BVG Atrás |
--orama |
||
|
(Escolma) |
|
v2estibalizespinosapoemasdeundous.html
de b u x o
estou debuxando.
unha liña
outra. non sei
a qué se asemella.
non me decato da hora. nin do volume.
nin reparo na elíptica da terra ou se este ano é bisesto.
¿serei home?¿serei muller? nin me importa.
¿serei serea?
cándo me vin por última vez, espello, espelliño máxico,
é irrelevancia
metabolismo, fotosíntese, metamorfose, partición
procesos que seguen sen min procurando procurar.
non sei que bombeo sangue ideas nervios
non sei que estás a punto de chamar
non sei da pomba que fai o seu niño
da tormenta que se escurece na nube
do cambio que se aveciña nos ciclos
da pistola esperando estoupar
da mapoula vermellando
do cisne esmorecendo
da política intrigando
de estrelas acendendo
só sei que estou debuxando
son aquí pero non son.
son aquí mais podería ser alá.
as liñas creban, sucédense, xogan coa posibilidade de ser
outras
corrixo sobre a marcha, puntualmente. ninguén sabe.
algo que se parece a min, pero non.
establece un mapa do momento que imaxino.
sendo nada. a maxia da man
perante un espello enmascarado
m a t e m á x i c a s
as matemáticas son o refuxio
con máis sen fin que darse poida.
nada dubida alí. nada treme.
tan só cinco por cinco
igual a vintecinco.
non anos transcorridos
senón 25
tan alleo á experiencia humana
que ata sen océanos, sen sangue,
seguiría a ser
25.
sen abandono posible.
raíz de 625.
sen mutacións químicas.
sen tempo
sen ¿?
25. sinxelamente.
sen querer ser máis.
máis que matemáticas
descoñecidas ata de si propias.
carentes por completo da insoportable autocompaixón.
nin chamarán de noite á túa porta
nin pedirán nada de ti
mais tampouco che darán as costas
que non posúen
pois que van sempre de fronte e cristal nidio
así son as matemáticas.
un rudo 25.
un insubornable 25.
tal que nos seus 13
nos seus 25.
esencial e único.
infindo e único.
ignorando 24 e 26
nadal
vodas de prata
ou cuarto de qué.
ingravidamente.
pouco pero bastante.
e non 2 e 5 senón 25.
e sen saber do holismo nin de bertrand russell.
así son as matemáticas.
sen peso que levaren
sen medida
sen datas no lombo, sen querer voar.
lonxe deste mel que tanto esvara.
dando sempre no cravo
no cravo que nunca ardendo
no cravo que nunca teñen
cravado no corazón.
m e t e o r o l o x í a
nuboso a moi nuboso (cara ao centro de min mesma)
rachas fortes, ventos tanto (contra paraxes inconcibibles)
marusía, forte marusía (mergullada eu, mergullada)
temperaturas inestables (táboas cara a nada)
intermitencias, oscilacións,
rebordamento fluvial
ciclónicas e isobaras zigzagueantes
escarcha entre os dedos
o prognóstico diagnostica
maremotos intercostais, furacáns na fronte,
un cataclismo a desaugarse polo embigo abaixo
monzóns por tras dos ollos
e un cálido terral soprándome nos cóbados
entretecidos de area branca
de graos de mínima
follas a 451º farenheit
palabras de lava petrificándose na boca
estou en racha
eu atravesando meridianos e paralelos coa decisión dunglaciar
eu abrindo a billa de cada xéiser necesario
son eu a que no ollo do satélite quere mudar os climas
a que danza sen permiso polos fusos horarios
a que epicentra tornados xirando contra as agullas doreloxo
a súper heroína que aparece na capa retando a un meteoro
son eu a que insta ao home do tempo a que fabriqueventos
-foehn, simún, nordés-
a que peneire a choiva
-poalla, sarabia, auganeve-
a que levante a alfombra oceánica
-tsunamis, maremotos-
á inclemencia
aos volcanos
á tectónica invisible
a subir polas escalas ritcher
son eu a que procura no tempo
un espello bramido para o seu incontenerse
***
máscara. subst. f. e m. forma do home; forma da mullerespacio contido entre cada palabra e o seu referente na
clave do pensamento/ modo de sobrevivir a especie/
obxecto de múltiples utilidades chegado o momento de dicir
a verdade/ alma / trapecio
máscara. chaves de apertura. inocencia
compracencia
habelencia
intelixencia
máscara. elementos. pel
biombo
cultura con c grande
mundanidade
focos
máscara. propiedades. sen chave. con propia luz.subornable. mudable. soluble. xustificable. de cera,
madeira, titanio. camuflada. ígnea. de xornal. de proa.
equívoca. moldeable. sen tempo.
máscara. a única creación verdadeiramente de cada homee cada muller condenada ao desapercibimento.
ollos. subst. m. ú. t. en sing. apetencia de eternidade /singularidade cósmica enchida de egoísmo / hipérbole de
todo engano /todo para min/ lagoas prefabricadas para
afundir sen asideiros/ máscara rota / cinceiros
ollos. morfoloxía. primeiro están as ganas de verme. logodespois, as de verte a ti. unha concentración de avésporas.
receptores de cristal celeste. células foto. tentáculo de
nervio óptico desembocando na paleta que un pintor
esqueceu. ilusións ópticas metidas en frascos axexando cun
riso frouxo para conciliarse coa realidade. fóra do circuíto a
realidade campa ás súas invisibles anchas.
ollos célebres. o de polifemo.
os das hurís do profeta.
os do home con raios equis
os da sulamita
o de hal-9000
os de miguel strogoff
os das mulleres de modigliani
o de vidro
os de liz taylor
os da aguia
os improbables ollos de homero
o sarxado nun perro andaluz
os de paul newman
o de escher
aqueles da medusa
os de perro azul
o terceiro
o do furacán
ollos.cores. gris abandono - verde esconxuro - azulbautista - malva
satélite - castaño durante - negro vehemente- lila autómata
ollos. teoloxía. dende que o ollo de deus deixou de mirarpor nós temos que abrilos baixo a máscara dos días e das
noites. ver non é existir. non é comprender. ver é inventar.
inventariar. entretecer. parafrasear a historia. ver é de inmediato opinar.
a b e l a i n s o m n i o
Son
aquela
costela abandonada nos mainzais
de ventre redondo coma ventre de mazá
de mans imposibles
acabándose
Son acabándome. E acabada nazo
como nace o mar do río que claudica:
Son a que se amplía a que se cuspe
a que durmiu mil anos e foi espertada.
Son a que hoxe
difunde as súas mans
súa palabra cúrvase coma un fino horizonte
sucesivo amarrado a ela mesma
Son a expulsada que mirou atrás
a espigadora coa lactación a ombros
a virxe cega
a desangrándose
a febra de herba
a que trafega a auga
Son comprometida sempre dende antes de nacer
son a noiva de cristo e de anticristo
a negación da alma e do entendemento
a comensal da néboa
Son a condenada a unha luva
a levantada en chapíns a medio metro do mundo
a que camiña detrás
con pés cosidos á fala
o sal que volve á auga
nada máis nacer
e o sexo broslado
A infatigable con lámpada de aceite
a que nunca durmía
e durmiu tres mil anos
Son a rostro, a cicatriz e a espera
son unha espello tranquilizando a mentiras
son a raptada
a botín
a obsequio
son a alianza entre dous pobos rivais
son a promesa dun grande imperio
a chave que seducirá ao tirano
a perruqueira que traizoará ao forzudo son
a causa final dun asedio e dun libro
a despeitada que fuxirá amante
a indesexable ansia
a que non sabe
A que sempre fala para que escoite o ar
a que sempre escribe para a area sucia
a asimilada a todos os animais inferiores
a nobel indotada para a academia
a que se deixa bigote para ler a aristóteles
a mil unha do harén
ti mesma
A veleno administrado sabiamente
a soldado que se oíu en soños salvadora da patria
a ígnea e a océana
e, cómo non, a tola
a doña juana a juana inés emily christine etheria
judith lilith sarasvati eva
ono no komachi
a maría a iahvé deus
a buda
Son a compradora compulsiva de compresas
a que rompe cuncas
e ten corcova.
A inclinada sobre o vertixinoso tapiz do tempo para que nonocorra
e descose
e deslé
e desenuncia
e descala
A que o desdeixa todo.
A ventre que dende sempre empurra.
A violencia
feita cabelo.
Son a profundamente habitante
son dun reino que é a penas este mundo
E ó fin debo dicilo:
Son a que son
E sigo sendo
para estefanía
a b e l a d i h o m e d e si
Se dixese de min un signo diría puntos suspensivos
diría tronco a agardar machado
diría avultamento
e medusa diría
e diría logo quen
e logo engadiría cómo
onde e por qué e cara onde
se move esta metade pola terra
coma se rabo de lagartixa seccionada
se cabeza pestanexando perante súa guillotina
se tronco de galiña procurando o seu bico por entre amorte
as cuestións infatigables que non caben en man enpregunta
se dixese de min froito mazá diría
así de alta e paraíso noméome
así de madrasta e hespéride
así de filla de guillermo tell
Todas as ecuacións permiten o meu nome
mais ata hoxe foi difícil concilialas
Durmo co meu sangue volto cara atrás
cara aos sacrificios onde se concita o soño
O meu corpo que inspirou tanta vasilla
miña forma contenedor do mundo
o mundo feito de min e cun corno
cun sol
coa lingua brutalmente fóra
Hai varón en min ata a curva da última unlla
baixo a cal latexa o dedo que tentou tanto somnámbulofuso
tanta droga para calmar as ansias
a vontade ingobernable
fame de saír canda o filósofo o navegante
o mago o contador de estrelas
o tafur o contrabandista
a sede desexo de abandonar un leito longo coma o semedun príncipe
O home é metade deus
A metade da metade é pouca cousa
Tanto hai de min nela
a bela
ollerosa medieval cumprindo un prazo
ata levantándose coa súa bombilla súa hormona
ata súa xaqueca seu sari son min
seus peitos colgando seu pulso dobrado
empuñadura trizando urnas
seus aros ao colo seus pratos labiais
para multiplicar pretendentes
e non esquezamos a súa radiactividade
nin as súas escarificacións
súas escarificacións que son
coma puntos suspensivos na aberta boca do home
para bea
****
gústanche os xogos de imáns, palabra irmá de diamante,
gústanche as faces nas pedras
as pirámides e os prismas e a visión da mosca
gústache o que dá voltas arredor dun eixe fixo
un sistema
e cando todo así
sobre todo gústache o que vén de non se sabe
e desimanta o punto fixo
e desacorda e desprisma
e desaparece
e non tivo nome nin lugar
nin traxectoria
p a n o r a m a
Tal vez sexa este un período de entreguerras.
Por costume histórico, todos os períodos o son.
Quén sabe se algunha especie que agora abonda, seextinguirá de repente.
E ninguén poderá dicirme o nome dun novo planeta, nincertas certezas que me tomo a broma.
Por exemplo, a próxima mutación.
Cómo será a vellez do novo príncipe, se chegará a rei. Sendúbida, algo acontecerá que ampliará as páxinas nos libros
de historia. Ou acurtará as páxinas nos libros de historia.
Quen estea nacendo agora, que cambiará toda a literatura,o concepto focal de arte, o cretinismo substancial.
Non vou saber a súa mellor frase.
O xardineiro plantaba agromos de carballo. Nunca tetomarei debaixo. Non comerei das mazás desta pebida.
O rexistro fósil seguirá incompleto, a catalogación dosinsectos, das estrelas.
O argot que se falará nas rúas, babilonio. Os medios delocomoción.
Cousas que pensaba dicir e non direi. Cousas que pensabaescoitar.
O novo traxe espacial de barbie.
En qué converterá o sexo, cara ónde miraremos entón.
¿Un neno que se esforza co ukelele revolucionará a música?
A chatarra orbital, qué farán con ela. As baleas brancas.
Quizais me meterán nun círculo de lapis, canda outros quedescoñezo. Sairei nunha fotografía que nunca verei.
Outros dous billóns de decimais de pi, nada.
Qué será de África, nada.
Se voltarán os alquimistas, chi lo sa.
Con qué ollo deixarei de ver primeiro
|
|
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |