Suliñáronse os seguintes termos: penedo

Na noite estrelecida

 

Escolma.

 

m2rcabanillasnanoiteescolma.html

O CABALEIRO DO SANT GRIAL (FRAGMENTO)


   Galahaz, derradeiro, colle estreita vereda
que se adentra no monte, inquedante e segreda.
Sin espora nin lanza, sin escudo ni espada,
alma e vida nun soño e no ceo a mirada,
sin coidar de malfado, dragón ni encantamento,
o cabelo loiriño como airón dado ó vento,
escollido e chamado, vai ridente e lanzal,
que garda o corazón puro e limpo de mal.
   Na escura corredoira cinguida de silveiras
escoitou voces irtas, medosas e tristeiras,
asubíos e ouveos, e chirridos de dentes,
e pasadas de lobos, e fungar de serpentes,
e veu brilar, ó paso de chouzales espesos,
uns ollos sanguiñosos, enmeigados e acesos,
que o axexaban firentes dende furos sombrizos.
Mais, Galahaz non treme de agoiros nin feitizos.
E de alí a tres xornadas de longo camiñar,
san e salvo, atopouse na ribeira do mar.


   Mainiño maino, o vento a rosas recendía
e o mar ía espellado e o ceo estrelecía.
   E acaesceu que ó tempo que Galahaz chegaba,
unha barca, senlleira, no areal atracaba,
cáliz de ouro garnido na brancura da vela,
a cruz roxa no palo e na proa unha estrela.
Galahaz, puro e limpo, entrou nela arelante,
e a nave naquel punto fixo rumbo a Levante
e alonxouse da praia, a vaivén compasado,
como berce dun neno dunha fada arrolado.
E coa ágoa en repouso e o luceiro a brilar,
un camiño de prata relocía no mar.

   En nos ollos azúes unha sagra visión,
frorecidos os beizos nun rondel de oración,
Galahaz vai levado, nun soñar caricioso,
dunha espranza diviña e un relembro saudoso.
E a barquiña envolveita nun craror de luar,
vai avante, en silenzo, de vagar... de vagar...


   Ó romper novo día, a barca milagreira
atracou antre as laxes dunha nova ribeira.
Unha brétema escura desfacíase en bágoas
no curuto das pedras e no limpo das ágoas,
e zarraba o camiño á terra de arribada,
como forte parede por xigantes labrada
ó longo da ribeira, impoñente penedo
sin rubida ni asalto nin buraco segredo.
   Galahaz colleu terra levado do seu sino,
o corazón escravo dun mandado divino,
e mentras desparece o escuro neboeiro
e a barquiña se alonxa guiada do luceiro,
ollou, dunha raiola de sol dependurada,
descer dos outos ceos brilante e longa espada
que abrindo no rochedo unha fonda ferida,
ficou nel encravada, deica ó puño afundida.
   Á vista do milagro, o baril cabaleiro
aceso nunha sagra fervenza de romeiro
e no peito unha arela que maior non podía,
que lle acorra e lle vala pregou Santa María.
E chegándose á pedra, de ánimo esforzado
botoulle man á espada e cingueuna ó costado.
   O penedo, a tal intre, foi por medio fendido
deixando aberto e franco un camiño frorido
que corría unha terra verdecente e mimosa
na que os pinos erguían a súa voz maxestosa,
eran groria dos ollos rebrilos dos orballos
nas herbiñas das leiras e as follas dos carballos,
un río de ágoas limpas, azúes e sereas
durmíase nun leito de douradas areas,
recendo de fiúnchos enchía o vento mol
e as lavercas voaban en circos cara ó sol.
E Galahaz trunfante e cheo de ledicia
entrou camiño adiante, en terras da Galicia.


   Namorado dun soño, na doce vaguedade
das néboas lumiosas da diviña Saudade,
ó mediar dunha noite, atopouse no fondo
dun chouzal sin veredas, e sinteu grande estrondo
de arrepiantes brados, como de cans famentos,
que abatían as arbres e atronaban os ventos.
   Recuberta de espiñas e de cunchas de corno,
a gorxa bafarante como a boca dun forno,
de lubicán as poutas, os ollos de serpente,
envolta en labaradas de espeso fume ardente,
o aguillón pezoñento de lanza feridora,
apareceulle diante a Besta Ladradora.

   Tremeu o cabaleiro e houbo gran pavor;
mais, aíña, tornando ó relixioso ardor,
latexante de espranza, indo a ela dereito,
a espada escintilante enchantoulle no peito.

   Medoñento, abouxante, un brado de agunía
resoou alongado no monte e na campía
e a serpe caieu morta. Detrás dela brilaba
o escudo lexendario que o heroi cobizaba,
o escudo enfeitizado do mal rei Tolomer,
forxado en ouro virxe non visto de muller.


   Trunfador, sempre adiante, foi rompendo camiño
e rubindo as valgadas verdegaias do Miño
traspasou o lindeiro dun xardín encantado
onde todo en silenzo, durmía repousado.
Ó seu paso as roseiras cubríanse de rosas,
rexoubaban as arbres canturías mimosas,
e enchían de ledicia os froridos sendeiros
volvoretas doiradas, pitasilgos trobeiros.


   A carón dunha fonte, a froresta mediada,
persoóuselle diante unha dona encantada;
de princesa de ensono loura e gaia beleza,
o feitizo de lumia, de raíña a maxeza,
frente branca e locente de craror de luar,
ollos meigos e verdes como as ágoas do mar.

   Lindos paxes, onde ela prisioneiros do encanto,
levan feixes de rosas e recóllenlle o manto,
e o máis roibo e garrido porta esgrevio tesouro:
en bandexa de prata unha espora de ouro.

   A fermosa doncela, de xeito que namora,
chegando a Galahaz calzoulle a nobre espora
e alzándose ridente tendeu ó cabaleiro
seus brazos que envexara a fror do laranxeiro.
Mais, fiel ó xuramento, ó seu soño leial,
Galahaz alonxouse puro e limpo de mal.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega