Gramática Histórica Galega. Volume II. Lexicoloxía

 

[Fragmento]

 

v9ferreirogramticahistorica A TOPONIMIA

Importancia da toponimia

A lingua, como se sabe, non é unha construción "natural", quer dicer, biolóxica, a non ser que a consideremos adscrita, inevitabelmente, á "natureza" humana, isto é, natureza social, cultural. Nomear a terra que se habita, os lugares que se tripan, é, por tanto, un traballo plenamente humano: o primeiro esforzo, de certo, de "dominar" o meio en que se vive, de posuílo a través dun nome.

A capacidade nominadora -posuidora- dos nosos antepasados resulta -ollando a sincronía actual- prodixiosa: téñase en conta que o nomenclátor da Galiza supón practicamente a metade dos topónimos do Estado español. Isto significa, de seu, unha profunda e persistente humanización da terra, uinha íntima simbiose entre paisaxe e poboadores, entre ser humano e hábitat. De aí que falarmos de toponimia galega signifique entrarmos nun mundo ricaz, variadísimo, semanticamente moi fecundo, en que tentaremos dar unhas liñas de clasificación orientativas que axuden a comprender, ao menos, a xénese e sistematicidade deste corpus lexical.

A toponimia, pois, está constituída polos nomes propios de carácter xeográfico ou topográfico, isto é, os nomes dos lugares e de todo tipo de accidentes da orografía (ríos, montes, vales, lagos, cabos, praias, etc.), aínda que o estudo particularizado de cada grupo constitúe unha subdisciplina con entidade propia.

Na súa cantidade e diversidade, a toponimia constitúe un capítulo fundamental en relación á historia lingüístico-cultural dos pobos, xa que é testemuña viva das diversas circusntancias que unha comunidade sofre ao longo do tempo, reflectindo o devir político e sociocultural dunha comunidade. No caso do galego mostra tamén os estigmas da colonización lingüística sofrida durante varios séculos polo español, de xeito que ás veces é difícil a recuperación da denominación autóctona, esquecida durante anos pola imposición da denominación española, ás veces aberrante.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega