As bágoas do demo

 

Prólogo

 

m2ramonvalenzuelaasbagoasdodemo001.html
     DRAMATIS PERSONAE

O DEMO
A MEIGA
PEPE.- Labrego rico
PEPA.- Muller de Pepe
PIRULÉ.- Tolo de Vilancosta
NARANXO.- Trillonario
PEPIÑA.- Filla de Pepe
PEPIÑO.- Mozo de Pepiña
PEDRIÑO.- Rapaz das vacas






Prólogo

(Co telón cerrado. En cada beira están situados o Demo e a Meiga).




O DEMO
Este mundo é o pior que vin... e non hai quen o arranxe. Vouvos amostrar con que cras de xente ten un que traballar... Dá noxo... E logo un bota sapos e xofre pola boca e pensan que está a facer comedia. Non pode sere, non pode sere. Algunha vez que aparece algún que non é parvo de todo e alí imos tódolos demos do inferno coma se foramos estorniños pra ver por onde o podemos apillar. E custa... custa traballo... custa... traballo... todos a estorbar... e ti a primeira... mixiricadas, porcalladas.

A MEIGA
Tendes moito que deprender de nós... eu non vexo a vosa laboura en ningures. Todo se vos vai en grandezas. Os grandes pecados. As grandes traicións..., así non facedes nada. O mundo non está feito de cousas tremebundas nin de cousas arrepiantes... O mundo está feito de beliscos... de moitos beliscos e de... beliscos pequerrechiños.

O DEMO
Serviades pra piollos. Que me parta un raio. Tódalas meigas serviades para ser piollos.

(Desparecen os dous).
(Aparece, por cada un seu lado, Naranxo e máis Pirulé).


NARANXO
Ese é o Pirulé.

PIRULÉ
Se ti o dis, serei.

NARANXO
¿E logo non es?

PIRULÉ
E serei de todo.

NARANXO
¿E logo de onde vés?

PIRULÉ
Veño de alá, das terras baixas da Ulla.

NARANXO
¿E logo pra onde vas agora?

PIRULÉ
Ia para Tabeirós, pra ver de chegar á festa e soio puiden chegar ao restoballo. Eu nunca chego ás festas. Decote chego aos restoballos.

NARANXO
Pois cómpre chegar ás festas.

PIRULÉ
Comprirá.

NARANXO
Eu son dono das festas. Eu son quen manda facer tódalas festas do mundo. A min góstame adevertir á xente.

PIRULÉ
Eu son tolo e aos cordos non os entendo moito.

NARANXO
Nunha festa non hai tolos nin cordos, nin ricos nin pobres nin quen vive mal ou ben todo o ano. Cómese sin gana e bébese sin sede. Nas festas somentes hai festeiros.

PIRULÉ
A min non me parecían ruíns.

NARANXO
As festas non son cousa boa nin ruín. Son coma os pelos da cabeza, que non son bons nin ruíns. Son garnición.

PIRULÉ
Se son garnición son cousa boa. Porque se a un lle fallan os pelos da cabeza é calvo e non dita ben.

NARANXO
Algúns non teñen pelos na cabeza, pero agrómanlle na cara e chámanlle barba. Tamén é garnición.

PIRULÉ
Nas festas hai moita fartura pra tódolos probes.

NARANXO
Tamén a hai pra os cans.

PIRULÉ
Non sei que mal che fixeron os cans.

NARANXO
É mellor ser galo. En cras de animal é mellor ser galo.

PIRULÉ
¿Por que?

NARANXO
Porque os cans empáchanse de tanto comer e xa non sirven pra máis nada. Os cans andan de balde e levan pedradas. Os cans métense onde non deben. Os cans, cando non cómpren, estorban.

PIRULÉ
¿E os galos?

NARANXO
Os galos teñen papo... e van gardando... e collen máis azos pra cometer pecados mortaes.

PIRULÉ
O caso é que eu non lle puiden chegar a esta festa, pero vou o mesmo pra alá. O restoballo.

NARANXO
Non sabes canto perdeches, porque mandeilles dúas pipas de viño e cinco vitelas e papas de arroz e café e coñac.

PIRULÉ
¿Non che quedou nada pra min?

NARANXO
Non; deixeille todo alá. Eu sempre deixo todo alá.

PIRULÉ
Pero o caso é que eu a fame téñoa eiquí.

NARANXO
Pois vaite alá e dille que vas mandado polo Naranxo e daranche canto pidas.

PIRULÉ
Pero cando eu teño fame é agora.

NARANXO
Se vas pensando no que vas comer, chegas axiña.

PIRULÉ
Vou dar volta pra casa de Pepe de Vilancosta, que me mandou chamar. Pepe de Vilancosta. Ese tan rico.

NARANXO
Ese non é rico.

PIRULÉ
Disque sí.

NARANXO
Ese terá cartos, pero anda coma un lobo pra ver cando axunta máis cartos.

PIRULÉ
Con todo, eu vou ver a Pepe de Vilancosta.

NARANXO
Vai... vai. Non sei por que me dá o corpo que vas facer de can.

(Vanse os dous).
(Aparece Pepiño, que mira inquedo o reló. Despois, Pedriño).


PEPIÑO
¿Viches a Pepiña?

PEDRIÑO
Vin, sí señor.

PEPIÑO
¿Dixécheslle tal como che eu mandei?

PEDRIÑO
Dixen, sí señor.

PEPIÑO
¿E que che contestou?

PEDRIÑO
Moito non lle gustou.

PEPIÑO
Cóntame tal como che respondeu.

PEDRIÑO
Díxome que ela non ten por que andar ás agachadas polos carreiros, que gracias a Deus ten unha casa. Que vén de moi boas familias e máis que un seu tío foi coengo en Mondoñedo.

PEPIÑO
Pero de me ver ¿non che dixo nada?

PEDRIÑO
Dixo que pode ir vostede pola súa casa, que aínda que non é casa de señorío tampouco comen á xente.

PEPIÑO
Está ben. Vai por alá, pola casa, que xa che darei un pantalón remendado.

PEDRIÑO
Moitas gracias, logo.

(Vanse os dous).


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega