ollando unha horribre vision
).

LUMIA.- Sigue.

BREIXO.- Deme xusgos. (Volve a beber) Eu estaba estantío, abobado... ¡Qué
espantosidade!... Veu o «Lulo» arrastrando un así como habanero... Relocíalle a cadea do
relós... Deixoulo cabo min, varado no xabre. Rapeta encirróume... Entre a salguía das
escumas púxenme á rexistralo. Estaba morto...

LUMIA.- Mellor.

BREIXO.- De súpeto, o morto engarrou en min... Botóume as mas. Apertaba no pescozo,
esganábame... e non podía zafarme de aquelas mas; eran poutas... Saquei o coitelo que
vosté me dou e chantéillo... ¡Matei o morto! (Colle a cabeza entre as mas, marmuxando
outra vez
) ¡Matei o morto!...

LUMIA (alentandoo).- Bueno, ¿e qué? Un entre tantos. O mar cobre moito.

BREIXO.- Fuxín. Fuxín sin ver terra; pavorido...

LUMIA.- Hai que ter azo, Breixo.

(Chaman quediño â porta; LUMIA chégase a ela).

BREIXO (erguéndose espeluzado).- ¡Non! ¡Non abra, madre, non abra!

LUMIA.- ¿Qué temes?

BREIXO.- Calquer cousa. (RAPETA asubía pol-o pecho).

LUMIA.- Acouga. É Rapeta. (Abre á xeito.)

BREIXO.- Tanto monta. Rapeto é unha fera; un locumón do mar ¡Rapeta é o urco! (Volve a
sentarse apouvigado
).

(Entra RAPETA sin o can. Trae un gran saco cheo ô lombo e a pucha mail-o truel de
BREIXO na man.)


RAPETA (guindando o saco).- Garde eso, tía Lumiña. ¡Mamola! Ben lle dixen que habería
escamallo. (Rindo) Ehi ten xebra e marlota á rever. (A BREIXO) Es páparo. Algún día nos
botarás á pique. Toma a tua güina; apañouna «Lulo». Velaiquí o relós, a cadea e a carteira.
(pousándoos na mesa) Ter todo ésto na man e deixalo, ¡véigate a mona!

LUMIA.- Aprende, Breixo. Éste ensínavos á todos.

RAPETA.- ¡Bah! ¿Ibámolo perder? ¡Mamola! I-eso que teño un peso diario (pol-a xoroba);
mais pra algo son Rapeta.

BREIXO.- E... ¿o morto?

RAPETA.- ¿Quén? ¿Teu ché? Ben morto queda. (rindo) Estes coitelos de solla son barudos.
(sacándoo do bulso e dándollo) Garda pra outra ves.

BREIXO.- ¿Estrevíchete a quitarllo?

RAPETA.- Non que llo iba á deixar. ¡Mamola! Por él darían con nós decontado.

LUMIA.- Moito vales, Rapeta; estás en todo. ¿E Espadarte?

RAPETA.- Tamén pescou sua bicada. Agora queda carretando náugrados na buceta. Poida
que lle den unha crus de salvamento.

BREIXO (xordamente).- ¡Matei o morto!...

RAPETA (á LUMIA).- Este galán está trafugado. Vale máis que o leve fora, despallará co
vento.

LUMIA.- Ben dís. Ven conmigo, Breixo.

(BREIXO segue á sua nai como anganido e amos saen pol-o foro. RAPETA, con gran
calma, cerra a porta, recolle as alhaxas da mesa, méteas no saco e esconde éste entre os
abarrotes. De pronto, ponse á escoitar e escóndese él tamén. Pol-a porta dereita, entra
MADANELA, máis vestida que denantes, cunha palmatoria na man. Olla a escea, e véndoa
soya, vaise a retirar).


RAPETA (mostrándose).- Boas noites, Mada.

MADANELA (dando un berro).- ¡Ay!!... (tranquil) ¡Asús! qué susto me deches. Cuidei que
ninguén había.

RAPETA.- Cuasi, cuasi.

MADANELA.- Falaban aiquí.

RAPETA.- Breixo conmigo.

MADANELA.- Logo xa viñestes do mar. Gracias â Virxe, que está a noite brava. ¿Cobrastes
peixe?

RAPETA.- Sempre saca algo a rapeta.

MADANELA.- Dixo madre que íbades ô endeño.

RAPETA (correxindo).- Tamén, mais indo eu non falta rapeta.

MADANELA.- O caso é que, loubado Dios, xa voltastes. (Pousa)

RAPETA.- Mada, pois estamos á tergo, quería decirche... Tempos hai que te atopo revirada.

MADANELA.- Nin siquera.

RAPETA (tenro).- ¿Onde van as tuas cores de rosa, Mada; os teus risos estalantes coma
axouxeres; aquelas cantigas que rebulían nos piñeirales? Nin volves â frábica, nin ese limiar
traspasas. ¿Por qué andas triste, Mada?

MADANELA (rindo).- ¿Eu triste? Tí tresleache.

RAPETA.- A xente repara...

MADANELA.- Por vicio.

RAPETA.- Moitos marmulan...

MADANELA.- Por maldade.

RAPETA.- I-eu ben vexo...

MADANELA (anoxada).- ¿Qué é o que tí ves, caramuxo?

RAPETA.- Mada, falemos craro. Nin sei cómo nin con quén, pero o lance foi e... xa me
entendes. Din que embarcou y-está na América; pois eu dígoche que ese non volta. Ben
sabes, gusto comprido...

MADANELA.- Pero ¿qué gusto nin qué sécolas, berberecho?

RAPETA.- Eu sempre te quixen, Mada.

MADANELA (estranada).- Ora o demo dorme... ¿Tí? ¡Asús! ¿Tí me quixeches?

RAPETA.- Sempre; pero decatábame e agardaba. Eu...

MADANELA (congoxosa).- ¡Asús! ¡Asús, mil veces! Sei que sigo soñando...

RAPETA.- Tí eres unha fror, un paxaro, unha estreliña; eu, son Rapeta. Xa comprendes.
Rapeta, calaba. Mais agora...

MADANELA (arritándose).- Agora, ¿qué?

RAPETA.- O tempo corre, o choyo adianta, as linguas rexouban, a conduta abanea; pois
denantes que o caso chegue...

MADANELA.- ¿Qué lareta este cangarexo?

RAPETA.- Mada, a cereixa picada dos melros, logo cae no chan. Eu non podía subir hasta
tí; fuches tí quen hasta min baixaches... Mada, â froita caída dáselle co pé; pero eu son
Rapeta e fago o meu oficio: eu recollo a cereixa. Para min sempre serás Mada. Nada sei,
nada pergunto... Mada, agora non podes escolleitar (apurríndolle a man). Ves aiquí a man
de un home.

MADANELA (estalando).- ¡Un home! ¿Tí es un home? Tí es un escanzre, unha píntiga,
unha cobra...

RAPETA (rindo).- Mada, a cereixa cayida, no chan podrece.

MADANELA (marchando).- ¿Casar contigo? Dios me defenda.

RAPETA.- Mada, xa non podes escoller.

MADANELA (furente).- Antes meto a cabeza na corda de un pandullo e me chimpo co-él no
mar (saíndo). ¡Asús! ¡Asús mil veces!

RAPETA.- Seguirei agardando, Mada.

(Miraa marchar e ri en silenzo. Pol-o foro, volven LUMIA máis BREIXO sempre caviloso.)

LUMIA.- Moita patulea se xunta na ribeira.

RAPETA- Non hai xeito de facer máis. Chegaron carabineiros... ¡Mamola! Poiden
esculirme...

LUMIA (mirando o redor).- ¿E o saco?

RAPETA (amostrándoo).- Aiquí está.

LUMIA.- Daca (desantándoo). Couta a porta e aluma.

(Poñen o saco no medio; RAPETA aluma axionllado e a vella, sentada nas táboas, vai
rexitrando o botín. BREIXO, aparte, cavilando.)


RAPETA.- ¿Non sería mellor agardarse?

LUMIA (remexendo).- Relós... pulseiras... cartos. Chega acá. (RAPETA aluma). Son pesos
(fáinos soar con ledicia no mantelo). Esto é o máis seguro; éstes non teñen señal.

RAPETA.- Xebra, señora, xebra.

LUMIA (remexendo).- Pendentes... cadeas... máis cartos (leda). Moito gafaches en pouco
tempo.

RAPETA.- ¿Non son Rapeta?

LUMIA.- Aneles... medallas...

RAPETA.- Tamén hai carteiras. Meta a man.

LUMIA.- Aluma (sancado unha carteira). ¡Casi está ateigada! Pon ahí, logo contaremos
(mostra un xoyeiro). I-ésto ¿qué é?

RAPETA.- Non sei; non daba tempo. Unha caixiña.

LUMIA.- De prata.

RAPETA.- Agarde; imos abrir... (Forcexea para abrir o xoyeiro. Séntese rañar na porta de
fora e logo xemer xordamente. Todos escoitan.
)

LUMIA.- Será Espadarte.

RAPETA.- Non. Semellan prañidos.

LUMIA.- Pois será o «Lulo».

(BREIXO érguese como abufinado e abre. No oco mouro, apuado no batente, vese á XELO,
macio, descalazado, pingando, caendo... BREIXO recúa espantado.)


XELO (lanxindo).- ¡Auxilio!... Por caridade... denme... auxilio...

BREIXO.- ¡O morto!... ¡Perdón! ¡Perdón!...

RAPETA.- ¡O habanero!

XELO.- Estou ferido... Matáronme...

BREIXO (fora de sí).- ¡Fuxe!... ¡Fuxe, pantasma, fuxe!

XELO (reconocendoo).- Tí mesmo... Tí... ¡Asesino!...

(Da un paso pra entrar, mais RAPETA enquerquenándose, ponlle o mango do truel entre os
pes e XELO enceréllase e cae fora.)


RAPETA (rindo).- ¡Esnafróuse! Agora vai de veras.

MADANELA (drento).- Madre...

LUMIA (atordoada).- Pecha.

RAPETA.- Non pode quedar así. Si recorda e fala...

LUMIA.- ¡Pecha!

RAPETA (pechando o foro).- Guindarémolo o mar.

MADANELA (porta dereita).- ¿Qué ruxir é éste?

LUMIA.- Non é nada, filliña.

MADANELA.- ¿Cómo están todos ergueitos?

RAPETA.- Perdeuse un barco.

MADANELA.- Un barco... ¡Probiño!

RAPETA.- No Con do Demo.

MADANELA.- ¿Afogou alguén? ¡Vaya pol-as Animas! ¿Era noso?

RAPETA.- Era de fora: o «Bohemia».

MADANELA (alteirada).- ¿O qué? ¿O «Bohemia»? ¿Dis o «Bohemia»?... ¡Virxe do Carme!
¿É Xelo?... Nel viña Xelo.

LUMIA.- ¡Xelo!

MADANELA.- ¿Qué vos espanta? ¿Por qué pavorides?... ¿Queizaves Xelo?...

LUMIA.- Non, non. Salvaron moitos.

MADANELA (decidida).- Vou alá.

LUMIA (conténdoa).- Pero filla...

MADANELA (zafándose).- Sólteme, madre.

LUMIA (poñéndose diante da porta).- Non saes.

MADANELA.- Quero sair. Arredre.

BREIXO (meazando).- ¡Nela!

MADANELA (con brío).- ¿Qué socede nesta casa? ¿Estades tolos?... Sayo sin dúbida.

LUMIA.- Mira, Madanela...

MADANELA.- ¿Será verdade? Fai tempo que sospeito... Ese saco... (mira impoñente o
irmán, que engoumea a testa
) Teño escoitado... ¿Qué escondedes detrás? ¡Desvíese,
madre!

(Arredra á LUMIA e franquea a porta, véndose á XELO tendido na soleira.)

LUMIA (aparte).- ¡Disgraciados!

MADANELA.- ¡Asús!... ¡Un home! (axiónllase pra ouservalo) ¡É Xelo!! (ledísima, érguelle a
cabeza
) ¡Ay!, ben sabía que non me abandonabas... Que non deixarías perdida a tua
Neliña... ¡Xeliño! ¡Xeliño!...

BREIXO (acañado).- ¡Era Xelo!...

MADANELA (intranquil).- ¡Ay María! sei que dorme... (mirando a propia man) Pero ésto... é
sangue... Sí; ¡sangue!... ¡Morto! (estolecida) ¡¡Meu Xelo morto!!... (De pé, tráxica, baixo do
dintel
) Madre, irmán... e tí, serpe penzoñenta... corvos do mar, urcos da ribeira... ¡Malditos!
¡Malditos seyades!

(Cadro. MADANELA no fondo; LUMIA, BREIXO e RAPETA abrayados. Cae o teón).

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega