A Curros

 

(Texto íntegro)

 

Pagina nueva 1


(Para ser lido no Teatro Rosalía de Castro da Coruña)

Taller, pasos perdidos, azul Celeste Bóveda.
Racataprán. ¡Un alto!, berrounos Castromao,
e a procesión de mortos detense ó pé do Altísimo.

Racha o aire unha fisga, francada lostregante,
rebe de medo ó rito a sagra arquitectura.
Tranquilos, non foi nada. Tomemos acomodo.

Año preto de ladra, cabuxa pecadenta,
año ó forno, pascual, quero o óso das chucas.
Milady, per piacere, non zurriche na mesa

o sangue dos miolos. ¿Estalle bon? Pois chuche,
chuche e deixe pró bardo a bala arregañada.
¡Bang! ¡Bang! Me non se afoute: son versos de fogueo.

Cairos, poder e gloria, tamén ó pé do Altísimo.
¡Racataprán! Benvinda, Suevia de operativos,
Triángulo Garibaldi, Pensamento e Acción,

Loxia Curros, Pondal, e Loxia Rosalía,
compás, escuadro, estrela, tres luces en triadas
que enchantamos na Cruña coma un cervo na torre.

A Brigantina intrépida di Gran Loxia Galaica
contra Oriente de España e a corna tubular
de Aimirgin emerxendo dos toros de Murguía. 

Ouzo: Orzán, Orzán, que os penascales mordes.
Arrota, mar da Cruña, arrota ó pé do Altísimo,
trincha co teu tridente nas literatas feas.

—Milady, ¡outra vez!. Racataprán. Avante.
Velaí vén o Futuro si Estado Galaico
o sol de Italia antano alumea simbólicos

de Casares Calvino e Manín Moreno Barcia
enourizando o pútrido salón da Monarquía,
abatendo as columnas. ¡Racataprán!, oíde:

mandís esfarrapados, bandeiras neboentas,
murchas estrelas náufragas e unha rosa aberrante.
Na fouce do avó porémo-lo martelo,

petán, ¡racataprán! Ei-lo ofertorio impío
aquí, ó pé do Altísimo, Altísimo poeta
Curros Enríquez lóstrego negro na testa nosa.

Céibanos lúa a túa inmensa gargallada.
A compaña de mortos na gándara areosa,
o Sorga helicoidal..., a loita continúa.

2001

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega