Dos meus recordos

 

"Eu vin unha ves a Curros"

 

m2garciabarrosdosmeusrecordos001.html
     Foi alá polo ano 1904. Chegara a Santiago pola noitiña pra algo que tiña que facer ó outro día de mañán. Atopábame cansado. Fora a pé, que daquela era o meio de locomoción máis corrente pra ir dende a miña aldea á cibdade do Apóstole. Á beira de catro leguas. Instalado na pousada dispoñíame a ollear uns libros que levara cando vin á man un preódico de alí, de Santiago. Apartei os libros e púxenme a miralo. Por il entereime de que estaba Curros en Santiago e que ás pirmeiras horas da mañán seguinte saía na "carrilana" prá Cruña.
     Xa non pensei noutra cousa. Eu tiña que ver a Curros. Boteime ás rúas a recoller impresións, pro non atopei con quen falar e volvinme á pousada.
     Eu conocía a Curros por haber ouído falar moito dil, e ademais conocía algunhas composicións súas que me foran chegando ás mans en algunha folla de preódico. "O gueiteiro de Penalta" aprendérao de mamoria inda sendo rapás. E sentía por il, por Curros, unha fonda ademiración.
     Erguinme cediño e funme cara á Fonte de San Antonio, de onde arrincaba a "carrilana". Contaba con que chegaría por alí moita xente antre a cal atoparía quen me dixera cal era Curros. Cheguei e alí estaba a "carrilana".
     Estábanlle pondo os cabalos e aviándoa pra saír. Polo demais non se vía por alí máis que algunha xente da rúa que iba ou viña. Deime unhas voltas a unha banda e á outra sen comprender. Comenzaba a sentirme defraudado cando de repente, sen saber como nen por onde viñera, vin que pola banda oposta do vehícolo, escontra a dianteira, subía un señor que soio con velo esperimentei unha sensazón rápeda que me alporizou a sangue toda. ¡Aquil era Curros! Non me cabía a menor dúbida. Xa non tiña pra que preguntalo. Un pouco escitado pola emozón, dei volta por detrás da "carrilana" buscando xeito de o ver máis de preto. Cheguei ó tempo que outro señor dende baixo lle apertaba as mans garimosamente, coma despedíndose. E alí foi onde eu vin a Curros. Un soio menuto. Pro quedoume tan gravado na retiña e no corazón que non se me borrou xamais.
     Feguróuseme non moi alto, pro tampouco baixo. Cor tirando ó moreno; fronte ampra de patriarca bíbrico; ollos máis ben negros, pro vivos, fulxindo polos cristaes de finos anteollos; narís reuta; barba compreta, negra e ben posta; bigote de puntas reutas, alargadas; anchos ombreiros sobre os que levaba vestido un gabán curteiro e sinxelo; á cabeza un sombreiro dos que daquela usaban os homes da súa condición social: aliña curta e revirada, copa outa, redondeada e dura, que se conocían co nome de "bimbas" e que a il lle caía ademirabelmente. A súa presenza producía unha sensazón de bondade, finura e destención que atraguía e impoñía.
     Acabou de despedirse do úneco acompañante que coíl hastra alí viñera, ó menos que eu puidera ver, soaron os trallazos dos postillóns, arrincou xemendo a "carrilana" e, arrechegándose no asento precurando máis cómoda postura, alá se foi Curros, coma quen di solitario, de Santiago, onde deixaba a delicada ofrenda dun ramo de frescas rosas e o ousequio duns magnífecos versos sobre a tumba da súa irmán espritual, a sen par Rosalía, cara á Cruña onde, nun aito grandioso, de eistraordinaria solenidade se lle poría sobre a fronte graciosa unha esplendente coroa feita de ouro e prata, coma "símbolo de agarimo de Galiza ó seu poeta".
     Seguín a "carrilana" coa vista hastra que se perdeu, e ó dar a volta vin que tamén o facía o señor aquil que fora, como xa dixen, o úneco que fora a despedir a Curros, pois eu non era pra contarme, e que máis tarde soupen que se trataba do direutor da Gaceta de Galicia,
don Antonio Fernández Tafall.

     Por aquiles días de marzal do ano 1908 atopábame eu na cárcele do partido xudicial a que pertencía, incomunicado iban a facer tres días. Fixéranme direutor dun preódico semanal "agrícola e anticaciquil", si ben isto de "anticaciquil" creíao eu na miña inesperenza da vida e do mundo, polo demais, niste caso non pasaba dun "quitádevos vós que nos queremos poñer nós". Pro eu tomárao polo serio e zorregaba do lindo. O caso foi que no preódico aparecera unha alusión a un tal "beato José de Pontematea", home felis, cuios restos mortaes poderían ir a parar a un altar donde fosen venerados, pro de ningún xeito ó Panteón de homes ilustres". E resultou que o Xués que facía pouco chegara á vila chamábase José e viñera de Ponteareas. E metéraselle na moleira, si é que algunha tiña, que aquil "beato José" era il esautamente. E por desacato e non sei que máis metérame alí sen darse présa pra soltarme.
     No cuchitril en que me tiñan seica houbera cociña noutros tempos, pro non quedara dila máis que o cano do vertedeiro que, atravesando a parede, iba a dar a un camparrón pouco transitado. E coido que foi xa a pirmeira noite, tendo alcendido un cañoto de vela que vira alí nun recanto, quizais esquecido polo inquilino anterior, sentín remexer no cano do vertedeiro. Coidei que sería un rato e púxenme en guardia. Pro, en ves do rato, vin aparecer un rolliño de papeles e deseguida o garabullo con que lle puxaran. Nunha notiña decíaseme que estivera tranquío pois que quizais non me aforcaran e que a ver se polo mesmo conduto lles mandaba o orixinal prá seución que tiña ó meu cárrego no preódico. Tiduábase "Casos e Cousas" e dialogaban "Farruco" e "Perico". As coartillas foron polo cano á hora que se me endicaba, e gracias a iste recurso o preódico daquela semán puido levar os "Casos e Cousas" coma decote, con gran sorpresa dos do bando contrario. E polo mesmo meio de comunicazón recebín con fonda tristura a delorosa notiza da morte de Curros.
     Esquecinme das miñas angurias que dende logo un pouco me aqueixaban, e tódolos meus pensamentos e rememoranzas foron pra Curros, pra aquil Curros que facía catro anos vira ir arelante cara á Cruña, fartando os ollos de paisaxe e vigorizando o esprito cos efruvios perfumados que das serras azúes lle carrexaban os Aires da súa Terra adourada, e agora viña, pero morto, tamén cara á Cruña, a xentil "Marineda" de dona Emilia, a cibdade fidalga que soupo sempre destinguirse no fervor patriótico de eisaltar os valores auténticos da Terra persoalizados nos fillos esgrevios dista nosa amada e infelís Galiza.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega