Diccionario dos seres míticos galegos

 

Fragmento [Letra G: Gaifar - Guapo das medias brancas]

 

v2cubareigosamirandadicionarioseresmiticos.html
Gaifar. Cidade enterrada, non se coñecen as causas, no Castro, en Nigrán.

Galicia. Segundo García Márquez, país mítico no que sempre chove. Segundo os meteorólogos españois, país real no que sempre chove. Segundo os galegos, lugar onde estivo o Paraíso e que aínda se parece un algo.
     Deus, aló polo cabo do sexto día da Creación, xa daba por rematado o mundo e sentou a descansar pousando as cachas no mesmo cumio do monte Santa Tegra (pois acababa de facer Galicia, que foi o último e o que mellor lle saiu). Pero non asentou ben e para non caer tivo que pousar unha man e apoiarse. Co seu peso quedaron tan marcados os dedos que o mar entrou por aquelas marcas terra adentro e formou o que hoxe chamamos rías. Ai, pero ó erguer a man e vela lixada de lama e barro sacudiuna e así, segundo os montóns fosen grandes ou pequenos, naceron as illas Cíes, as Sisargas, Ons, Sálvora, Arousa, Sagres, Coelleira, tódalas illas do mar de Galicia.


Galiña. Algúns xenios malvados e tamén as almas en pena simulan o cacarexo das galiñas. Para escorrentalos, hai que dicirlles: «Pasa, cousa mala, pasa; / San Xoán bendiga a nosa casa / cunha palanca por riba da casa.» | Cando a galiña canta coma un galo pode anunciar desgracia na casa, a presencia dalgunha alma en pena ou a
proximidade dalgún ser maléfico. A mesma crenza existe na Bretaña, en Escocia, en Gales e en Irlanda. Remedio infalible: matar a pita. | As galiñas de cor negra, abertas en canal e en vivo, postas sobre a parte afectada, curan as dores de costas. O caldo feito con galiña de cor negra é beneficioso para as parturientes. | As bruxas poden adoptar a forma dunha galiña.
     Unha veciña de Corcubión, que non cría nas meigas, atopou unha. Subíalle no tellado da casa, sen que ninguén soubese como facía. Como creron que tiña fame, botábanlle anacos de pan. Pero o que máis facía a ave era observar atentamente o que facía a muller na cociña, tanto que lle pareceu que a espiaba descaradamente e cun certo cinismo. Deixaron de darlle comida, pero daquela miraba aínda máis fixamente e como con furia. Aconselláronlle, por se era mala cousa, collela e matala. Puxéronlle unha trampa, que era uns cantos graos de millo ensartados nun fío de nailon. A galiña, aínda que famélica, non picou. Achegouse, ollou e deu un paso atrás. Deduciron que era unha meiga. A señora cambiou de casa, pois todo esto ocorrera na duns familiares. O chegar á súa estábaa agardando a pita. Botouse a ela, colleuna polo pescozo e atouna cunha corda nunha pata. Despois meteuna nun armario, que pechou con chave. Mandou recado a toda a vecinanza para que se presentase o dono a reclamala. Non foi ninguén, pois a ninguén lle faltaba galiña ningunha. Pola noite, decidiu
abrir o armario: dentro estaba o cordón co nó sen desfacer. Pero da galiña, nin rastro.

Galina con Pitos. Nas fontes que esconden Tesouro, o Encanto gardador sae ó exterior transformado desta maneira. Se entre a rolada de pitos hai algún de cor branca, significa que hai unha Dona que reclama que a desencanten.
     A propia Galiña con pitos pode ser o Tesouro. Se non o é, hai que desencantala cuspíndolle ou botándolle unha pucha de home que cubra toda a galiña. O que o intente ten que ser un mozo solteiro e valente, disposto a darlle un bico na boca á serpe, que é no que se converte o Encanto para asustar ó atrevido, antes de tomar a forma definitiva dunha muller verdadeira. Se o consegue, acada de vez esposa e riqueza.
     Ás veces convértense de súpeto nunha persoa, sen pasos intermedios. Na Fonte Cega, en Quende (Abadín), cando sae a galiña coa súa rolada, a fonte bota auga coa cor do leite. Noutras ocasións a galiña vai acompañada por máis Encantos.
     Na Ponte Ulla, nun paso estreito do río, hai un pozo fondo no que aboian unha grade de ferro e unha campá prendida dela. A media noite a campá dá doce badaladas e nese momento sae da bouza á beira do río unha pita branca con doce polos de ouro e unha pantasma (obsérvese que neste caso a galiña cos pitos é o Tesouro). Mentres soan as badaladas, a galiña e a pantasma andan dando voltas, despois quedan quedas e ó abrir o día desaparecen.
     As estrelas Pléiades tamén son coñecidas co nome de Galiña choca con Pitos. Un medallón achado no Monte Pindo tiña, ó parecer, debuxada esa figura. Hai para quen a Galiña cos seus pitos non son senón o reflexo do Setestrelo.

Galina dos ovos de ouro. Nas Fragas, en Campo Lameiro, no gurgullón de Santa Mariña hai unha princesa moura encantada en serpe. Vese nos amenceres cunha flor na boca. Ten da súa propiedade unha galiña que pon os ovos de ouro. Quen a bique nos beizos desencántaa e convértea en muller e a cambio recibe a galiña dos ovos de ouro e pode ver o sinal por onde vai a trabe de ouro
que conduce ó Castro da Andoriña. Nesta mesma fonte móllanlle os pés á imaxe da Virxe da parroquia se queren auga; se queren tempo seco, móllanlle a cabeza.
     Entre Pedra de Penalba e Rotea de Mendes, en Campo Lameiro, hai unha fonte cunha moura que coida dunha galiña de ovos de ouro e dun berce de ouro.
     No castro da igrexa de Cazás, en Xermade, hai unha pedra cunha inscrición. Ó descifrar a pedra sae unha galiña que pon os ovos de ouro.
     Lembra esta pita a que aparece no conto inglés de Jack Mataxigantes e as Fabas Máxicas, propiedade do ogro.

Galo. Na historia mítica galega, fillo de Brigo. Home da caza e das fragas, deu orixe ós poboadores que ocuparon desde a ría de Betanzos ás beiras do Sor.

Galo. Do ovo que pon o galo de sete anos, pois todos poñen un ovo unha vez na súa vida, nace un basilisco ou unha serpe. Se é serpe e o que a ve primeiro é o home da casa, anúncialle boa sorte. Pero se é a muller morre naquel ano. Para outros, entre eles Risco, se a cobra ve primeiro o home, este morre no ano. Outros cren que é o ovo, e non o galo, o que ten sete anos. Véxanse Basilisco e Cobra.
     Do mesmo xeito, dun ovo de galo negro, chocado en determinadas condicións (en esterco, no sobrazo, etc.), nace un demiño, que hai que alimentar con gotas de sangue. Véxase Demiños.
     Nas cidades asolagadas sobreviven sempre os galos, ós que se escoita cantar en determinados días. Son, xaora, galos anfibios, símbolos do sol escuro. Os habitantes de Antioquía son, ou foron, xentes do galo.

Galo Negro. Un misterioso galo negro aparece como variante da Galiña con Pitos de Ouro nalgúns castros. Falar dun galo negro é como falar dun sol negro, do sol nocturno na terra escura.

Gata Branca. A gata branca que se aparece nos cruceiros e encrucilladas, e enreda entre as pernas da xente, é a perigosísima Peregrina. Hai que andar con tino.

Gato. Animal no que se transforman as bruxas ou os seus demos familiares. En Boado, unha gata viña mamar
o leite das vacas. Un que andaba pedindo traballo de criado por uns días esperouna unha noite e cortoulle nun peito coa fouce. A gata non volveu. Así que acabou o traballo naquela casa, o mendigo foi á máis próxima pedir se terían traballo que lle dar. E alí vivía unha muller que tiña un neno ó que só lle daba de mamar dun peito, pois no outro tiña unha ferida. A muller era meiga e quen a ferira fora el. Pero agradeceullo, pois ó lle facer sangue sacouna de bruxa. Cremos nós que era bruxa por fada, como os corredores, e polo mesmo librouse da fada ó lle facer sangue.
Se corre un gato pola casa sen parar, é sinal de vento; se lava a cara anuncia chuvia ou unha visita inesperada. Tragando pelos de gato contráese a epilepsia. Comendo o que el probou cóllese a asma. Tocando os gatiños acabados de nacer apáñase a tiña. Atoparse cun gato de cor negra trae mala sorte ou é un mal agoiro. Os gatos teñen sete vidas. Matar un gato negro é agoiro de morte. A gata, coas présas, pariu os fillos cegos.

Gazafello. Cazarello, Cazabello. Para collelos hai que ir cun saco aberto pola noite, dicindo: "Gazafello, ven ó rello." Veñen sós.

Gran Besta. Semella un alce ou un gran cervo. Autocúrase a epilepsia rascando unha orella coa unlla do pé traseiro dereito. Vendíanse amuletos con anacos da Unlla da Gran Besta incrustados en aneis. Surtían efecto só se se levaban pegados á pel.

Grilos. Coma os mouros, son escuros e viven baixo terra. Hai tres castes: os reis (que son brancos ou amarelos e teñen marcado un R nas ás), os príncipes e os carboeiros. Estes últimos son negros, traen mala sorte e son desprezados polos nenos. Os príncipes son os que teñen o P marcado nos élitros. Cóllense para cantaren. Métense en gaioliñas e lévanse para a casa. Hai que ter coidado de non confundirse. Se levas unha grila, que ten tres rabos en vez de dous, pola noite convértese en alacrán, é dicir, en ralo. Que escape un grilo na casa é mal asunto: devora toda a roupa. Se canta un grilo caseiro fóra da gaiola, é aviso de morte (ese grilo, con seguridade, é un carboeiro).

Guapo das medias brancas. Home que mentres foi vivo vestía as pernas cunhas medias brancas que lle valeron o alcume. Debeu ser un anunciador, ou un aviso, da morte. Fálase del en moi apartados lugares da Terra Chá e da Mariña luguesas, e noutras comarcas de Galicia.
     Despois de morto e enterrado no camposanto parroquial non falta quen queira vingarse do seu sinistro oficio. Soen ser mozos que aproveitan ó volver das esmorgas a ledicia que traen no corpo. Achéganse ó cerrado do camposanto e chámano, entre sorrisos malévolos:
     —iEi, Guapo das medias brancas!
     Non esperan a resposta, pero haina, e sempre en castelán:
     —iAguarda un poco, que me Ias estoy poniendo!
     Os mozos espavéntanse, císcanse e corren co medo no corpo. ¿Será un morto que chama polos vivos?

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega