¡Ai, que sería de nós sen os obreiros!

 

(Texto íntegro)

 

Pagina nueva 1


     Unha vella ben parecida está sentada nun banco. Mira atentamente cara á súa dereita, con intriga... Soan bucinas de automóbeis, pitos dun semáforo, ruídos de aceleración...

CARMIÑA     — Píllana... non a pillan... píllana... non a pillan.... píllana... non a pillan... pi-pi-pi-pi... Non a pillaron... ¡Ai, meu deus, polos pelos...! (Santíguase)


     Aparece na escena outra vella, apurada. Vén do lugar cara onde miraba a primeira, respira fatigada; válese para camiñar dun bastón. É unha vella malencarada, barbuda, mal parecida...


GAUDENCIA     — ¡Ai, Carmiña, cada vez é máis dificil cruzar a rúa...!

CARMIÑA     — ¡Que pouco respecto teñen polas vellas...!

GAUDENCIA     — Menos aínda polas vellas barbudas... Arrancan antes de que remate o pito dos cegos... Non aturan ás vellas modernas... 

CARMIÑA     — ¿Moderna, Gaudencia? Se as barbas non se levan...

GAUDENCIA     — Algunha tiña que ser a primeira... Ben... ¿Hai moito que empezou?

CARMIÑA     — Xa vai polo terceiro...


     As dúas miran cara ó fronte, algún lugar no alto... Gaudencia non semella ver moi ben...


GAUDENCIA     — ¿Que aspecto ten?

CARMIÑA      — (Soñadora, contenta) É alto, forte e guapo.

GAUDENCIA     — (Aguza a vista) ¡Carafio, que vista tes!

CARMIÑA     — (Segura de si mesma) Este non vai caer...

GAUDENCIA     — Vai vento, un día perfecto...

CARMIÑA     — Gaudencia, dígoche que este non vai caer.

GAUDENCIA     — As estatísticas dos xornais din que...

CARMIÑA     — (Interrompéndoa) Déixate de estatísticas, aquí o que vale é a intuición feminina.

GAUDENCIA     — Es unha vella ben vella, hoxendía hai que ter en conta as estatísticas...

CARMIÑA     — ¡Non vai caer!

GAUDENCIA     — Calquera diría que che gusta, Carmiña...

CARMIÑA     — ¡Ai!, saca, muller, que cousas tes...

GAUDENCIA     — Só caeron dous este mes e o ano pasado a estas alturas xa caeran tres... Vai caer.

CARMIÑA     — Non... Mira, xa vai polo quinto...

GAUDENCIA     — ¿Por canto empezamos?

CARMIÑA     — ¿Paréceche por un cuarto?

GAUDENCIA     — Feito, un cuarto de pensión a que cae...


     O ritmo da acción medra coa aposta. As vellas vólvense áxiles e cobizosas.


CARMIÑA     — Aí vai, un cuarto de pensión a que non cae.


     Carmiña e Gaudencia sacan dos bolsos, duns sobres, os cartos da pensión que van apostando e póñenos debaixo dunha pedra, no banco, entre as dúas...


GAUDENCIA     — Cae.

CARMIÑA     — Non cae.

GAUDENCIA     — Cae.

CARMIÑA     — Non cae.

GAUDENCIA     — Cae... cae... Soltóuselle unha corda... Cae...

CARMIÑA     — Agarrouse ben... Non cae.

GAUDENCIA     — Media pensión a que cae.

CARMIÑA     — Media a que non cae.

GAUDENCIA     — Cae.

CARMIÑA     — Non cae.

GAUDENCIA     — Cae.

CARMIÑA     — Non cae.

GAUDENCIA     — Cae... ¡Cona! Este está duro de moer...

CARMIÑA     — ¡Vaise salvar, Xesuscristo!

GAUDENCIA     — Non, non me vai foder a pensión, vai caer... Aposto a pensión enteira...

CARMIÑA     — Vale, aí vai a miña pensión... "Dios te salve María, llena eres de gracia, el Señor es contigo..." Que se salve Virxe Santísima... que non caia...

GAUDENCIA     — (Pletórica) Cae, cae, cae...

CARMIÑA     — Non cae, non cae... ¡Ui, que vento!

GAUDENCIA     — Cae, vai voar Carmiña, xa verás como voa o teu artista...

CARMIÑA     — ¡Coidado!... ¡Coidado co andamio!

GAUDENCIA     — Vai esvarar... Vai caer...

CARMIÑA     — ¡Aguanta!... Non caias... pola miña pensión...

GAUDENCIA     — Pois pola miña que vai caer... cae... cae... cae...

CARMIÑA     — Non cae...non cae... non cae...

GAUDENCIA     — Cae... cae... cae... Cae... cae... cae... (Escóitase un estrondo) Caeeeu... ¡Caeeeeuu! ¡Ai!,que ben caeu... sen casco e sen rede.. 

CARMIÑA     — (Piadosa, desconsolada) Ora pro nobis...

GAUDENCIA     — ¡Deixouche sen pensión, Carmiña! (Colle os cartos da aposta, avarenta) Perdiches outra vez... ¡Ai, que sería de nós sen os obreiros!

CARMIÑA     — Ora pro nobis... (Comeza unha especie de ladaíña)

GAUDENCIA     — Obreiros da construcción.

CARMIÑA     — Ora pro nobis...

GAUDENCIA     — Obreiros do metal

CARMIÑA     — Ora pro nobis.

GAUDENCIA     — Limpiacristais.

CARMIÑA     — Ora pro nobis...

GAUDENCIA     — Que nos soben as pensións...

CARMIÑA     — Ou nos deixan sen un can. 

GAUDENCIA     — ¡Ai, que sería de nós sen os obreiros!

CARMIÑA     — Ora pro nobis...

GAUDENCIA     — Máis divertidos có bingo.

CARMIÑA     — Ora pro nobis...

GAUDENCIA     — Máis divertidos cá brisca.

CARMIÑA     — Ora pro nobis.

GAUDENCIA     — Máis divertidos cá tele.

CARMIÑA     — Ora pro nobis.

GAUDENCIA     — Porque morren de verdade.

CARMIÑA     — E nos deixan sen un can...

GAUDENCIA     — ¡Ai!, que día levo, Carmiña, que bonito día levo... dobre pensión e sorpresas na casa... Hoxe cheguei tarde porque non me puido traer Manuel...

CARMIÑA     — ¿E logo?

GAUDENCIA     — ¡Encontrou traballo!

CARMIÑA     — ¡Por fin! ¡O teu fillo Manuel! Alégrome, ¿En que?

GAUDENCIA     — Pois non mo dixo, Carmiña, pero será algo da súa carreira... Comentou que era un traballo importante, un traballo de altura...

CARMIÑA     — ¡Que sorte, Gaudencia, co paro que hai!

GAUDENCIA     — Si, creo que ten perspectivas de ascender...

CARMIÑA     — Pois que teña coidado, non vaia caer...

GAUDENCIA     — (Asustada) ¿Caer? 

CARMIÑA     — Ou non caer... 

GAUDENCIA     — Esa é a cuestión... ¿Por que dixeches caer ?

CARMIÑA     — Por nada, muller, con tanta altura e tanto ascenso, algún risco debe ter, digo eu...

GAUDENCIA     — ¡ Ai, Carmiña, que me vai dar algo, que me deu unha corasonada... (Érguese de súpeto, entolecida, e deixa caer os cartos que tiña no colo)

CARMIÑA     — Non me asustes, Gaudencia, ¿que tes?

GAUDENCIA     — ¡Forte, alto e guapo...! A ver se é... (Bota a correr)

CARMIÑA     — ¿O que caeu? Ora pro nobis, Gaudencia...

GAUDENCIA     — ¡Ai,!, meu fillo Manuel.... Manuel.... Manuel...

CARMIÑA     — Coidado, Gaudencia, coidado co semáforo, que está en vermello... ¡Ai, meu Deus...! (Intrigada, ansiosa. Volven soar coches arrancando, pitos para os cegos, bucinas...) Píllana... non a pillan... píllana... non a pillan... píllana... non a pillan... pi-pi-pi-pi- Pillárona... ¡Ai, Xesús, vaia día! ¡Ai, que sería de nós sen os desgustos que nos dan os obreiros! Soben, caen e fan que apostemos outra vez! (Érguese, mira os cartos do chan, cólleos e sae.)




PANO

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega