Nova Igrexa Galega

 

 

Nova Igrexa Galega



A FE QUE COMPROMETE. UNHA NOVA IGREXA GALEGA

Int. A expansión da increnza cuestiona a miña fe e forza a explicarmos. Labor de empeño, de introspección e de apertura. A fe encultúrase como relixión. Esta que me rodea, responde á cultura premoderna coa que formou un todo sólido de mitos, crenzas e rituais. As igrexas son neste intre o construto premoderno que se resisten a cambiar e a dialogar a fondo coa sociedade actual. Por qué? En parte porque se configuraron nunha sociedade que dominaron culturalmente, e, aínda máis, se inseriron nas institucións estatais como contrapartida. Unha tarefa de urxencia: que a mensaxe cristiá dialogue con todos personalmente e coa sociedade.











FE E RELIXION

      Se sometemos o feito relixioso en Galiza a unha análise, vemos deformacións antropolóxicas, fronteiras imprecisas do relixioso, configuración mítica, máxica e ritualista. Á vez contestación interna nas igrexas, politización do cristianismo, manipulacións da fe.
     En todo caso, Galiza aparece impregnada de relixiosidade eclesial desde hai tempo. Os templos, hermidas, cruceiros, etc. cubren cotos e vales, enchen cidades e espazos lugareños, métense nas casas e decoran os corpos. Todo isto interroga. ¿En qué medida as actitudes mentais dos galegos estiveron e están medidas polo discurso relixioso da Igrexa? ¿Que coincidencia entre o paradigma da fe cristiá eclesial segundo o Vaticano II e o das comunidades galegas?
     Tres preguntas:
     ¿Ten razón X. L. Segundo que pronostica o inicio dun cristianismo recuperado e adecuado ás necesidades sociais?
     Os 1.700 anos das igrexas galegas, cos seus acertos e erros, teñen que ser desbotados ou son a crisálida dunha nova cristianía?
     Concretamente na Galiza un novo cristianismo vai provir da Igrexa e coa Igrexa ou sen esta Igrexa?
     Preguntas ás que só despois dun excursus histórico, me atreverei a contestar.



UN NOVO PARADIGMA

     Partimos de Xesús de Nazaré, da súa vida e da súa palabra. Xesús de Nazaré é o crucificado resucitado: xusto, bo, home para os demais. Grazas a Xesús temos un coñecemento de Deus como creador, pai-nai, bondade, amor, salvante, principio e fin. A vida de Xesús, a súa morte e resurrección son o rescaldo memorial permanente do ser cristián.
     Pertencer a unha Igrexa é pertencer a unha comunidade fraterna, en diálogo constante cos seres humanos. En aposta polo reinado de Deus: defensa dos pobres, cóbado con cóbado con eles fronte as ameazas do "discurso único neoliberal".
     Tratamos de traducir a palabra de Xesús de Nazaré e desenvolver unha teoloxía desde a súa palabra fora das cosmovisión e crenzas premodernas. Sabemos que o irracional non pode entrar como "relixioso", tanto máis canto a relixiosidade actual é coñecemento e experiencia persoal.
     A relixiosidade cristiá é "expresión da busca humana de sentido e, como expresión da busca de sentido, irredutíbel e incuestionábel como esa mesma busca" (V. Frankl). Seducidos por Xesús de Nazaré que nos monstra a Deus, cremos nese Deus que quere salvarnos. A Comunidade cristiá garda a memoria de Xesús e dá a cada un de nós o agasallo dese Xesús presente: A Igrexa Católica que é maioritaria na Galiza, forma entre esas comunidades. Somos —os galegos católicos— membros desta Igrexa.
     A Igrexa real que formamos na Galiza non é monolítica. Por avatares históricos, ten dependencia da Conferencia Episcopal Española (CEE). Está dirixida por un episcopado de longa tradición e autodecisión en alianza coa Monarquía, co poder do Estado español.
     Desde o XV houbo galegos cristián insumisos á dependencia eclesiástica da Igrexa española. Nos anos 1960 aparecen colectivos "enculturados" da Igrexa galega que critican tal relación coa Igrexa española v.g. "Irimia". En todas partes emerxen comunidades dunha nova Igrexa cun novo paradigma: enculturación, fraternización, mística.
     Esta "nova Igrexa" e a tradiciional visibilizan a "dualidade" dunha igrexa indecisa entre as orientacións do Vaticano II e a permanencia na organización premoderna.
     Como primeiro e máis constante signo da presenza de Xesucristo, aqueles crentes "partiron o pan e beberon o viño". Mesmo gardaban para os enfermos o sobrante. É isto a eucaristía actual e o culto ao "Sacramento do altar". Aumentaron as expresións "sacramentos": bautismo, confirmación, orde, matrimonio, penitencia e unción dos enfermos. Ademais a liturxia cristiá está chea de símbolos: auga, cirio pascual, lume, aceite, etc. Son símbolos en acción, que a comunidade realiza, son "perfomances" que pretenden modificar a práctica humana de acordo coa palabra. Ben di Chao Rego (Na fronteira do misterio, 1995, 367): «existen dúas clases de discurso ou fala: o que ten función simplemente informativa, que declara algo con intención "constatativa", e o que leva ademais a intención de eficacia e que algúns lingüístas denominan linguaxe "performativa" porque tende a ser eficaz, levar a acción do que fala ao seu cumprimento».
     K. Barth insiste: «a igrexa é o lugar, a comunidade a quen se encargou, deu en coidado, o obxecto e a actividade de predicar o Evanxeo». A igrexa é sacramento primordial e Xesucristo, sacramento orixinal, fonte de todos os sacramentos. A Igrexa ten de ser sempre o sinal e sacramento de liberdade nese máis alá á relixión, e debe diariamente examinarse para non converterse ela en "forma de relixiosidade exclusiva". Nese caso, se convertería en "mediatizadora", obstaculizadora da salvación. (J. A. Estrada, "Reto á humanizfación da Igrexa", en Encrucillada nº 140, 473).
     ¿Como é a sociedade coa que dialogar? É moi plural no aspecto relixioso. Abundan os desafectos á institución eclesial e os "sen relixión". ¿Como actuar?
     Primeiro, aceptando a "situación de desafección, agnose ou arrelixión". Desde esa situación cabe o paso á afección e á fe cristiá. Para os casos de agnosticismo e de ateísmo o proceso está descrito en múltiples historias personais: quen desperta ao absoluto, quen se encontra con Xesús ao ler os Evanxeos ou excelentes "Vidas de Xesús", quen acepta incorporarse a grupos de crentes fascinado pola súa actividade altruísta e desde esas circusntancias dan o paso á fe.
     O ser humano busca; as "obras" significativas da presenza de Deus e do paso de Xesús existen. Unha catedral pode ensimismar e interrogar; certa música eleva. Todo arte fascina. Serve de ponte á "verdade cristiá".
     No caso dos desafectos, o retorno ou reiniciación comunitaria está en dependencia das modificacións da igrexa ou de accións ministeriais de quecemento anímico. A Igrexa debe modificar a súa organización, ten que superar a dualidade dunha organización inadecuada e dar relevo ás suxestións do Vaticano II, segundo o paradigma que estamos a descreber. De vez en cando algunhas actuacións de animacións, v.g. acontecementos como os de "Todos santos, 2004" de París, xornadas de misión, etc., dexelan o frío da desafección.
     Un diálogo, polo tanto, persoal, mais coa comunidade e cara a comunidade.



OFERTA A TODOS

     O envío dos apóstolos por Xesús, repítese cada día. A Igrexa é a enviada e os cristiáns —uns dunha forma, outros doutra— somos invitados a proclamar o Evanxeo. Mais isto só é real se conseguimos unha inserción nos colectivos que configuran a sociedade.
     Cada país ten a súa configuración social. Occidente é diverso segundo os países, mais con unidade de lineamentos sociais. Os colectivos máis dinámicos son os económicos, sindicatos, empresas, ongs; os culturais, escolas, mass media; os políticos, partidos, asociacións veciñais; os deportivos, etc. Da suma de todos procede a entidade, a expresión, o estereotipo de cada nación. Estes colectivos son a "multitude á recibir o lévedo cristián".
     A visibilidade dos cristiáns é evanxelizadora se actúan ética e profesionalmente con enteireza e engaden o grao de fortaleza que postula unha persoa de fe. Unha presenza, logo, de compromiso cos valores humanos e coa súa superación desde a fe cristiá: no perdón, na opción polos máis pobres, na non violencia, nunha integridade moral ata ao heroísmo, na gratuidade, na compasión, paz, vida, etc.
     Daquela surxirá a pregunta por tal comportamento; a resposta é: ven e ve, oie e decide. Aí tes unha comunidade que se confesa de Xesuscristo.
     A igrexa precisa tamén presencia institucional que recibe postulantes, educa neófitos, dá madurece aos seus fieis e así é testemuña do poder de Deus e da presenza de Xesucristo que a envía.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega