Cuba: a illa dos tres bloqueos

 

(Texto íntegro)

 

A avóa
A avóa -dona petrucia de gelras de escómbrido- deixou un serán os peiraos de Vigo, para se arrumbar ós piélagos caribes onde presentía -metade adiviñación, metade convición- a superación da confusión e da miseria que campaban naquela tera húmida onde o Sar da auga e nutrimento ó Ulla, rio, como é sabido pródigo en peixes, Nereidas, vikingos, poetisas e outras mitoloxías.

Chegada á illa de Cuba, acollerona os seus irmáns con esa mestura de distanciamento e parabéns, de tenrura finxida e agarimo sentido, que os galegos amosan cando hai océanos ou fronteiras polo medio. Os poucos meses comezaba a rexentar un forno cerámico onde facer tellas, tixolos e outros materiais de construción tan necesarios nunha economía en desenvolvemento como a cubana.

Pasou o tempo e sei por fontes extra-familiares -nas familias galegas hai unha lei do silencio, non se fala dos comportamentos privados contra norma, o que non deixa de ser en moitas ocasións, un alívio- do seu gusto pola tumbona e o danzón, polo traballo continuado e a festa comedida, polos sancochos e os xogos de esoterismo e naipe.

Logo dalguns anos de prosperidade económica (non é momento aquí de dicer ás costas de quén, máis é sempre obvio que cando alguén se enriquece co traballo dos seus asalariados e que a distribución de plusvalias non é totalmente equitativa), chegou aquel tránsito máxico dos barbudos entrando na Havana ("...cuando toda Santa Clara se despierta para verte..."), do Che de pucha e xaruto e de Fidel a dar o seu primeiro discurso interminable, encendidos os ollos daquel mesianismo liberador que prendera doado nos guajiros sen terra, nos negros malnutridos de zafra e inxénio azucareiro, nos descendentes dos escravos nacidos yorubas de xeracións e sangues corrompidos pola fusta e o maltrato.

Aquilo tiña que rematar así, dicía a oraculista, tanto vicio e tanto lupanar para esos gringos bébedos de xogo e putifério. Batista era un fillo de nai, un arribista sen escrúpulos, un home de pouco fuste e muito leite cuallado, para que aquel desorde puidera durar. Foi así, por lóxica da desorde, que "llegó el comandante y mandó a parar". Para os galegos, decía, xente de emigración e pequenos propietarios os máis, fuxidos da miseria e chegados (non todos, seino) a unha bonanza económica logo duns comezos difíciles cun garaxe ou unha adega, aqueles ventos de cámbio non eran unha boa notícia.

Os primeiros momentos, como en toda revolución que poda ser chamada así, foron de confusión e de desorde, pois tratabase de dar un salto cualitativo, de desenvolver un caos, unha entropía que xerase unha nova orde. (Desconfíese, por antinaturais, das transicións pacíficas e progresivas, pois non siñifican nunca unha mutabilidade dos sistemas políticos, senón unha adaptación da vella orde institucional). Os primeiros momentos, digo, foron de confusión e como tal ninguén sabía que rumbo levarían os acontecementos nos días que seguian. Foi aí, que os membros da miña familia tomaron actitudes contrapostas.

Unha -a dos irmáns da miña avoa- foi de provocación, de negarse á dinámica dos tempos, de non aceitar o transpaso na propiedade dos medios de produción. Resultado na lóxica determinista, o expólio das propiedades e a reeducación na ideoloxía de "patria o muerte". Contrarréplica, toda a parafernália gusana de agochar xoias e dólares no xardín, para un día unha balsa, unha fuxida e unha aventura no estreito da Florida (Daquela os guardacostas estaban avisados e prontos á ación e as xoias dos García salferen os fundos onde as ondas fan recife e coral). Retorno á illa, cadea, zafra e reeducación polo traballo.

Outra, se cadra máis pragmática, quizais máis calculada ou máis muller de fusil e daguerrotipo, tal vez só dilación calculada dun cambio sentido entón como posible, ou maybe intuición e capacidade de análise e todo iso (un sempre pensando ben das súas avoas, haxa razóns curtas ou sobradas) foi de colaboración co poder emerxente. Ficou na direción da súa factoría e aínda que perdeu a propiedade (tecnicamente houbo un trapaso na propiedade dos medios de produción) conservou o comando e unha certa influencia nas decisións. Por referencias soubemos que conservara a súa mansión de Pinar del Río ata o momento mesmo do seu abandono da illa para vir morrer no seu natal curruncho. Soubemos tamén da súa influencia na comunidade que lle permitía un plus de víveres cos que axudaba a viciños, amigos e familires caídos en desgracia.

Foi ela, un serán de Outono, tumbona e buchito de café (na familia sempre merendamos), e vistas do hórreo tra-la mata dos bambús que me esbozou está teoría, que non apuntalo con argumentos da miña conta, pois non están alimentadas as miñas neuronas para reflexións políticas profundas ou vagas e apresuradas filosofías.

Cuba, a nosa illa (transcrebo ¿falaba así polo amor que lle tiña? ¿polo recibimento que lle fixeran? ¿por sentirse parte ou cómplice da revolución?), sofre tres tipos de bloqueos. É o primeiro, sen dúbida o máis importante máis non o único, o bloqueo económico que os EUA estableceran para illarnos e que decantóu o noso comercio á exclusividade de intercambios cos sistemas socialistas. O segundo non é outro que o bloqueo interno dos boicoteadores e o bombardeo constante da propaganda reacionaria dos cubanos que fuxiran á Florida, negándose a unha arriscada oposición interna. O terceiro, non polo numeral asignado o menos importante, pois son tres os pilares desta trébedes que apreta a gorxa angustiada e arfante (poderíamos idecir mortal) desta revolución é o bloqueo institucional, fomentado polo seguidismo do partido en xeral, pola intransixencia do aparato para perpetuar os seus privilexios en particular e polo liderádego anguriante e mesiánico do lider máximo en caricatura de culto á personalidade ou a si propio, que desouvindo os sofrimentos e os anceios do seu pobo, persiste nunha perpetuación paternalista dun sistema que precisa doutra elasticidade económica e política.

Como ves, engadía a miña avoa, nada se poderá facer ata que os tres bloqueos desaparezan, porque os tres son o mesmo: a intolerancia e o dogma (Naquel momento máxico -eu aínda nesa etapa iconoclasta que caracteriza á mocidade fixen unha fácil analoxía co que sendo un é trino. Cousas da mocidade, xa se sabe).

Pasado o tempo, inmolado o modelo soviético na fogueira das vaguidades gorbachoviáns, sumidos ó noso pesar nunha nova orde internacional (guerras, pandemias, poder omnímodo da OTAN dando carimbo de acción ó máis descarado imperialismo), vendo fuxir ós balseros, nun serán de merenda e outono, de té con pastas e con mel, penso nas palabras da miña avoa ó pé do hórreo e do bambú centenario e equilibrio. Non, avoa, todo isto non rematará ata que os tres bloqueos desaparezan. Entón, como viaxeiro curioso e non como turista come-lumbrigantes, visitarei por fín Camagüey, Matanzas e Pinar del Río.



 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega