Na vila hai caras novas

 

Capítulo V

 

m1carvalhocalerosobreteatro016.html

O ALCADE, SEÑOR DURÁND


  


     Non se poden concibir intres de maior compromiso cos sufridos desde aquela hora polo alcalde. E nin que dicir ten que a fornada queimouse enteiramente, e a súa numerosa parroquia veuse privada de pasteis durante toda unha semana. Pero compensábase ben esta privación co prato forte do asasinato, que -valla a expresión- todos se dispuxeron a engulir ávidamente.
     A señorita Renard nin sequera tivera un momento de lucidez, no medio do seu apampamento, cando interrompeu a súa entolecida carreira cara o fogar para asomarse á pastelería de Francisco Duránd e, nun refolgo a penas contido, berrarlle desde o limiar:
     —¡Señor alcalde, señor alcalde! ¡O coronel foi asasinado no seu xardín!
     Naquel intre, o señor Duránd que viña de facer descender a férrea porta do forno entoaba a toda voz a marcha de "Aida" e deixou desprenderse longamente as notas dos claríns, como bandeirolas que ondeasen ao vento. Despois volveuse, como movido por un resorte, pero xa a señorita desaparecera. Foron dous segundos de indecisión, porque xa ao terceiro o alcalde subía as escaleiras de dúas en dúas.
     —¡Xoaniña, Xoaniña! ¡O traxe novo! ¡Axiña!
     E mentras se vestía, unha vez que transmitira á súa atafegada esposa a concisa nova do crime, Francisco Duránd trazaba o seu plan inmediato. O primeiro foi mandar un recado ao médico e ao cura; despois ao xuiz municipal e ao garda xurado; e finalmente, no mesmo momento no que prendía o delicado alfinete da gravata coas súas torpes manazas, concibiu tamén a luminosa idea de avisar asimesmo a Herique Lamas, o propietario da "Leitería Suiza", que ademais da leiteira, practicaba a industria fotográfica, manexando un descomunal armatoste, co que obtiña unhas -sempre borrosas- fotografías ao minuto. Tamén convocou ao secretario, e foi cousa de marabilla que, ao cabo dun cuarto de hora, todos os requiridos se atopasen congregados no centro da praza. A única excepción era o doutor Artagnan, que desde o amencer andaba empeñado en facer parir ben á muiñeira.
     O alcalde, sen proferir palabra, rompeu a marcha e tralo grupo das autoridades, gardándolle unha respectuosa distancia, seguía a multitude crecente de curiosos que, sobrecollidos sen dúbida pola traxedia, mantiñan tamén un silencio impresionante. Ninguén deixou de observar a inusitada ausencia da señorita Renard e moitos supoñían que ela se adiantara xa, co fin de recoller sen demora as primeiras informacións, sempre tan valiosas.
     "L'île d'Elbe" estaba situada a iso dun quilómetro do centro da poboación, mais non se sabe que forza misteriosa movía os pés de todos aquela mañá, que incluso o camiñar patoso do secretario cobrou un ritmo desusado. Podería dicirse que o xentío era un só organismo apretado, varrendo, como un glaciar que esvarase, o chan que pisaba. Ao fin contívose, como era lóxico. O rexo portón de madeira estaba pechado, e aos ollos de todos aparecía, máis misteriosa e dramática que nunca, aquela inscripción verduxa e vermella, que o malfadado coronel con tan recóndica fruición pintara nos seus días felices. Conservábase a mesma pintura orixinal, aínda que recentemente o defunto entretivérase en anovala en parte, restaurando algunhas lenes saltaduras que o tempo inflinxira ao seu primoroso labor. As xentes advertiran o amaño, e houbo algúns comentarios doridos, en xeral orixinais das sinxelas mulleres.
     —¡Aínda pensaba disfrutar moito tempo da súa "illa"!
     —¡Non hai inferno que chegue para os criminais!
     —¡Un bendito de Deus!
     —¡Un pai para os pobres!...
     E entón desatouse un ruxidoiro popular de prantos e frases conmovidas. Xa o alcalde batera a grosa aldraba, mais ninguén acudía. Alguén propuxo derrubar a entrada e moitas voces clamaron contra o asasino que sen dúbida tentaba facerse forte na chousa. Algúns rapazolos conseguiron empolicarse no muro, sementado de vidros quebrados, e albiscaban a través da mesta arboreda. Pasaba o tempo, e as chamadas do alcalde facíanse teimosas, como un redobre alarmado de tambor. Foron uns minutos dramáticos; a moitedume impacientábase a algúns correron a tomar as catro esquinas do eido. O alcalde berraba xa, impoñendo calma, e de novo volvía á carga do férreo chamador, alternando cada golpe coa súa orde conminatoria:
     —¡Abran á autoridade! ¡Abran á autoridade competente!
     O de "competente" só se lle ocorreu á última hora. Foi unha mágoa.
     Pola estrada ascendía un murmurio crecente de voces e carreiras. Era a bandada dos picariños da escola que, tremelantes aínda pola emoción que o espectáculo do avión lles causara, decidiron en masa sustraérense á tiranía do mestre, e abandoaron a aula despois dunha breve escaramuza na que o pobre dómine levou a peor parte. Agora seguíaos arquexante, e no fondo satisfeito, pois tamén el sentía unha premente necesidade de sumarse á masa de curiosos.
     O alcalde xa ía tomar unha enérxica medida, cando o portón abriuse. Detrás apareceu a, outras veces, tesa figura do mordomo, que pugnaba sen éxito por amosar unha serenidade da que en absoluto carecía. O alcalde fixo fronte á avalancha que se lle viña enriba, e fixo entrar á autoridade. O mestre, realizando un esforzo supremo para abrirse paso, chegou co tempo xusto para penetrar tamén, deixando tras del o axitado barullo dos escolares, desexosos de seguilo.
     O garda xurado, descubrindo a súa dourada placa sobre a ancha banda de coiro que lle cruzaba o peito, contivo magnífico a derradeira tentativa popular, ao tempo que enarboraba o seu inservible mosquetón. Despois pechou a porta tras del, e un silencio descougante poboou o ámbito tremente de expectación.

 




 

 

 

 


     
     

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega