Ese estraño silencio

 

[Escolma]

 

Ese estraño silencio (Escolma)




DEIXA que te imaxine neste inverno de rosas
e harmonía. De aromáticas horas
devalando nos pregos do teu corpo,
na cálida ambrosía do teu sexo:
Esa doce nudez inusitada
que invita a posuirte a cada intre.
A percorrerte despacio
na lentura das noites, na certeza do clímax.
Trazando un cadro abstracto de versos e saliva.
E nomearte logo, sen pronunciar palabra
convocando o silencio,
impregnados de pole e de loucura longa,
amándonos nun gozo indescritible
neste inverno de rosas e harmonía.



****



A TANTO AMOR
non chega
o meu abrazo

os meus dedos
naufragan
por te ofrecer o mundo

se acaso unha palabra
fose quen
de tocarte

de aloumiñarte
os beizos
con tenrura
infinita



****



POR EVADIR a dor que me supón a ausencia
A túa despedida. As horas que o silencio
ofrece só recordos
e as tardes todas, todas.
Por me reter na calma intacta dos teus beizos
no celme enviciador e na mornura
do teu corpo púbere.
Por me embriagar co teu veleno suave
como sutil fragancia indescritible
na exquisitez das noites en que morrín de veras.
Por te soñar, amor, no meu regazo cálido
como unha avelaíña, un mar, unha paisaxe
unha rexión de aves e cometas.
Un todo que serás, serei, seremos
por habitar a ausencia inevitable.



[Escolma de textos realizada polo autor.]

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega