Nos pagos de Huinca Loo

 

[Fragmento]

 

v9alcalanospagosdehuincaloo O primeiro anuncio do día veu cun clarear de brétema na liña do horizonte; e sobre a brétema pálida brillou Venus, con furor de astro que sabe curto o seu reinado. Axiña cantaba o galo. Despois, os porcos gruñiron arredor da poza.

Entón acordou o Carlitos, abaneou a cabeza no brandor lanudo da montura que lle servía de almofada, esfregou os ollos, incorporouse, e respirou fondo o frescor da amañecida.

Nun salto estaba en pé e saía do galpón á procura do cabalo que deixara no cercado. No rancho aínda durmían, e unha quentura mala pasoulle pola cabeza. Volveu respirar con forza e colocoulle a cabezada ao baio brioso co que se ía dar un gusto que calquera tristura mataba.

Mozo e áxil, logo tiña o corpo liberado de humores, o chiripá ben preso coa faixa, as esporas axustadas e o cabaliño aparellado.

Montou. Foi saíndo e os cans seguíano. Sen soltar rédea, apretou ben a vincha para que a melena non se lle botase por encima dos ollos; e envolveu as boleadoras do ombro ao cadril, cruzándolle o peito.

Clareaba o pasto, feito palla nun fin de primavera sen luz. A luz víñalle de atrás ao cabaleiro solitario sobre a monotonía da pampa. Cando a chaira se tinxiu de rubio, comprendeu que o sol estaba xurdindo, e calcou as esporas na barriga do baio.

Ao pouco voaba, sen medo a rolar oprque o cabalo metese a man nun buraco de mulita. Para CArlos non existían as mulitas, os armadillos fozadores, inimigos das grandes galopadas; nin as perdices, que dardexaban asustadas polo bater dos cascos na terra endurecida; nin as ovellas que beaban aterrorizadas ao seu paso atropelador...

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega