A historia do mamut de Vilalba e a súa estirpe de animalias

 

(Texto íntegro)

 

Hai 40 anos
Hai 40 anos, nunha canteira de Buxán, na localidade galega de O Incio apareceron nun pregamento das rochas, entre medio dunha bolsa de arxila os restos fosilizados Do que se supuña un mamut (dous molares, dúas vértebras, o anaco dun óso e algúns minúsculos fragmentos nunca xamáis identificados). Ista descuberta accidental puxo ós científicos na pista da existencia de vida paquiderma no noroeste peninsular.

Anos máis tarde, un home de aparencia rufa e saudable, de carácter de natural festeiro e asoballante, prendeu as rendas do país prometendo o regreso a arcadia perdida, a supresión da miseria ancestral e a entrada nun mundo novo de riqueza e prosperidade na que os galegos emigrasen non por necesidade, senón por espíritu de aventura. Foron cantos dunha besta disfrazada de serea.

Ben que de vagar, a imaxe e semellanza do acontecido no mellor conto de Kafka, ese ente autoritario e violento, águia e serpe dunha estirpe pezoñenta, co recendo a morte precedendo os seus pasos e agochado baixo o veludo dun cordeiro, foise transformando, nunha metamorfose propia dos mellores filmes de Jekyll e Hyde e comezou a desenvolver un carácter e unhas faccións arcaicas, un xeito de camiñar cuadrumano e un comportamento agresivo de animal acoirazado e terciario. 

En van ensaiaron os seus acólitos maquillar o seu rostro nos cartaces, en van os servidores contratados e dóciles tentaron agochar o seu ricto perverso, a súa furia de animal antedeluviano, en van a súa pose de verraco redivivo. Os máis fieis dos seus servidores procuraron planos que ocultaran as súas marcas ancestrais de sangue callado nas tempas, prohibiron as imaxes do seu camiñar oscilante, defenderon o seu visaxe dos focos irritantes, obviaron os seus momentos de febleza durmindo na traseira dun auto oficial ou evitaron, sen xeito, presentalo ante a audiencia teleadicta nun mar de bágoas e sentimentalismo de gusto incerto. Loubaron, en van tamén, o seu carácter resistente, a súa corte de miragres e a súa disciplina de dictador ilustrado, de esmagador dos que soñaban e pensaban noutra onda máis libre, aberta e tolerante.

Un día, nun dos seus ataques de ira repentina, faloulle os poboadores nunha lingua que non lles era propia, insultou reiteradamente á razón esgrimindo un discurso hipócrita, e arrasou coas súas poutas deformadas e os cairos afiados a todos os que se lle puxeron por diante, cercado e protexido como estaba polos aplausos incondicionais dunha grei de eunucos e moinantes. Foi -patético- o estertor derradeiro do máis horripilante dos nosos ancestros, o afamado mamut de Vilalba. 

Creádelo ou non, chegará un día, máis cedo que tarde, en que nos vexamos liberados da opresión dos paquidermos de cairo retorcido e da súa estirpe de animais difíciles; o rinoceronte lanudo, o tritón de cauda trífida, o diplodoco cíclope, o reno de corno único, a lura de tinta urticante, o narval de crista espiñosa, o golfiño con dentes de serra, o cuco trepanador, o corvo espantador de nenos, o grifo de poutas retráctiles, o sínfano xigante, o tigre de dentes de sabre, a manticora de ollada asesina, a cobra de cauda en aguillón, o coello carroñeiro, o puma de mandíbula en funil, o morcego de ventre en placas, a curuxa barbaba de bico lacerante, o sapoconcho alado, a hiena dos caneiros, o polbo anfibio de tentáculo único e ventosas vesicantes, o ourizo de púas en lanzadera, a augamar saltadora, o rato de sete cabezas, a iguana de espiña bífida, o cabalo de pezuño afundido, os vermes de catro varas, as libeliñas gaseadoras, os lemures antropófagos... eles. Daquela, extinguidas feras e animalias a xente poderá vivir tranquila sen ninguén que os tutele, que os asuste, que os avergoñe ou os mande.

Esta é, meus amigos, contada tal e como a soñei esta noite, a historia do último dos opresores, o famoso e malquerido, o abandonado e nunca amado, o temido, o solitario e pezoñento mamut de Vilalba.


23 de Outubro do 2001

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega