número e

 

(Escolma)

 

v2estibalizespinosapoemasdeundous.html


                                                9


                      cadeira de afogar por inmersión
                            
[tormento do século XVII]

                                                                            xa que sabía que lerías isto



polo fondo deste poema resiste a miña vida
a miña vida que é grandiosa e que non quero contarche

resiste, resiste
e a punta do seu iceberg é esta letra, é este punto.
porque ti saberás máis dela ca min, e iso non conforta

o meu trono é incómodo, pero reino
e o que importa, xa o sabes, vai no glamour destas palabras

o glamour: ansíote así, e tanto, que sairía deste papel para te

bicar nos ollos
eu, unha fraude de filantropía

pero non sabes quen son eu cando abandono as palabras
e íspome para o antroido, coidadosa, ferozmente

non sabes quen son eu cando deixo esta cadeira
veño dun idioma no que é tamén o lugar do corpo que adoramos

cadeira de afogar por inmersión, para que confese
e non penso dicirche nada, nada, nada

e non sabes quen son eu se caio a rolos deste trono
o meu trono é incómodo, pero eu reino

creme. cando saio exectada desta nave
o que ven os meus ollos de linda cosmonauta

e vou correndo cara o mundo, como enferma
e vou correndo cara o mundo, como enferma

e vés correndo cara min,
e non o sabes
 

 

 

 

 

 



                                    
     4

                                                                                      para o meu irmán


LEVO agardando por este verso dende que nacín
gracias por darmo enteiro nesta tarde de ceo escandinavo
tras da fiestra sucia

sempre os versos amoreados tras da fiestra por fóra da fiestra
gracias, fiestra, polo vidro panorámico

gracias, retina, por retelo en ti [sei que debo retelo, señor rilke]
gracias, señor rilke, polo anxo enfermoso

gracias, malevos anxos, por vivir fóra do sexo e dentro del
gracias, nubes, por facerme crer no ceo
teorías, por facerme crer no ser
montaigne, por esperar que nunca te lea
euskera, porque non se me ocorre que non existas
miniaturas, por celebrar o universo tralo ollo dunha agulla
moedas, por ir de man en man

gracias, corrección, por embotellar para min a bebida que ansío
e que é o teu antídoto exacto con extracto e irreverencia
reverencias a ti, constelación de orión, por ser a única que distingo

no ceo
e a ti, nebulosa de orión, por parecéreste a min
e a ti, barbie, polo candor da soberbia
e a ti, matrioshka, por me conter incluso a min

gracias á inecuación que nos despexa incógnitos e desiguais
a galileo e a arquímedes por amarse sen sabelo

gracias ao número 25 por seguir sendo 25
tanto na marabilla como na cifra de mortos
ou no ordinal desta liña na configuración deste entramado

polas túas liñas, tamén liñas, maclet ou romeylock ou otelear,

tanto ten, gracias
gracias, ferido de punta de ausencia, por dicir

sei quén son e quén

podo ser
gracias aos que non escriben
aos que arden corren transitan

á atlántida por non existir

ao vermello por vermellar

ao intre por transcorrer


lei, por amosar o camiño de desandarte, gracias
neno, por saber camiñar cara atrás, gracias
luz, por ser onda e partícula e lus a un tempo, gracias

infinitas gracias aos puntos infinitos
que fan unha recta que sae da pizarra dunha clase de cuarto curso

nun colexio derruído anos máis tarde
e a recta aínda non chegou ao seu final
pasou por riba dos entullos e os obreiros
por riba das novas construccións aclimatadas
por riba da rapaza sen cola de cabalo sen carteira con divisións

exactas e palabras divisas ás costas
polo medio desta liña que, me consta, estarás lendo
e a recta aínda non chegou ao seu final

gracias aos monstros e aos trasuntos, de qué maneira inacabada e

feliz, gracias


moitas, moitas gracias sexan dadas ao señor
-a calquera señor -que se chamou meu pai
a áfrica por canto á deriva
a lucy por fosilizarse
a ti por non verme ante esta palabra dende a inexistencia a ti por

gorecerte e pescudarme a ti por non vivir sempre por non ler

xamais

este anverso que agardaba por ti dende que naceu

 

 

 

 

 

 



                                                       
   1

[...]

cando chegamos alí lembro que tiramos moitas fotos, moitas fotos,

fotos que fitarán obscenas dentro doutras fotos. Nalgunha delas ha

reptar aquela fina ironía forxada na boa letra dos perdedores

Arbeit macht frei

mentres os vencedores rexentan as visitas guiadas ao inferno, a

ortopedia de apilables souvenirs que ameazan con esmagar dunha

vez por todas unha raquítica memoria

volta contra eles

porque non lembro un só número daqueles seres
nin a súa negada ata a extenuación beleza de autómatas
nin dentro deste texto, nin dentro daquel texto que os exclúe para

sempre

a música está en nós como a auga está no cántaro de barro
no barro mesmo do cántaro
pese a que o cántaro estea baleir
o


libro do poema que te observa

 

 

                                         ***   



OS números primos

a primacía dos números primos

os primordiais números primos

eu, a número primo

ti, o número primo

primeiro primates, logo números primos

inmortais coma números primos

intocables a berrar cómeme,
e o teu nome coma un cristal de neve polo que ver este poema
naturais             pero primos
irracionais          pero primos


cunha absurda realidade que suscita ás delicias que nos dividen
que incita a máis números primos
e moitos, moitos máis números primos

e así toda unha vida dentro de nós mesmos, números primos
a soñarnos, parodiarnos, desafiarnos números primos
a sabernos tan tristes e tan primos

entre a estupidez da perfección que sempre salda toda conta
e o terceiro canto do galo no que negarse para un renacer 

 

 

 

 

                                         ***

 



                                                                                                a ti, por exemplo


todo podería esquecelo

eu que son eu que son eu que son eu

e loito sen saberme [ ti saberasme máis]
e nacín nunha páxina do teu libro, xusto ao borde, feminino e

cansado
terribilizando, tal é o meu leite de verbos
e ti coñeces os meus límites de fera, en ti,
pero ti non me coñeces
i eu estenderei os meus dedos de sangue a miña pel que vista o

universo
universa de min mesma para enxendrarme da ova sucia
ti non me coñeces e sabes todo de min
sabes o futuro desta liña que descansará na túa man
sabes o que miro cómo o miro a escaseza dos meus ollos que deron

título a estes textos
podes pasearte impune pola orela de min violarme cos ollos voltos

cara atrás e verme tan virxe como se levitase
como se tivese a túa area contra os ollos e non puidera verte

cómo maxicamente pulsar as túas contras para que te abras

non sei quén es
non sei quén es





 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega