Moscovo lilas serodias

 

Texto íntegro.

 

v2bieitoiglesiasmoscovolilas.html
MOSCOVO LILAS SERODIAS

En Moscovo aviñado de lilas serodias,
Natalia Stroganova vende bolos na rúa,
olla ós transeúntes desde alturas Gagarin,
non se arrastra coas lesmas
nin co bisneto de escravos que serve daiquiris.

Un home mancado pisa os nazarenos
                                             do xardín,
patea un can e alza a garrafa
de doce viño de Xeorxia
lixada de po de linguas mortas,
mareira de sol meridional
espellado nas cúpulas de ouro.

Acédase un sorriso na boca ofendida
que Frankenstein coserá á momia
                                              de Lenin,
remendo de víctima de pestes de vimbio.

Pesante melancolía da pel maquillada,
herba loira sepulta no inverno de Tolstoi,
mais o nariz recachado en hotel eslavo
aturula e celebra a erección do mundo.

Zapatos pinos esgallan os dedos,
lomedros lapexan en ondas de seda,
e segando campinas de trigo
engarrarás nos labios estoxos de vaxina

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega