Confeso que pintei

 

(Texto íntegro)

 

m2tomasbarrosconfesoquepintei.html

     Inicieime na pintura ós 14 anos e pronto tiven coñecemento da pintura entón de vangarda: Kokouska, Munch, Van Gogh, etc... É dicir, dos post-impresionistas, expresionistas e fauves, especialmente.
     Cara ós 16 anos frecuentaba o estudio de Bello Piñeiro, no Seixo, de quen recibín serias leccións de disciplina, pois era un discípulo máis rebelde por canto el admitía soamente ata Cezanne. Leyra Domínguez ten un estudio moi completo sobre a figura de Bello Piñeiro e os seus discípulos, entre os que se conta o propio Leyra e Manuel Gasalla, hoxe en día en Londres, a interesante obra do cal vin recentemente.
     A miña dedicación á ensinanza a partir dos 18 anos a penas me permitiu outra cousa que debuxar e dedicarme á literatura. Pero ós 22 anos consigo unha excedencia activa e unha axuda económica do meu pai que me permite cursar en tres anos os cinco da carreira de Belas Artes.
     Durante os meus estudios en San Fernando alterno cos meus traballos clásicos as miñas investigacións estilísticas, o que me vale algunha reprimenda de Valverde. Isto permíteme, ó saír da Academia, dedicarme a facer inmediatamente unha pintura fauve. Todavía conservo desta época El aparecido e El testigo. O tratamento é moi empastado, e o claroscuro e a cor moi violentos.
     A pesar de que na miña primeira exposición en Ferrol nun grupo con Bello Piñeiro e os seus discípulos, non se entende a miña pintura, na seguinte exposición organizada polo Concello obteño o primeiro premio.
     Desde entón, a miña pintura foi evolucionando sobre todo na concepción da composición e da forma, xa que a esixencia dunha color fauve levoume pouco a pouco a unha configuración máis expresionista. Actualmente ségueme a preocupar fundamentalmente a sensación rítmica na composición, efecto que busco fundamentalmente mediante a desvirtualización de todo concepto clásico de espacio, estructurando o cadro nunha relación cada vez máis abstracta entre o fondo e a forma. Non obstante esta preocupación formalista, interésame que a obra detecte un contido humano.
     Entre a etapa fauve e a actual, representada por unha serie de composicións como La lareira, Pescadores, Segadores, Jugadores de cartas, Canteros e Marea Roja entre outras, hai unha etapa formalista que está representada por El violinista bohemio e Hombre leyendo, este actualmente no Museo Carlos Maside. Tras esta etapa formalista con Prometeo e Don Quijote, iníciase una etapa de transición fauve con dinamismos curvos de carácter rítmico que encadran a figura (xeralmente espidos). A última etapa aludida revela unha maior preocupación polos valores abstractos expresionistas, as cores cubrindo superficies planas, angulosas ou zigzagueantes, e a análise espontánea de ritmos dados en función da color e a composición. Anque creo coñecer bastante ben o proceso do cubismo, a miña pintura desenvolveuse sobre un cauce propio de natural desenvolvemento, de modo que os elementos abstractos xurdiron por diferenciación dentro dun desenvolvemento inmanente ós propios medios de expresión e alleo a aquela tendencia que entre 1914 provoca a aparición da arte abstracta. O que non quere dicir que non tivese sempre presente a lección dos mestres desta escola e do futurismo con preferencia a outras.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega