A mar ferida

 

(Texto íntegro)

 

v2isidronovoamarferida.html
Ía e viña a mar
a mar ía e viña
como van e veñen
un tras doutro os días
ía a mar e viña
a mar viña e ía


Vagas altas e rizas
estourando impoñentes
como calquera día
da miña mareira vida
como calquera día
a mar ía e viña


Ía e viña a miña amiga
a miña vida ía e viña
batendo contra os coídos
contra os cons e contra a area
a mar miña ía e viña
ía e viña a amada miña


Pero ai
non era o de sempre o seu son
que había nel coma sombras
de queixume
queixábase a mar miña
mentres ía e viña
mentres viña e ía


E axiña vin
que enferma estaba
dun negro mal
axiña souben
que o meu amor viña ferido
Que malia tanto amala
bicar a mar non podía
nin agarimar sequera
a frescura de encaixe
dos seus salseiros
pois viña a amada miña
de negrura envelenada


Con tan visguenta desgracia viña
con tan escura doenza
que nin gozar puiden
do orballo salgado
co que me agasalla sempre
nos rompentes


Non puiden
non
e maila que no seu ir e vir non laiase
traía sombras de queixume o seu son




                                                    isidro novo - 31decembro - 2002

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega