No labirinto

 

(Texto íntegro)

 

v2cesarcunqueironolabirinto.html

     Desde a miña afastada mocidade habito na fascinación do labirinto. Neno aínda, as actividades e os xogos máis amados procuraban os recunchos secretos, disimulados recantos con acceso por abertura no rochedo, por túneles baixo a terra, por camiños que non aparentaban selo.
     Países, si, cheos de perigos onde, asoballantes, ameazaban as armas, para min descoñecidas, do abismo ou da escuridade. Con todo, chegaba sempre ao milagre da luz que me acollía na fronteira e levábame a eidos de herba, invadidos por tribos de flores aliadas, coas súas bandeiras de ouro e gules, una paisaxe con gruta, fonte e regato onde me deitaba para nela residir. Ou a unha praia insospeitada, vestida de incríbel brancura que descansaba a rentes do deserto azul do mar.
     E non esquezo as caixas con sotos escondidos, os móbeis de caixóns agochados e, en xeral, tódalas cousas dunha fasquía sólida e sen misterios pero que ofrecen a quen sabe apertar os resortes e puntos axeitados a esponxa do seu interior, os espacios fragmentados que acubillan as ilusións no canto do que semellaba un bloque morto.
     Coas primeiras lecturas engadín ao inventario as portas e os corredores secretos, as habitacións que viven en silencio en certas casas, rodeadas polas paredes das outras, invisíbeis, as lousas que alzadas descubren uns escalóns de pedra.
     É o labirinto. Coa descuberta literaria coincidiu a chegada á alameda de Mondoñedo nas feiras de San Lucas dun labirinto de cristal que percorrín con éxito, coñecedor da regra de seguir sempre ao can lazariño da man esquerda. A multiplicación da miña imaxe suarenta e as dos outros visitantes en xesticulante arañeira non puido confundirme e acadei excitado o portal de vidro. Logo púxenme a estudiar os xéneros e as especies dos labirintos, nos libros, na arte, na natureza, desde o labirinto do ouvido interno ata os literarios. Pronto souben que baixo certa perspectiva todo é un labirinto. E moito máis tarde, namorado do templo grego, que o macizado de luz e ar do intercolumnio do peristilo esixe a negra raizame do labirinto. E fun dándolle forma ao labirinto por min soñado.
     Eu son un fiel da relixión do labirinto.
     Axudado por Oulda púxenme en camino cara ao templo. E a rota do templo levoume ao labirinto.
     Os corpos de Oulda e de Coré érguense coma torres xemelgas na porta que cruzada leva a outro mundo que non está neste nen máis aló, a súa realidade deriva dunha certa mirada. Entre os humanos establece clases a mirada.
     Entramos na nosa sala sagrada. As paredes están decoradas con espirais e ao fondo a grande estatua de bronce do Minotauro hermafrodita con sexos de ouro que alternan segundo as ordes dos soños.
     As salmodias cantadas envólvennos de néboa na que se erguen as columnas máis escuras dos perfumes queimados. Cos ollos pechados e a cabeza inclinada sobre o peito intentamos facer realidade o labirinto de cada un e que se impoña aos demais coma unha arquitectura inexorábel que nembargantes mesmo vencedora, sofre as presións dos outros labirintos que a deforman e penetran, constituíndo estraños conxuntos coma imaxes superpostas e desenfocadas.
     Entre farrapos da brétema que foxe coma un líquido polo desaugadoiro aparece a paisaxe do meu labirinto. Un pequeno templo na aba dun outeiro, cun porche de columnas que leva directamente á habitación da estatua do deus que nembargantes falta. Hai pegadas dun recente abandono. Nunha esquina unha escaleira leva á entrada ao labirinto, un rostro cheo de enrugas coma redes perdidas de camiños e onde a complexidade dos niveis vese acrecentada polas mans que afastan a mirada da contemplación do espanto.
     Oio o bramido da estatua de bronce que é o sinal da realidade do labirinto e vexo como entra nel o Minotauro e as que soñan comigo e as poboacións de enxendros dos nosos soños. O derradeiro son eu, espido, os pés calzados con sandalias, a suor como un Nilo polas terras secas das costas.
     Estou xa na entrada do labirinto. O falo é un betilo do deserto sirio. Nas miñas mans a dobre brosa. Tamén ela soña labirintos de morte sobre os ceos dos policéfalos.
     Mais angustiado descubro que diante miña se alza outra edificación por min non soñada, outro labirinto. Ansioso ouriño a cachón a rentes da pedra e a fervenza é tan abundante que Cristo entra de novo, xinete sobre o burro, en Xerusalén.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega