Néveda

 

Escolma. Introdución

 

m1franciscaherreranevedaintro.html

     Querendo un gran poema cantar, dúbidas teño; que se falo galego non me entenden; e a cantar castillán non me comprendo. Así mesmo pregúntome, se en prosa hei de escribir ou ben en verso; e ríome soíña deste meu dubidar; que é un aletexo igual ó dun poliño que se debate, coidándose atrapado no poleiro por un espanta-paxaros de trapo movido polos ímpetus do vento. Ninguén ha de le-lo meu escrito nin naide ha de folla-lo meu pensamento... abonda con deixar corre-la pruma; abasta con cumpri-lo meu desexo. ¡Lectores... quen os vira, malpocado! Couberan nun puñiño ven pequecho!... Deixade, pois, que escriba como canto: deixádeme que fale cos galegos, que son irmáns da alma os que me escoitan, e non han de asolagar nos meus defectos. E aqueles que non entenden os meus falacios, e se sintan no propio lar alleos, relembren que nasceron en Galiza; que eiquí atallecerán fillos e netos; que dormen nesta terra, aloumiñadas as cinzas brancuxadas dos seus deudos.
     Perdón prás miñas faltas; que deste meu libros as ten, non volo nego; mais o puco que vos dou, douvos do voso e merezo perdón: dou do que teño. Se non me descubrides direivos caladiño o meu segredo: tópome pequechiña... no acto de dar cume ó meu intento, non teñen as miñas ás poderío, o espírtu non ha lucencios para ergue-la nosa fala cal quixera, astra pousala do Ceo nos lindeiros. Quixera medras dar ó meu miolo e ter pró galicián de amor famento, (ofrenda dunha nai de grande porte) tallizos a fartar de pan albeiro. O meu corazón é rico, pro non lle pasa ó inxenio máis có tercio; e ámbolos, podo xurarvos, que son da nosa fala vinculeiros. Ide, pois, caladiños co anaco de mistura farturento que vos brinda a miña alma, nas ás do máis santo amor terreo; que aquel a quen limosnan os veciños topa na códea propia un gran contento. ¡Érguete, pois, do cisco, miña testa, e crísmate coa cruz do bo galego!


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega