Cultura e liberdade

 

(Texto íntegro)

 

v2manuellourenzoculturaeliberdade.html
Señores que nos gobernades:

— Vós non sodes os propietarios do país nin das nosas humildes persoas. Vós sodes, ou teríades que ser, os administradores dos nosos recursos e os primeiros valedores da nosa paz e da nosa liberdade.

— A vosa legalidade procede da nosa vontade, e non ao revés. Ademais o exercicio do voso poder ten un prazo limitado. Conque, non hai razón, nin legal nin humana, para tentardes saltar eses honrados límites mentindo, manipulando, censurando.

— A mentira instalouse na vida pública cunha ousadía nunca vista cando, nun alarde universal de ineptitude, permitistes a degradación do noso mar e a ruína de tantas vidas, xustificando sistematicamente os vosos erros de acción e de omisión, e xerando un clima social de angustia e de repulsa polo voso proceder.

— A manipulación da información foi o voso sistema de defensa preferido. Cautelosos, cando non abertos boicoteadores de comparecencias nas cámaras lexislativas galega e española para explicar os vosos feitos e proxectos, preferistes acusar de manipulación política, através dos medios públicos de información que controlades, a plataformas de expresión popular como nunca máis, apoiándovos de paso, en sindicatos de extrema dereita, como manos limpias, ou en personaxes de opereta como o Alcalde da Coruña. Aínda así, non conseguistes reprimir a desaprobación maioritaria dos cidadáns pola vosa xestión (indixestión), como demonstran as constantes manifestacións e actos de protestas de tantos colectivos sociais.

— A mesma unanimidade, convertida en clamor que engorda vilas e cidades, teatros e pasarelas chegando mesmo aos estudios da televisión que controlades con man férrea, reúne aos cidadáns nunha loita até o desespero contra a inexplicábel submisión do Goberno español ao proxecto norteamericano de bombardear o Irak, á marxe do pronunciamento dos organismos nacionais e internacionais. Neste caso tamén; que eleva a barbarie a modelo de conduta, e o futuro a unha incógnita angustiosa-, a mentira é constante e a manipulación, por se xa fose ineficaz, procura a súa blindaxe na censura contra toda disidencia.

— Neste panorama, un colectivo como o dos artistas do espectáculo (teatro, cinema, televisión, etc.) e as persoas, en xeral, que teñen nos traballos da cultura a súa ocupación, erguen a voz contra a miseria das bocas tapadas, dos ouvidos xordos e dos ollos cegos, proclamando nos foros propios do seu oficio e nas concentracións populares, o non á guerra, o nunca máis, á manipulación e ao totalitarismo.

— Nós, os aquí reunidos, homes e mulleres deste colectivo, queremos rexeitar, en primeiro lugar, o terrorífico axioma, acuñado polo Presidente do Goberno Galego a raíz da protesta dun grupo de actores no Parlamento Español, de que a política é dos políticos e o teatro, dos cómicos. Recordámoslle a ese señor que as cousas non son tan simples como el quixera, pois a ´polis´, que en grego é ´cidade´, compréndenos a todos, e somos e fomos sempre as persoas dedicadas ao teatro as encargadas de mostrar a todo o pobo as cualidades da conduta humana, nomeadamente (véxanse Esquilo, Sófocles, Eurípides, Shakespeare, Molière, Ibsen, Brecht, etc.), cando se dan en personaxes públicas, como reis, emperadores, sacerdotes, alcaldes ou presidentes da Xunta. A política, señor, é un dereito de todos. Mesmo ás veces, como hoxe, en que está en xogo a propia liberdade de expresión, chega a ser un deber dos cidadáns.

— Xa non somos unha Ditadura. Temos moitas parcelas de dignidade conquistadas para nos permitirmos un regreso;nin sequera virtual- á era das cavernas. Aquí estamos xentes de teatro reclamando e esixindo os dereitos que nos corresponden como artistas ao servizo da Cidade. Somos un colectivo diverso e non precisamente unánime en temas que tocan ao noso oficio e ao seu difícil exercicio, tantas veces mediatizado por presións e influencias políticas e económicas. Mais o noso traballo é fundamental para o exercicio e a defensa de todas as liberdades, tanto privadas como públicas. Sen teatro, que no fondo é debate e mostra viva dos motivos de tirios e troianos, as sociedades adoecen. Ou simplemente inexisten. Como dicía Schiller: o día que haxa un teatro alemán haberá unha nación alemana.

— Señores que nos gobernades: levamos anos, moitos anos xa, tentando, co noso traballo, definir ese campo de acción e convivencia que nos torne máis libres, máis humanos e máis cívicos. E sempre, nestes duros anos de democracia Feber, fomos tratados por vós e polos vosos funcionarios, de grupo minoritario e altamente incómodo, que debía ser comprado ou anulado; así de simple: comprado polo poder para lustrar as súas vaixelas, ou silenciado, arrinconado e mineralizado.

— Por iso e por todas as manobras expresas ou encobertas que utilizades para acabar conosco, através dos mecanismos dunha política teatral e cultural aberrante de puro nepotista e arbitraria, gritamos nunca máis á burla negra da política teatral mantida polo Goberno da Xunta, ao tempo que esiximos unha reestruturación total e completa das súas bases, realizada en cooperación con representantes do mundo teatral galego, tanto persoas como entidades, e con vontade e tempo suficientes para asegurar a súa eficacia. No entanto, seguiremos clamando contra todo o que nos doe e nos ofende como artistas, como cidadáns e como membros correspondentes da raza humana.

VIVA A LIBERDADE. VIVA O TEATRO. NON Á GUERRA. BURLA NEGRA NUNCA MÁIS




[Manifesto lido na concentración do mundo do teatro en Santiago o día 7 de marzo de 2003.]


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega