Información light (Baixa en alcatrán)

 

(Texto íntegro)

 

v2isidronovoinformacionlight.html


Raios catódicos
e ondas hertzianas
con soles e mares traídos
do remoto país das fadas


Para non turbarnos o sosego
son quen de falar
de pequeno lamparón
cando borranchos de noite pecha
enzoufan o azul salgado


Para non turbarnos o sosego
para non alarmarnos
son capaces de promulgar un decreto
no que a negra sexa declarada
cor clara alegre e luminosa


Para non desvelarnos
para que sigamos no noso perenne letargo
non dubidan en converter
coa súa variña máxica
en bágoas de ledicia agradecida
as que foron verquidas
pola desolación


Para que sigamos durmindo
e o noso letargo non teña fin
para que sigamos téndolles fe cega
non lles importa cegar a verdade
nin tampouco lles importa
cegarnos de todo a nós


Para que sigamos a terlles fe
eles que unicamente queren os nosos amenes
son capaces de calquera sacrificio
e por eso non comprenden
que non apreciemos os seus esforzos
por pintarnos o espanto de esplendor


Non comprenden
que non comprendamos
as súas mentiras piadosas
que non agradezamos
o seu amoroso coidado
e a súa extremada delicadeza



                                               isidro novo- xaneiro- 2003

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega