Noitebra

 

(Texto íntegro)

 

v1eruibalnoitebra.html

               Sala de casa modesta, tan só iluminada pola tenue luz que entra pola vidreira que
               dá ó patio interior. Ábrese a porta e asoma a cabeza Lito, mozo de vintetantos
               anos; deslízase logo nas puntas dos pés, procurando non facer ruido. Camiña con
               inmóbil por un intre. Dirírixe logo á estantería e revolve entre os libros e papeis
               na procura de algo. Cada vez semella máis impaciente. Cáelle un libro ó chan.
               Paralízase de novo. Non observa nada anormal; reanuda a busca. Acéndese a luz e
               Lito sobresáltase. Entra Aurora, a súa nai, muller duns sesenta años. Leva posta
               unha bata por riba do camisón.


AURORA.- ¿Que fas aí?

LITO.- Nada, mamá. Asustáchesme.

AURORA.- Á cama. Veña. Déitate xa. ¿Cres que son horas de chegar? Está raiando o día.

LITO.- Xa vou, mamá. Estou buscando algo... para ler.

AURORA.- Estás ti bo para ler. Veña, de présa. A ver se así consigo dormir. No puiden pechar ollo
en toda a noite. Se polo menos non saíses coa moto.

LITO.- ¿Que pasa coa moto? Ciscas de medo con só oír falar dela. Non pasa nada, vella. Tranqui.
Preocúpaste demasiado. Vai dormir. Eu déitome tamén de contado. En canto atope...

AURORA.- Perdes o tempo.

LITO.- ¿Perdo o tempo? ¿Eu? ¿Falas comigo?

AURORA.- Non está o que buscas.

LITO.- Busco un libro.

AURORA.- A min non me engañas. Anda, á cama.

LITO.- Dígoche que só busco un libro. Precísoo. (Excítase. Continúa a busca con precipitación.)
¿Onde estás? No te agaches, maldito. Precísote. ¿Onde hostia te metes? Onte á noite aínda estabas
aquí. Estou seguro.

AURORA.- Lito, por favor, déitate.

LITO.- Telo ti, ¿eh, vella? Collícheo ti. Devólvemo. Aí había guita miña, veña, devólvema.

AURORA.- O que queda necesitámolo para comer, fillo. ¿Non o comprendes? A penas nos chega
ata final de mes. Anda, sé comprensivo e vaite deitar.

LITO.- ¿Onde o metiches? ¡Era meu! ¡Dámo!

AURORA.- Xa non quedaba nada teu, Lito. ¿Sabes canto hai que non traballas?

LITO.- ¡Iso! Dimo ti, vella. Recórdamo outra vez. A ver, ¿canto? Impórtame un collón o puto
traballo, ¿óesme? Non penso volver a dar pancada na miña vida. Estou farto de facer o parvaxolas.
¡Ata os mesmísimos...!

AURORA.- Cala. Non sexas soberbio. ¿De que vas vivir?

LITO.- De calquera cousa. Xa aparecerá algo. Chulearei aínda que sexa á Macarena.

AURORA.- ¡Xesús!

LITO.- ¿Non viviches ti á miña conta? ¿Eh? Pois ¿por que non me devolves a pasta? Precísoa. Dáme
cinco marróns. Só cinco. É canto necesito. Regáloche o resto.

AURORA.- O pouco que queda é para poder chegar a fin de mes. Xa cho dixen.

LITO.- Está ben... Déixame entón unhas raias.

AURORA.- ¡Que dis!

LITO.- ¿Tésme por un babeco, eh? ¿Cres que non o sei?

AURORA.- ¡Estás tolo...!

LITO.- Non, non te preocupes. Non me van. Non son tan fino. Colocareinas ben colocadiñas...
¡Veña, sóltaas xa!

AURORA.- Non sei de que falas. Vivimos da pensión...

               Lito, nunha especie de arrebato, abalánzase sobre súa nai, agárraa por un brazo e
               retórcello.

LITO.- Veña, vella rañas. Dámas ou valo pagar moi caro.

AURORA.- ¡Que son túa nai, desgraciado! ¿Que fas, malnacido? ¡Sóltame!

LITO.- ¡Solta ti a guita!

AURORA.- ¿Maltratas á túa propia nai, maldito...?

               O fillo sóltaa de socato, horrorizado.


LITO.- Perdoa, mamá. (Salaia.) Perdoa... Son un besta No sabía ben lo que facía... Preciso o
diñeiro. Dámo. Por favor. Teño que pagarlle ó Curras. Débollo. Dende hai días. Xa non agarda máis.
Non sabes ben como as gasta. É capaz de subir aquí e destrozar a casa. Ou de magoarte. O moi
cabrón é rápido pinchando. E eu non quiero por nada do mundo que che faga mal. ¡Por nada do
mundo, que mi madre é o que máis quero...!

AURORA.- Só nos queda para comer, Lito. Non podes seguir así, tés que cambiar.

LITO.- Cambiarei, madre; xúrocho.

AURORA.- Faláronme dun centro. Disque dá moi bos resultados. Farei o que sexa para que te
admitan. O que sexa. Nuns meses estarás curado.

LITO.- Non necesito ir a ningún centro, mamá. Xúroche que non volverei picarme. Xúrocho por
quen más queiras. ¡Por mi padre, que está no ceo! Si, por el. Xúrocho, pero déixame algo.
Devolvereicho. O Curras non se anda con chiquitas. Tenlle o ollo botado á miña máquina. Onte
pinchoume unha roda. É a súa maneira de avisar. Por favor... É capaz de calquera cousa. Dunha
desfeita...

AURORA.- Pois vende a moto.

LITO.- ¿Estás tola? Xamais. Calquera cousa menos iso. A miña moto é sagrada, ¿óesme?

AURORA.- Lito, é xa moi tarde. Déitate, anda. Xa falaremos...

LITO.- Xa falaremos, xa falaremos... ¿Cres que me vas volver a enganar? ¿Eh? ¡Cómo a el...!

AURORA.- ¿Que...?

LITO.- ¿Pensas que non me enteiraba, eh?

AURORA.- ¿A que te refires...?

LITO.- ¡Sábelo moi ben! Eu era un neno, si, pero non tan parvo como ti cres. Sabía ben o que
facías... con outros...

AURORA.- ¡Cala...! ¡Cala xa! Prohíboche...

LITO.- Si, sabíao... Ah, e que noxo... E dor... Aquí, moi dentro. Rillaba, rillaba, rillaba... E dor, dor...
Unha dor que me atravesaba coma o gume de cen navallas... Xa non podía aturalo por máis tempo.
Por iso... ¡Dor...! Aquela noite... Estabamos sós, coma sempre... El e mais eu sós. Ti non dabas
aparecido... Por iso lle dixen... Díxenlle...

AURORA.- ¿Que le dixeches, condenado?

LITO.- ¡Díxenllo!

AURORA.- ¡Supoñíao! ¿Cómo poideches facer tal cousa, desgraciado? ¡Só eran suposicións túas!
Acabaches con el...

LITO.- ¿Eu, madre? ¿Fun eu o que acabou con el? ¿Fun eu...? ¿En verdade o cres así...?

AURORA.- Non, Lito... Desculpa. Quixen dicir...

LITO.- ¿E ti non fixeches nada, madre?

AURORA.- Debes comprender...¡ Teu pai era un...! Teu pai bebía moito, Lito. Demasiado...

LITO.- ¿E que carallo podía facer?

AURORA.- Fillo...

LITO.- ¿O mesmo ca ti?

AURORA.- Por favor, Lito. Hai cousas que non podes comprender... El non... só bebía...
Tampouco... Non... podía... !Non o podes entender...¡

LITO.- Non, claro que non...

AURORA.- (Choromicando.) Nin sequera o poido explicar...

LITO.- Non é necesario, madre, non te esforces... Xa sei que sempre serás unha santa.

AURORA.- Eu non digo iso, fillo... Non quero ser iso. Só quero ser túa nai.

LITO.- Oh, claro que si... Érela, vaia se a eres... Unha nai... Miña nai... Unha puta nai.

AURORA.- (Nun contido berro que lle sae da alma.) ¡Non, non, iso si que non...! Non é certo.
Enganáronte... Envelenáronte. Lito, meu neno, eu son a única que te quere... Con toda a miña alma.
Todo canto fixen foi por ti, por ti, por ti... Por amor a ti... Para sacarte do inferno, desta merdenta
miseria...

               Lito lánzase sobre a súa nai e, malia a resistencia dela, quítalle un feixe de billetes
               polo escote.

AURORA.- Céibame, Lito, non... Agarda... Por favor... Non o fagas... Non... Déixame...

               Lito corre cara á porta. Detense. Dá media volta, diríxese á súa nai e trata de
               levantarlle a bata e o camisón. Ela procura evitalo. Forcexan. Caen ó chan. Ó fin,
               el consegue arrebatarlle a faltriqueira. Érguese, ábrea, extrae algunhas "raias" e
               comproba a calidade do producto.

LITO.- Dende agora serei eu aquí o administrador.

               Garda a faltriquera, vai cara á porta e sae. A nai tenta conter o pranto. Súpeto
               ruxido dunha potente motocicleta que de contado se alonxa.


F I N


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega