A cuestión da celtidade de Galicia

 

(Texto íntegro)

 

v2bernardezvilaracuestiondaceltidade.html

     Celta é unha locución con múltiples valencias. En primeiro lugar pódeselle aplicar ás xentes deste xeito denominadas tanto polos gregos coma polos romanos, así como a aquelas que se recoñecían a sí mesmas por tal etnónimo. Así mesmo, e dende o punto de vista filolóxico, considérase celta a un grupo pertencente á familia lingüística indoeuropea (Fig. 1). E existe tamén un complexo arqueolóxico celta que abrangue unha serie de culturas espalladas por unha grande parte do territorio europeo. Por último, pódese falar tamén dun estilo artístico, e mesmo dun temperamento combativo e soberanista, celtas, perfectamente recoñecidos polos autores gregos e latinos que deles se ocuparon. (1)

 

Fig. 1: O mundo das falas indoeuropeas e celtas entre os anos 7000 e 300 aC, segundo John Haywood (2001), a partir do inicial núcleo das primeiras, na Asia Menor.



     Para Eforo (405-330 aC), e outros eruditos helénicos, os celtas eran, ademais, un dos catro grandes pobos daquel tempo que representaban a alteridade e a periferia respecto ó mundo mediterráneo. Para eles, os celtas personificaban a periferia occidental, os escitas a do norte, os persas a oriental, e os libios a do sur. Mais a opinión de Eforo sírvenos para determinar, sequera por aproximación, o "post quem" da plenitude do feito céltico, que podemos situar con bastante anterioridade ó século IV aC, no que escribiu.

     Agora ben, a cultura e a civilización por eles desenvolvidas non sempre son posibles de determinar por vía directa, a causa da complexidade da propia noción do celta, xa que esa serie de características, se ben que lles permitiron crear unha lexislación e unha literatura case que tan antigas como as de Roma e Grecia, determinaron tamén que non sempre resulten arqueoloxicamente equivalentes entre si. Para acadar un axeitado coñecemento dos mundos célticos é preciso recorrer, ademais de ás súas vinculacións léxicas, a un conxunto de datos, lingüísticos, arqueolóxicos, etnográficos, relixiosos, e simbólicos própios, e complementalos cunha profunda análise dos textos dos autores clásicos. Con base a todos estes recursos, considéranse, en xeral, coma rasgos propios dos celtas, ademais da semellanza dos seus restos materiais e da súa filiación lingüística: o recurso a un antepasado común —real ou mítico—, a práctica do asilo ou amparo, e os pactos de hospitalidade, nos que un personaxe, o patrón, actúa coma valedor ou representante do grupo. (2)

     E se ben que non se debe de silenciar existencia dun grupo de investigadores que, o mesmo que John Collis (3), nega a propia evidencia celta, a historiografía actual recoñece a realidade de catro grandes grupos culturais que, aínda que en parte diverxentes, comparten os rasgos celtas: o da Europa Central, o do Norte de Italia, o do oeste de Francia-Illas Británicas, e o da Península Ibérica, admitindo que éste último chegou a asimilar certas influencias mediterráneas.

     A orixe destes catro grupos explícase nestes momentos por medio da chamada "celticidade acumulativa", un concepto tirado dos traballos de C.F.C. Hawkes. A través del pódese entender o proceso de celtización sen necesidade de recorrer a ninguna clase de migracións, nin de núcleos de difusión. Uns recursos explicativos hoxe escasamente estimados, pero que, a xulgar polo camiño que están a tomar as investigacións, pode que acaben por ser retomados de novo, en maior ou menor medida. Esta "celticidade acumulativa", teríase producido por medio dunha fluída e constante interrelación de diversas áreas; o que conlevaría a asunción mútua e recíproca, por parte de cada unha delas, das peculiaridades socioculturais e lingüisticas das demais. (4)



O caso de Galicia

     Para entrar en materia, comecemos por dicir que, ademais de cunha historiografía celtista, que defende a existencia en Galicia dunhas raíces, ou sequera dunha boa parte delas, cunha orixe na etnia ou na cultura celta, contamos con outra non-celtista, que se limita a investigar e tirar conclusións, sen ninguna clase de proposición previa. Mais, coma non podía ser menos, dada a nosa especial idiosincrasia, contamos tamén cunha historiografia, bastante combativa e marcadamente anti-celtista, que sostén que ese posible pasado celta é nada máis que unha invención dos aneboados autores do Rexurdimento, que utilizaron este recurso coma xeito de xustificar o seu acendrado galeguismo. É dicir, que o celtismo debe de ser contemplado, segundo a interpretación desta corrente, nada máis que coma unha sospeitosa e nada empírica connotación nacionalista.

     "Entre nós non hai máis celtas que os do Celta de Vigo", chegouse a afirmar. Como consecuencia, seguir a crer nas raíces celtas de Galicia, ata entón xeneralmente aceptadas, converteuse, ademais dunha torpe actitude política, nalgo bastante desfasado e obsoleto, propio de mentes moi pouco ilustradas, pois "en el supuesto de que Galicia tuviese un fuerte componente celta —lo que no es cierto— también entonces se trataría de algo adquirido en el proceso de formación, lo más pronto hacia el 600 aC., no presente desde el principio". (5)

     Convén que indiquemos que os primeiros anticeltistas eran simplemente antigaleguistas, polo que parece comprensible que dirixisen a súa artillería contra os fundamentos do que pretendían erradicar. Mais problemática xa resulta a consistencia dos argumentos por eles utilizados.

     Esta iconoclastia, ou viscerismo, anticeltista mesmo arremeteu contra a famosa diócese de Britonia, hoxe Bretoña, no norte de Lugo, estudiada por Pierre David (1947), e Alain Tranoy (1977 e 1981), así como, máis recentemente por Simon Young (2002). Datada a súa fundación a principios do VI dC. por inmigrantes célticos fuxidos da Gran Bretaña no momento no que a desaparición do semimítico rei Arthur permitira ós invasores anglosaxóns apoderarse da maior parte da illa, tamén se cuestiona agora esta orixe. Segundo estas hipóteses, tampouco deberemos considerar celtas a aqueles britóns ou biortos, hoxe bretoñeses, que a nosa documentación medieval consideraba xentes alleas e non integradas cos demais habitantes do reino.

     Sen entrar nesta un tanto sospeitosa postura, e como unha anécdota ata certo punto esclarecedora, queremos recoller o feito, por nós coñecido, de que unha familia actualmente residente na cidade de Ourense, aínda que oriunda da costa luguesa desa antiga diócese, garda unha escritura de propiedade na que se afirma que un predio seu, nela situado, "linda ó norte coa illa de Britania, mar por medio". Algo que da bastante que pensar.

     Coma ilustración, reproducimos agora algunhas opinións sobre a cuestión que nos ocupa, capaces de se explicar por si mesmas:

     "a pesar de la existencia de autores que con gran sensatez presentan el presunto celtismo galaico como algo en todo caso muy tardío y de escasa implantación con respecto al resto de la Península, o que advierten de la ambigüedad de los datos que manejan, la realidad es que siguen usando conceptos de corte practicamente decimonónico, o se lleva el modelo al paroxismo más delirante minimizando o rechazando cualquier posible efecto de la romanización sobre la sociedad galaica y llenando el territorio de dioses, reyes, druidas y cofradías de guerreros sin el menor sonrojo y con el peregrino argumento de que esta tierra no debe ser desprovista de mitos" ... "Este desarrollo, favorecido o al menos tolerado al principio por Roma, posiblemente enriquecido por la llegada de determinados componentes humanos procedentes de áreas "celtizadas" de la Península previamente conquistadas por los romanos, sumado al tradicional sustrato indoeuropeo de las comunidades castrexas, podría explicar la presencia de rasgos "célticos" en la toponimia, teonimia y antroponimia de este período.Y no queremos hablar de la posible influencia que en tal sentido hayan podido ejercer determinados elementos del ejército romano, colonos, comerciantes, y un larguísimo etcétera, por ser un tema muy mal o nada estudiado hasta el momento; sin embargo no dudamos que una línea de investigación en este campo podría poner en su lugar algunos de los mitos que todavía circulan libremente". (6)

     "Sin duda es más fácil y más rentable inventarse grupos de guerreros o transferir contra toda evidencia —o ante la ausencia total de evidencia— un complejo fenómeno de una sociedad a otra totalmente ajena. Pero no debemos de extrañamos si esto sigue siendo así: en semejante ambiente, las posibilidades de prolongar el discurso y entretener a una audiencia dispuesta a dejarse fascinar por lo increíble son infinitas". (7)

     Opinións que, coma pode observarse, parecen caminar polo esbaradizo e pouco firme terreo de descalificar as teses contrarias, recorrendo a razóns bastante próximas ás utilizadas por aquelas, e que lle pedimos ó lector que contraste e xulgue a través destas outras:

     "Me parece una frivolidad estéril atribuir toda o buena parte del material indoeuropeo prelatino, céltico o no, a la presencia de auxiliares, mercenarios o como se les quiera llamar, que se asientan en el territorio en cuya conquista han ayudado a los romanos. Pudo haber excesos celtófilos, excesos migracionistas, excesos de indoeuropeizaciones a cargo de élites arias, conquistadoras y asimiladoras por la brava y a caballo, pero algunas de sus correcciones son penosas y ésta lo es en grado sumo, sin que deje de tener su razón en dar cuenta, si puede, de tales o cualdes hechos singulares". (8)

     "Por un lado nosotros hablaremos de mundo céltico siempre que se den unas formas sociales y políticas homologables como tales, tanto en su aspecto estático como, y muy especialmente, en su dinámica o dialéctica interna. Pero por otro lado consideramos elementos menos decisorios a la hora de hablar de celtas peninsulares el problema de la lengua que hablasen, y, desde luego, el de que los elementos de cultura material detectables por la Arqueología puedan ser catalogados con una tipología céltica bien definida en el Mundo Centroeuropeo y frances". (9)

     "Asumindo o ate agora exposto, sosteño que hoxe é acientífico e carece de senso nega-la existencia dunha serie de testemuñas no Noroeste peninsular que remiten ó que vimos considerando cultura celta. Pódese argüir que a súa presencia é tardía e moi reducida en termos cuantitativos e cualitativos, ou que moitas destas características son comúns a tódolos pobos indoeuropeos da Europa occidental; pero, efectivamente, ahí estriba —na valoración da magnitude da influencia celta en Galicia— o obxecto do estudo que debemos marcamos para anos vindeiros". (10)

     Advírtense, pois, as defrontadas posturas destes dous grupos, integrados por investigadores na súa maior parte nacidos, ou residentes, en Galicia. Coma xeito de tratar de comprender o mellor posible o problema recorremos a esta outra cita:

     "Na actualidade o debate entre o celta e o castrexo pasa por unha confrontación entre lingüistas e arqueólogos: os arqueólogos non atopan restos materiais celtas e os lingüístas aseguran que a lingoa que se falaba provén do celta. Quizais non se precise o enfrontamento se pensamos (seguindo a idea do arqueólogo Francisco Calo) que aínda que se fale español en Bos Aires non podemos dicir que sexa unha cidade española. O que parece innegable é que se usan palabras celtas no nordeste desta época, pero descoñécese cándo entraron e quén as trouxo. Algúns ven tamén nelas o reflexo de crenzas e orgaización propias do mundo celta". (11)

     O razoamento resulta de interese, e mesmo un tanto esclarecedor, xa que, o feito de que en "Bos Aires" se fale "español", podería moi ben explicar os motivos polos que na Galicia prerromana poidan ser rastrexados tantos antropónimos, teónimos, topónimos e etnónimos nidiamente celtas, transmitidos por numerosos autores clásicos e imposibles de ser negados, aínda que se recorra a explicacións tan peregrinas, para tiralos de contexto, coma esa de vinculalos á posible presencia no exército romano de mercenarios procedentes doutros territorios europeos. Parécenos moito máis procedente considerar que, se en Buenos Aires, unha cidade fundada e habitada por españois a partir do ano 1580, ata o momento, 9 de xullo de 1816, no que os seus moradores pasaron a se converter en arxentinos, se fala hoxe "español", non é porque os seus veciños o adoptasen, ben deprendéndoo a través de medios informáticos, nalgún centro de ensino, ou por correspondencia, xa dos moitos "gayegos" que a ela emigraron. O normal será admitir que utilizan este idioma, aínda que non vivan xa nunha cidade española, porque era a fala que viñan utilizando dende moito antes de que se producise o indicado cambio político. Algo posiblemente semellante ó que debeu de acontecer entre os habitantes da primitiva Galicia, dos que se admite que, polo menos unha parte, tiña coma medio de expresión unha fala celta no momento de pasar a se converter, primeiro en súbditos, e despois en cidadáns do Imperio Romano.



A cultura castrexa

     En Galicia houbo unha cultura Dolménica, que se desenvolveu aproximadamente entre os anos 3000 e 1800 antes de Cristo, caracterizada polo mantemento de amplos contactos co exterior, á que seguíu outra, a do Bronce, datable, tamén aproximadamente, entre o 1800 e o 600 aC., e que foi, en parte, coincidente coa do Ferro, iniciada arredor do 800 aC. Un período no que se detecta a continuación das relacións comerciais xa indicadas entre as diferentes Fisterras. Estas foron especialmente notables ó longo dos séculos IX e VIII (Fig. 2), ata o punto de que permitiron xerar unha especie de Coiné, ou comunidade idiomática atlántica. A arqueoloxía atopou numerosos obxectos comúns, deste período, en áreas moi distantes entre si, así coma comportamentos similares nos enterramentos, que permiten intuir a posibilidade de que tamén se desen actitudes semellantes nos aspectos sociais, relixiosos e culturais.
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fig. 2: Comunidades atlánticas con parecidas formas de asentamento na Idade de Bronce, segundo Barry Cunliffe. Como se pode observar coinciden maioritariamente coas Fisterras, mais tamén coa tradicional, e non de todo correcta denominación, xa que houbo outros territorios desta raíz, de Países Celtas.

 


     A existencia destas relacións atlánticas aparece refrendado nun texto de arredor do ano 580 aC., recollido nos versos 90 ó 119 da Ora Marítima de Rufio Festo Avieno. Neles descríbese o comercio marítimo que realizaban os habitantes do noroeste peninsular, entón denominados Oestrimnios.

     Mais, antes desa data, concretamente pouco despois do ano 1000 aC. documéntase a aparición dunha nova cultura, caracterizada pola utilización de emprazamentos habitacionais en altura, dotados con murallas, terrapléns, parapetos ou foxos reforzando as súas defensas naturais, e accesos por medio de rampas e escaleiras. Dálgúns sábese que non contiñan vivendas, polo que cabe conxecturar que poidesen ser nada máis que lugares de refuxio. Nos que as había, estas consistían nun zócalo circular de pedra, e o resto, nun principio, de materiais degradables, se ben que, posteriormente, foron totalmente de pedra. Estamos a falar da cultura Castrexa, maioritariamente espallada polo territorio posteriormente denominado Callaecia, e cunha lixeira incidencia nos territorios limítrofes, se ben que esta é considerada como algo máis antiga (12). Tratábase dunha sociedade de campesiños, posiblemente estructurada e orgaizada en comunidades autárquicas, da que case que non se atoparon armas nos seus rexistros arqueolóxicos, así como tampouco restos orgánicos ou fúnebres dos seus moradores. Nela utilizábase unha cerámica decorada con motivos xeométricos.

 

Fig. 3: A área das casas circulares, e das rectangulares, cara ó ano 200 aC, segundo John Haywood. Tanto a Gallaecia como as illas Británicas están incluídas na primeira.



     Considérase que estes primeiros recintos fortificados, que coexistiron cos anteriores poboados abertos, son o resultado dun movemento endóxeno, se ben que aberto a influencias exteriores. A primeira referencia escrita ós mesmos débese tamén á Ora Marítima, que nos seus versos 195 e 196, define coma situados en arduos collis, é dicir, en "ásperos outeiros".

     Agora ben, os nosos investigadores manteñen unha enorme precaución á hora de explicar as súas orixes, non decidíndose a se pronunciar respecto a se son consecuencia do proceso cultural que os precedeu, se xurdiron a causa de influencias exteriores, ou o resultado de ambas posibilidades. Resulta sen embargo evidente que, ademais de que a estructura arquitectónica dos castros galegos é en todo semellante á dos oppida do Ferro Final, tanto da Europa Central coma dos poboados fortificados da Bretaña, Irlanda e Gran Bretaña —hillforts e earthworks—, algúns contaron tamén cos sistemas defensivos de pedras colocadas de punta denominados cabalos de Frisia, documentados non só noutras partes da Península, senón tamén en Irlanda e Gran Bretaña. Así mesmo a ourivería castrexa —cascos, torques, brazaletes, diademas, arracadas, etc.— amósase tamén estreitamente emparentada coa doutras áreas célticas europeas.

 

 

Fig. 4:Reconstrución ideal dun "oppidum", ou poboado de altura fortificado dos celtas, segundo Teresa de la Vega (1993), en todo semellante tanto ós "hillforts" e "earthworks", das illas Británicas como aos "castella", ou castros, do noroeste da Península, se ben que estes últimos eran de tamaño máis reducido.

 

Fig. 5: Distribución dos denominados Cabalos de Frisia, de pedra, en Europa, segundo Barry Cunliffe, sensiblemente coincidente tamén coa dos caldeiros e dos espetos articulados, propios do Bronce Final, por el tamén estudados, así como coa arte rupestre e os achados de lúnulas irlandesas, discos solares, machados de talón e de cubo, e espadas de lingua de carpa, de distintos períodos da mesma Idade.

 

 

Fig. 6: Distribución dos torques de ouro do cadrante noroeste da Península, segundo Barry Cunliffe.



     O desenvolvemento desta cultura castrexa acadou o seu máximo esplendor a partir dos tempos inmediatamente anteriores ó da conquista, ocupación ou penetración romana, continuando despois de que esta se producise, conxecturalmente arredor do ano 25 aC., se ben que parece que se produciu o abandono dunha parte dos seus poboados despois do século III dC. A asimilación de técnicas e materiais romanos por parte dela foi moi grande. Mais isto non a converteu nunha cultura romana, coma se ten pretendido, xa que os castrexos continuaron a ter unha orgaización propia, específica, e xenuína, a dos castella, que diferenciou ós galaicos de todos os demais pobos da Península.

 

 

Fig. 7: Áreas histórico-culturais da Península, segundo Juan Santos Yanguas (1999). Obsérvese a clara diferencia entre a das "gentilitas", e a dos "castella", esta practicamente coincidente coa primitiva Gallaecia dos "conventus" lucense e bracarense, definida posiblemente por Augusto ó remate da súa conquista, e tamén co núcleo orixinario do galego-portugués.



     Podemos definir a estes "castella", ou castros, coma unhas comunidades dotadas de territorio propio, se ben que non por completo independentes entre sí, posto que se agrupaban nunha especie de estructuras máis amplas, ás que os romanos denominaron "populi"  ou "civitates", e que podemos considerar coma pobos. Estes "populi" e estas "civitates" eran uns auténticos núcleos autóctonos con características propias; un xeito de "orgaización política que ten o aspecto de pequenas unidades étnicas" (13), e se considera que se rexían cunha certa autonomía.

     Que estas peculiares estructuras castrexas perviviron ó longo da ocupación romana sen perder as súas características, demóstrao o feito, perfectamente documentado a través de Idacio Lémico (c. 390-470) e Isidoro de Sevilla (560-636), de que, finalizada a presencia latina no ano 411, unha parte dos galaicos retivo, fronte ós suevos, novos donos do país, seguros castella, ó mesmo tempo que "exercían o seu dominio sobre unha parte da provincia" (14), detectándose ademais a permanencia das súas orgaizacións ó longo da Idade Media.



O posicionamento dos lingüístas

     É ben sabido que cada idioma se caracteriza, respecto ás súas orixes e ás demais falas semellantes, ou con el emparentadas, "por un conjunto diacrónico y sincrónico jerarquizable, de innovaciones, elecciones y conservaciones en su sistema fónico y gramatical en su léxico patrimonial, de tal forma que nos es posible reconocer o negar esa lengua en un texto o reconocer que éste da entrada a formas ajenas o adquiridas" (15).

     Pois ben, cantos estudos se teñen realizado sobre os vestixios lingüísticos prerromanos existentes en Galicia decántanse abertamente cara á celticidade dos mesmos. E, mesmo, entre os autores un tanto reticentes neste aspecto, considérase: "parece altamente probable que una parte sustancial de los rasgos lingüísticos e ideológicos de filiación indoeuropea rastreables en el área galaica, haya sido introducida a lo largo de esta fase de apertura al exterior. Este sustrato indoeuropeo arcaico se detecta principalmente por la presencia de los restos de una lengua, anterior a las célticas clásicas, que los lingüistas han bautizado con el nombre de lusitano o galaico-lusitano", ou , "en la Callaecia prerromana había al menos dos lenguas, una celta y otra que no lo era, entre las indoeuropeas. Es probable que hubiese incluso otra no indoeuropea" (16).

     O que obriga a calquera investigador que pretenda acadar unha certa coherencia no coñecemento do noso proceso histórico a complementar os estudios lingüísticos relacionados con este co dos datos materiais, da orgaización sociopolítica e da relixión, ou relixións, dos pobos que entón vivían no cadrante noroccidental da Península. Tan só así poderá determinar con fiabilidade se estes son auténticamente celtas ou, nada máis que indoeuropeos.

     Ninguén dubida hoxe de que o celtibérico é un idioma céltico. E respecto ó lusitano, ou se acaso, o galaico-lusitano, chegado, segundo Tovar por vía oceánica a través dos contactos que entre as distintas Fisterras se mantiveron tanto no tempo do megalitismo coma na Idade do Bronce, discrépase simplemente acerca de se o *p, tanto o inicial coma o intervocálico, que esta fala conserva e que os demais idiomas célticos perderon, é unha característica celta ou tan só protocelta (17).

     Contamos, afortunamente, con documentados traballos lingüísticos sobre toda esta problemática, entre eles os de Albertos, Búa, Caro Baroja, Fust, Gil, Gorrochategui, De Hoz, Monteagudo, Moralejo, Pokorny, Prosdocimi, Renfrew, Schimidt, Tovar, ou Untermann, ós que debemos de engadir as notables aportacións de Isidoro Millán González-Pardo, lamentablemente nunca publicadas na súa totalidade, así como as de Francisco Villar (1989-1995 e segs.) (figs. 8 e 7), o contido das cales permite considerar axeitadas as seguintes afirmacións de Juan J. Morarejo:

"Para los temerosos de quedarse a la intemperie quiero dejar claro que la presencia lingüística céltica en Lusitania y Gallaecia sigue siendo clara e intensa, bien atestiguada en documentación directa e indirecta, en las fuentes clásicas, en la Onomástica antigua, y en sus pervivencias actuales, en el sustrato fónico, gramatical y léxico del gallego-portugués" ... "pero creo que sigue siendo axiomática la exigencia de movimientos de población como parte inicial del proceso y se excluye que éste pueda deberse única o principalmente a contacto, intercambio, difusión, asimilación,... política y cultural desde fuera de Hispania; es obvio, en cambio, el papel relevante de esos procesos ya dentro de ella". (18)
 

Fig. 8: Topónimos celtas en -bria, -bra  e  -briga / -brega da Península, segundo Francisco Villar (1995). O mapa non recolle as formas en -bre, e por el tamén estudiadas. Abrumadoramente maioritarias ó norte e ó oeste do Miño, nin os doce topónimos en "briga", localizados por M. Faust e J. Untermann nas costas occidentais, así como a famosa illa de Londobris, citada por Claudio Ptolomeo, conxecturalmente a Berlenga, fronte a Peniche, Portugal.


     Parece, pois, razoable, concluir esta somera prospección, efectuada con base, ademais de na lingüística e na arqueoloxía, tamén na ideoloxía trifuncional de Dumèzil, manexada por C. Parcero Oubiña (1993-98), que é máis que posible que se deba de adscribir o mundo castrexo a un modelo indoeuropeo-celta, se ben que se deba ter claro que esta condición do mundo galaico prerromano non foi única, nin tampouco máis intensa ca doutas partes da Península. Un feito que se corresponde sensiblemente con canto os autores, gregos e latinos, que se ocuparon de Galicia nos transmitiron xa no seu momento, e que está nas mans de calquera comprobar.



O nome de Galicia

     Reparemos agora no comentario co que Xulio César (100-44 aC) dá comezo o capítulo I da súa De bello Gallico, máis coñecida pola súa versión romance de Comentarios da Guerra das Galias:

     "Gallia est omnis divisa in partes tres, quarum unam incolunt Belgae, aliam Aquitani, tertiam qui ipsorum lingua Celtae, nostra Galli appelantur". É dicir: "Toda a Galia está dividida en tres partes, das que unha habítana os Belgas, outra os Aquitanos, e a terceira os que na súa fala se denominan Celtas, e na nosa Galos".

     Afirmación da que ven resultar que, no ano 52 aC., data na que César publicou esta obra, galo viña sendo a traducción ó latín de celta, o xenticilio étnico que así mesmos se aplicaban as xentes que entón habitaban unha grande parte do dilatado territorio que os romanos deran en chamar as Galias, concretamente o noroeste da actual Francia, que algúns autores contemporáneos denominaban precisamente Céltica.

     Debemos de matizar un tanto, sen embargo, esta información de César, tendo en conta que o que os gregos denominaban keltoi, celtae en latín, era unha designación étnica xeral, e que a comezos do século III a C. apareceu entre eles o novo vocábulo de galatai, ou gálatas, para se referir ós mesmos. É posible, polo tanto, que a denominación latina de galos, claramente emparentada con esta, xurdise por ese mesmo tempo, dándose, ademais, a circunstancia de que nos textos irlandeses existen tamén os etnónimos galiain e galiúin, equivalentes ós galli latinos (19). Todo o cal parece indicar que as denominacións celta e galo foron máis ben sinónimas, polo menos inicialmente, e non traducción unha da outra.

     En calquera dos casos o dato recollido por César permítenos establecer dúas importantes ecuacións filolóxicas: Galo = Celta, por unha banda, e a de Galia = Céltica, pola outra.

     Coñecidas estas circunstancias, volvamos de novo os ollos ó noroeste peninsular.

     Se o poeta Silio Itálico (25-110 dC) está axeitadamente documentado, a primeira ocasión na que o mundo mediterráneo soupo da existencia dos callaicos, foi no ano 219 aC, data na que estes axudaron a Aníbal no asedio a Sagunto. Sábese tamén que os callaicos apoiaron a Viriato nas súas campañas contra Roma (anos 146 a 139 aC). Callaicos, coas variantes de Callaici, Callaicis, Callaeci, Gallaeci e Gallaiceis, foi a denominación coa que os autores latinos coñeceron ós habitantes do noroeste peninsular. Entre os gregos, kallaikoi, kallaikon, ou kallaicous. Como consecuencia o territorio habitado polos mesmos acabou recibindo, a comezos da ocupación romana, o nome de Callaecia, epónimo tomado deses callaicos que a habitaban, e posteriormente Gallaecia. Pola información histórica que posuímos parece que esta denominación, ademais de servir para designar a unha primitiva circunscripción pertencente á Tarraconense, figuraba xa no famoso, e perdido, comentario xeográfico de Marco Vipsanio Agripa (64-12 aC), segundo cabe deducir do relatorio do xeógrafo irlandés Dicuil, que o utilizou. (20)

     Lembremos tamén que os autores clásicos sitúan nesa primitiva Callaecia un promontorio Céltico así coma varios pobos denominados, ou considerados, célticos e keltikoi . Advirtese, así mesmo, a mutación nos textos clásicos do "C" polo "G", tanto en gallaeci coma en Gallaecia, un feito que parece ter "algo de remodelación etimologizante en quienes vieron aquí rasgos étnicos, culturales y lingüísticos próximos a los de los llamados Gallia, Galli, Galatai". (21)

     Evidentemente, resulta un tanto polémica a interrelación de fala, etnia e cultura en determinados ámbitos espaciais e temporais para celta, céltico ou celticidade, conceptos polisémicos e con usos problemáticos en canto á precisión e ó alcance que se lles quiso dar nalgún dos textos antigos, "además de envenenadamente ambigüos, confusos, simplificadores,... en sus usos recientes". (22)

     Emporiso, e con base ás evidencias das ecuacións que máis arriba mencionamos, e aínda mantendo cantas precaucións se consideren necesarias, de acordo con canto acabamos de comentar, non parece disparatado pensar que galaico e céltico son a mesma cousa, e que a Gallaecia chamouse así por ser a terra deses galaicos ou célticos.

     Á marxe da conveniencia de que a investigación se pronuncie axeitadamente respecto ó que é o que realmente se debe considerar celta, fronte ó que algúns autores pretenden que sexa celta, e diante da posibilidade de que esta breve análise resulte máis subxetiva do que pretendimos, e polo tanto incompleta, remitimos ó lector interesado en documentarse axeitadamente á pequena relación bibliográfica que incluímos a continuación, na que poderá atopar distintas visións sobre este aínda controvertido tema.

 






—————————— NOTAS ——————————



(1) Francisco Marco Simón (1999), páx. 13.
(2) José Luís Maya (1999), páx. 45.
(3) "Non creo nalgo chamado Arte Céltico, que non houbo nunca unha relixión Céltica e que non existe un tipo de orgaización social que poidamos denominar Céltica", en: A cultura Castrexa galega a debate, páx. 13.
(4) Xosé-Lois Armada Pita (1997), en Os Celtas da Europa Atlántica, páx. 269.
(5) G. Pereira Menaut (1994): "Sobre la función del pasado histórico en los movimientos nacionalistas", en Os Celtas de Europa..., páx. 265.
(6) Antonio de la Peña Santos (1996): A cultura Castrexa galega..., páx. 68 e 89-90.
(7) Pereira Menaut (1993), en Las estructuras sociales indígenas del Norte de la Península Ibérica. Vitoria. Páx. 110.
(8) Juan J. Moralejo (1997), en Os Celtas da Europa..., páx. 27.
(9) L. A. García Moreno (1993), en Os Celtas da Europa..., páx. 262.
(10) Xosé-Lois Armada Pita (1993), id. id. páx. 271.
(11) Pilar Barciela Garrido e Eusebio Rey Seara (2000), páx. 126.
(12) José Luís Maya (1999), páx. 52-55.
(13) Jürgen Untermann (1992), en Galicia: da Romanidade á Xermanización. Santiago de Compostela, páx. 375.
(14) Chronicon, $ 91 e 96, e Historia Suevorum, $, 85.
(15) Juan J. Moralejo (1997), en Os Celtas da Europa..., páx. 32.
(16) Antonio de la Peña Santos (1996), en A Cultura castrexa galega..., páx. 74, e Gerardo Pereira-Menaut (1998), en Los pueblos prerromanos del Norte de España, páx. 309.
(17) Xosé-Lois Armada Pita (1997), en Os Celtas da..., páxs. 260-62.
(18) Os Celtas da..., páxs. 38 e 27.
(19) Henry Hubert (1957), páx. 17 e 20. Henry Hubert (2000), páxs. 35 a 37.
(20) Varios (2000): El bronce de Bembibre, passim. Dicuil (825) Liber de mensura orbis Terrae, 5-6.
(21) Juan J. Moralejo (1997), en Os Celtas da Europa..., páx. 31.
(22) Ibidem, páx. 17.






Bibliografía recomendada

AGRAFOXO PÉREZ, Xerardo (1986): Prehistoria e arqueoloxía da Terra da Barbanza. Santiago.
                                            (1992): Didáctica da Prehistoria de Galicia. Noia.

ARIAS VILAS. Felipe (1992): A romanización de Galicia. Vigo.

BALBOA SALGADO, Antonio (1996): Gallaecia nas fontes clásicas. Universidade de Santiago de Compostela.

BARCIELA GARRIDO, Pilar e REY SEARA, Eusebio (2000): Xacementos arqueolóxicos de Galicia. Vigo.

BELLO DIÉGUEZ, José Mª e DE LA PEÑA SANTOS, Antonio (1995): Galicia na Prehistoria. Perillo.

BERMEJO BARRERA, J.C. (1978): La sociedad en la Galicia castreña. Compostela.

BRAÑAS, Rosa (1995): lndíxenas e romanos na Galicia céltica. Coruña.

CALO LOURlDO, Francisco (1993): A cultura castrexa. Vigo.

CASTRO PÉREZ, Ladislao (1990): Os torques prehistóricos. Universidade de Santiago de Compostela.

CERDEÑO, Mª Luisa (1999): Los pueblos celtas. Madrid.

CUNLIFFE, Barry (2001): Facing the Ocean. The Atlantic and its peoples. Glasgow.

DE LA VEGA, Teresa (1993): Los celtas. Madrid.

GARCÍA-FERNANDEZ ALBALAT, Blanca (1990): Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. A Coruña.

DÍAZ SANTANA, Beatriz (2002): Los celtas en Galicia. Noia.

GREEN, Miranda J. (1997): Dictionary of Celtic Mit and Legend. London.

HANNA, W.A. (1985): Celtic Migrations. Belfast.

HAYWOOD, John (2001): The historical atlas of the Celtic Wolrd. London.

HUBERT, Henri (1957): Los Celtas y la expansión céltica.
                        México. (1957): Los Celtas desde la época de La Téne.
                        México. (2001): Les Celtes, París.

JAMESD, Simon (1998): Exploring the Word of the Celts. London.

LÓPEZ GÓMEZ, Felipe-Senén (1999): Os Primeiros Galegos. Santiago.

LÓPEZ MONTEAGUDO, Guadalupe (1989): Esculturas zoomorfas celtas en la Península Ibérica. CSIC. Madrid.

MARCO SIMON, Francisco (1999): Los Celtas. Madrid.

MARKALE, Jean (1993): Pequeño diccionario de Mitología céltica. Barcelona.

MARTÍNEZ TAMUXE, Xoán (1983): Citania y Museo Arqueológico de Santa Tecla. Xunta de Galicia.

MAY, Pedro Pablo G. (1997): Los mitos celtas. Madrid.

MAYA, José Luís (1999): Celtas e Iberos en la península Ibérica. Barcelona.

MILLAN GONZÁLEZ-PARDO, Isidoro (1981): Raíces prelatinas da cultura galega: Problemas e datos de língua e crencias. Vigo.

PÉREZ LOSADA, Fermín e CASTRO PÉREZ, Ladislao (1995): Arqueoloxía e arte na Galicia prehistórica e Romana. A Coruña.

PÉREZ OUTEIRIÑO, Bieito (1982): De ourivesaría castrexa. Arracadas. Ourense.

RAFTERY, Barry (1997): Pagan celtic Ireland. London.

ROMERO MASIÁ, Ana Mª (1976): El hábitat castreño. Santiago.
                                        (1988): Galicia nos textos clásicos. A Coruña

SAINIERO, Ramón (1987): La huella celta en España e Irlanda. Madrid.
                             (1999): Diccionario Akal de Mitología celta. Madrid.

SANTOS YANGUAS, Juan (1989): Los pueblos de la España antigua. Madrid.

VV.AA. (1976): Celtic way of life. Dublin.
            (1979): Prehistoria e arqueoloxía de Galicia. Estado da cuestión. Lugo.
            (1983): Estudos de Cultura Castrexa e de Historia Antiga de Galicia. Santiago.
            (1991): I Celti. Milano.
            (1991): Los celtas en la Península Ibérica. Madrid.
            (1993): Metalurgia en la Península Ibérica durante el primer milenio a. de C. Murcia.
            (1994): Las estructuras sociales indígenas del norte de la Península Ibérica. Vitoria-Gasteiz.
            (1995): Historia de Galicia. Galicia na Prehistoria. Perillo (Oleiros).
            (1995): Historia de Galicia. Galicia Romana. Perillo (Oleiros).
            (1996): A Cultura Castrexa a debate. Tui.
            (1997): Os Celtas da Europa Atlántica. Noia.
            (1998): Los pueblos prerromanos del norte de Hispania. Pamplona.
            (2001): Guía de los Castros de Galicia. Vigo.

VÁZQUEZ VARELA, J. M. (1993): Galicia. Arrte Prehistórica. A Coruña.

VILLAR, Francisco (1995): Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana. Universidad de Salamanca.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega