Coa palleta distraída

 

Fragmento

 

v3carlosmelladepoliticaeopinions.html

DE POLÍTICAS E OPINIÓNS


     —¡Manda truco! Un país coma o noso, que vai que se mata, que se tuses che dan unha pensión, e agora resulta que na Europa andan a dicir que somos uns corruptos e que isto semella unha república bananeira.
     —¡O de sempre! ¡Somos malos con nós mesmos! A culpa éche da prensa de dereitas que anda a "insistir innecesariamente" no de Filesa, e en tres ou catro piroladiñas máis polo estilo.
     —E tamén está o da peseta que a queren devaluar.
     —A culpa éche do Aznar, que che é un irresponsable e fártase a dicir que a economía vai mal.
     —Tiña razón Franco ¿eh? Nos seus tempos a prensa non insistía nada e a oposición andaba polo estranxeiro.
     —Hai cousas que non se deben dicir pero, en confianza, se Felipe fixera o mesmo... outro galo nos cantaría.



DE ESPERANZAS E BIOSBARDOS


     —Moi contento che estou de ser galego.
     —Home, malo non é pero tampouco semella unha lotería.
     —Pois para vivir arredado de angurias e preocupacións, ser galego éche man de santo.
     —Niso douche toda a razón. Para pasa-lo día mirando os biosbardos non che hai ninguén coma nós. En troques, os demais non ben saen dun encerello xa están caindo noutro. Mira o lío no que se meteron os listos dos cataláns.
     —Non me fales. Non o quixera eu para min. Coa crise que hai agora, e téñense que meter a gobernar. Non lles arrendo a ganancia.
     —Só algunha vez penso se sería bo que nós tamén metéramos a culler no pote e remexéramos un algo. Claro que de contado desboto a idea.
     —Si. Mellor mirar para os biosbardos.
     —Certo. Despois xa se verá.



DE ANÉCDOTAS E REPUGNANCIAS


     —¿Porque choras, muller?
     —Morreu o meu home. ¿Non o sabías?
     —¿E por iso choras, disgraciada, máis que disgraciada?
     —Ai, Marica!, é que ti non sabes...
     —¿Que vou saber?. Sei que chegaba bébedo tódolos días, que mallaba en ti coma no centeo verde, que che traía esfameada e que co moi bacuriño vivías adoecida...
     —Todo iso é certo pero...
     —¿Pero que?
     —Agora, ¿sabes? sinto faltar aquela repugnancia...
     E traio a conta esta cativa anécdota porque vamos a votar. E, ó mellor uns galopíns desaparecen do goberno e, visto o que pode vir, corremo-lo risco de... sentir a faltar aquela repugnancia...



DE ZOCOS E PIBES


     —Paso o día poñendo clase de economía.
     —Pois eu non entendo ren do choio. Non sei nin o que é o Producto Interior Bruto do que falan os xornais, que eu son zoqueiro.
     —¡Éche moi doado, home! Ti fas un zoco; os materiais costáronche noventa e cinco pesetas e véndelo a cen. Xa tes cinco pesetas de valor engadido. O que cho comprou véndeo por trinta mil, e xa tes outras vintenove mil de ganancia. Súmalas todas e sáeche un PIB que dá gusto velo.
     —¡Pero coño, se só hai un zoco! O que fixen eu.
     —Hai un zoco e un mercado libre. Ese eche o truco do PIB.
     —Agora entendo menos.
     —Pois por iso. Ti, a facer zocos.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega