Doentes malferidos

 

(Texto íntegro)

 

v2mariacanosadoentesmalferidos.html

    
Manchei este papel con tinta vermella,
     quizais pensando

     ou soñando

     tal vez vendo en ti e en min,
     que somos dous, e os dous sumamos dous, non máis.

     Pasan as horas
     mirándonos ós ollos,
     doéndonos por dentro ata o fondo da escuridade,
     ata que os nosos ollos, enfermos de tanto buscarnos,
     non atopen o mínimo indicio de tenrura.

     Xa ninguén sabe se existe a beleza, a frialdade ou a paixón.
     Esváense as sensacións sen ningunha dificultade,
     os praceres emocionais son insensibles; e ti e mais eu,
     só podemos restregárno-los ollos, dobrando cos nosos dedos carnosos as longas pestanas cara a dentro, cravándose na capa      cristalina que envolve o globo ocular.
     Doentes, malferidos,
     vivimos co sorriso pegado ós beizos, semellando unha incógnita fluída que voa no ambiente, con cara de ineptos de olladas insípidas, con expresión de imbécil asombrado;
     Doente estampa.
     Continuamos espreitándonos,
     ó lonxe.

     Imaxino
     os teus ollos mirándome,
     unhas mans ó lonxe acenando, e ti non as alcanzas coa vista, porque eu ocupo o primeiro plano, e cégote.
     Mais o soño remata antes de iza-las pálpebras, cando prosigo a imaxina-lo mundo dunha soa cor, uniforme, harmónico,...
     Da miña mente escapou a visión da túa face, dos teus ollos, das pupilas vermellas.
     Hai lume na epiderme das mans, que buscan ansiosas o aceiro onde aferrarse, aceiro puro que non fai acto de presencia, porque nunca existiu en min.


Rumbo ás illas
(1997)

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega