Nove poemas

 

(Texto íntegro)

 

v1medosromeropoemas.html

Parouse o tempo
ó canto dun cuarto,
na tea de araña durmida,
na caravilla enferruxada
daquelas vidas ausentes,
nas navetas balorentas
dos seus recordos.
Parouse pedrexando beleza
nas hortensias azuis
duo muro esbroado.
Parouse na olmura
da chanta grande da eira,
pode choveron
os couces dos anos
renxendo nos silenzos.



Son de ti, terra,
cos mesmos ollos das abelás,
coa branca pel das cascas de bidueira.
Teño o lombo arado coma
os sucos dos teus labradíos,
as maus agardando froito
e teño por dentro o zugo
e as medras coma as das túas árbores.
O meu cabelo quere do vento nas chaeiras,
quérese en espacios libres e abertos
para estenderse coma as follas e as ponlas.
Poido florear coma un camelio
ou podrecer de raíz,
retoñar nas maceiras,
agarrarme en ti no couce
dun vello castiñeiro.
Acabarei aniñándote
a canda os paxaros famentos
nas toxeiras das tardes,
e ali serei máis túa,
calada entre as carqueixas e as uces
ollando ó río,
que baixa calmo arrastrándose a modo
coma unha serpe, amolentando día tras día
no mesmo cauce.



Seméntame en sombra
alonxada da barbarie
que tronza nas follas secas
e pintarraxadas.
Lévame coas landes
á carón da herba mollada
a podrecer,
cando as castañas rebolen
nos ourizos por saír da casca,
vendo o tempo lento
pingar nun pampillo vello
esquecido do verán.
Cubriranme as follas
fecendo manto castaño,
tornándome da xiada.
A neve si, esa si,
calará os meus ósos,
despertará en min
a ansia de ser semente
estombándome en gromo de verdor,
en árbore, en vida.



Raíña:
a da coroa de pudias novas,
a que toca nun corno
chamando ás lavandeiras e ós pombos,
a que se unta nos dedos
co malva das malvas,
a que cansa da fogaxe
déitase na herba verde
ollando nabales en flor.



Dádeme un papado de sosego
para este comicio do sangue,
a este aguilloar de vésporas,
pros leiróns que roen no meu ventre,
pró caruncho que me apodrece
coma tal febra do verde millo.
Matade en min este lume aburador
que lapea de vello,
acochado coma na restreba arrostrellada,
coma un borrallo queimón
que come sen darvos sinal.



Serei a rosa apodrecida
no breve tempo,
a grima do lóstrego azulado,
o cadullo ande prende a mala herba,
a mala hora que atrae ós morcegos,
a besta ladria que salta valados.
Tamén serei o can en ouveo
presaxiando espantos.



Sexa achaiada
pola sombra do lirio
en lareo de morte pronta,
sexa espiñada moura
nas facianas das tardes,
Ó carón dos cristos,
nun anaco de terra,
nun tarrón parduzco
queimado do sol,
cos ósos caleados
á intemperie
entre da mougada.



Funme co luar do verán
escorrentando morcegos,
empuleirada no bico
dunha estrela
co meu soña,
acarreirando coas bonecas
de pelo roxo,
medando a noite
co vento, os grilos
e o silenzo das avelaíñas.
Funme esfarelando
pouco a pouco,
sumíndome
neses recordos.



Cravado o tempo
na folla do almanaque,
o tempo caleado
e húmido, silencioso,
a tarruxar nos dentes.
Achicando luz,
en contra, eu.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega