Isidoro de Sevilla

 

(Texto íntegro)

 

v5xoanbermudezvilarisidorodesevilla001.html



ISIDORO DE SEVILLA (c. 560-636)


       (Este breve epítome figuraba inicialmente na obra "O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma", mais decidimos retiralo, co obxecto de non alongala innecesariamente).


     O mesmo que no caso de Paulo Orosio, ignoramos tamén o lugar no que veu ó mundo Isidoro. O seu pai, Severiano, vivía na provincia Carthaginiense, e os seus tres primeiros fillos coñecidos, Leandro, Fulgencio e Florentina, irmáns de Isidoro, conxectúrase que, por esta cirunstancia, deberon nacer en, ou nas proximidades, da súa capital, Carthago, hoxe Cartagena (1). Tampouco nada sabemos con certeza acerca do nome da súa nai (2).
     Por algunha razón, que se estima que podería estar relacionada coa ocupación, no ano 554, da comarca de Cartagena, así como dunha parte da actual Andalucía e das Baleares, polo que convencionalmente se ven denominando Imperio Bizantino, na realidade, o Imperio Romano de Oriente (3), a familia trasladouse nalgún momento ás proximidades de Hispalis e Astigi, as actuais Sevilla e Écija (4), que se mantiñan nas mans dos godos. Como consecuencia, Isidoro, o máis novo dos catro irmáns, puido nacer, ben na localidade na que inicialmente residiran, xa nalgún outro lugar do seu novo destino, ou próximo a el (5).
     Maiores aproximacións podémolas tirar a través do seu irmán Leandro, xa que, segundo este, Isidoro era moito máis novo ca el, feito que se deduce dun comentario que lle envióu á súa irmá Florentina, no que indica que, cando quedou orfo, era aínda neno, circunstancia pola que tivera que se facer cargo do seu coidado e formación, atendendo á encomenda que a nai lles fixera ós irmáns máis vellos (6).
     Leandro, que acadou a cátedra hispalensense con anterioridade ó ano 579 (7), posiblemente arredor do 578, faleceu cara ó ano 601 (8), sendo sucedido na mesma, e de inmediato, polo propio Isidoro. Isto aconteceu case que ó mesmo tempo no que o seu outro irmán, Fulgencio, pasaba ocupar a de Astigi, Écija (9).
     Con estes datos, e dado que no ano 587, Isidoro parece que era, sempre segundo a opinión do seu irmán, bastante novo aínda, (vide a nota 6), é moi posible que non contase no 601 coa idade canónica que entón se esixía para acceder ó cargo arcebispal. O que fai pensar en que a súa familia debía contar cunha certa dose de influencia (10).
     No caso, sen embargo, de que tivese entón os 45 anos establecidos polo papa Siricio (384-399), ou cos 30 que determinaban varios concilios das Galias, as disposicións dos cales aparecen recollidas na Colección Canónica Hispana, para desempeñar a cátedra, con base a estas disposicións, resultaría que Isidoro tiña que ter nacido entre arredor de 45, ou 30 anos, antes do inicio do seu pontificado. É dicir, que se ó 602, data aproximada do seu nomeamento coma bispo, lle deducimos eses algorismos, obteríamos como resultados os anos 557, ou 572, para a data aproximada do seu nacemento. Como se pode observar, esta última resulta acorde co feito de que fose bastante novo cara ó ano 587, tal como o seu irmán Leandro indicou nese momento. A outra xa non.
     Agora ben, se naceu arredor do 557, teríamos que pensar en que o lugar no que o fixo puido ser tanto Cartagena coma Sevilla, ou algún punto das súas inmediacións. Mentres que a data próxima ó ano 572, que parece máis axeitada, non nos ofrece máis opción que a de optar pola vila da que foi bispo, ou algún outro lugar das súas proximidades, tal como antes apuntábamos. Emporiso, aínda é posible atopar biografías que o fan nacer arredor do 560.
     Isidoro desenrolou unha intensa actividade, coma prelado e tamén coma político, participando, e presidindo, varios sínodos, sendo especialmente importante o IV de Toledo, do ano 633, no que se tomaron decisivas disposicións para a litúrxica eclesiástica e para o estado godo. Morreu en Sevilla o 4 de abril do ano 636, logo dun dilatado pontificado (11).


A SUA OBRA

     A enorme producción de Isidoro, e os seus contidos, encheron toda a Alta Idade Media, e resulta un elemento de estudio e consulta indispensable aínda na actualidade para o coñecemento do tempo no que vivíu, se ben que nos ímos limitar a nomear tan só algúns dos seus traballos de especial significación historiográfica, como De natura rerum, Chronica maiora, De viris illustribus, Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Sueborum, e, como non podía ser menos, a súa obra capital, "Originum sive Etymologiarum libri XX", máis coñecida pola súas denominacións abreviadas de "Etymologiae", ou "Etymologiarum", un auténtico compendio do saber do seu tempo.
     Mais, de cara ó noso propósito, vai ser a súa Historias dos reis dos godos, dos vándalos e dos suevos, a que de máis utilidade nos vai a resultar. Un traballo posible ampliación dun inicial intento seu, De origine Ghotorum et regno Suevorum et etiam Wandalorum, librum unum, hoxe perdido, que segundo San Braulio de Zaragoza († 646), que foi discípulo seu, escribira (12).
     O texto, tal como chegou a nós, consta en realidade de tres historias case que independentes, se ben que complementarias. A primeira, De origine Gothorum, é tamén a máis longa, xa que ocupa 70 dos seus 92 parágrafos ou capítulos. A Historia Wandalorum, que a continúa, abrangue 14, mentres que a Historia Suevorum, a que máis nos interesa, tan só cobre os 8 restantes.
     As tres foron redactadas tamén por separado, nos anos 619, 620 e 624, probable e respectivamente (13). É dicir, que, no caso das dúas últimas, o autor, a diferencia do que aconteceu con Paulo Orosio e Idacio Lémico, atópase a unha manifesta distancia cronolóxica dos feitos que recolle.
     Para a redacción das mesmas, o hispalense recorreu ós traballos de Eusebio de Cesarea (c. 265-339), e de Xerome Eusebio de Estridon (c. 347-c. 420), ata o ano 378; ós de Paulo Orosio (c. 383-420), ata o 417; e ós de Idacio Lémico (c. 390-470), ata o 469. Mais tamén o fixo cos de Victor Tunnense (século VI), para a historia dos vándalos en Africa, do período de 444 a 566, e utilizou a Próspero Tirón de Aquitania (390-455), para os anos 405-453, a Johannis Biclarensis (540-621), para o período 569 a 590, e ó seu coetáneo, Máximo de Zaragoza ( c. 620). Todos estes autores recoñécense sen esforzo no seu texto (14).
     Gracias a isto pódese advertir que Isidoro engade moi pouco ó que toma de Orosio, de Idacio e do Biclarense, se ben que, ás veces aclara, e outras confirma ou completa os seus datos (15).
     Destas Historias isidorianas fóronos transmitidos dous xeitos de redaccións; unha longa e outra breve, esta máis reducida e polo tanto menos completa. Algo bastante habitual na Idade Media, como xa tivemos ocasión de comentar.
     Do feito de que se conservasen 21 manuscritos da redacción longa, e tan só seis da breve, parece que cabe deducir, aínda que con reservas, que debeu ser a primeira a que gozou dunha maior difusión (16).
     En canto ás características desta compilación súa, advírtese claramente o seu carácter panexirístico, así como a súa intención apoloxética respecto ó catolicismo (17). Ó mesmo tempo, Isidoro trata de se converter no lexitimador ideolóxico da monarquía goda (18), sendo, a esta fin, para el, Patria e Godos, algo case que inseparable (19).
     Isidoro adopta xa, de xeito regular, a Era coma cronoloxía (20), e compendia enormemente as fontes que manexa, o que, nalgún caso, condúceo á unha certa perda de claridade (21).
     Non se pode negar, sen embargo, que estes epítomes e recensións seus resulten historicamente máis asépticos e con menos carga ideolóxica, e polo tanto máis imparciais, que os de Orosio e Idacio, nos que bebeu. No fondo, quizais porque, segundo o seu propio ideario, sexa o hispalense consciente en todo momento de que o poder dun rei é lexítimo tan só cando actúa recta e xustamente, mentres que, se non o fai así, pode mesmo perder os seus dereitos (22).
     Concluímos este breve comentario acerca de Isidoro, indicando que no noso traballo utilizaremos tanto a Versio longa como a Versio brevis das súas Historias, tal como aparecen na edición crítica que das mesmas efectuóu Cristóbal Rodríguez Alonso.





NOTAS



(1) Luís A. García Moreno, páx. 219.
M. C. Díaz y Díaz, páxs. 100-104.
(2) Tense elucubrado, a través dunhas palabras do seu irmán Leandro, bispo de Hispalis, inspiradas no Salmo 83.4, "nido quod invenit turtur ubi reponat pullos suos", "a rula atopa o niño no que coloca os seus pitiños", que a súa proxenitora poidese chamarse Turtur, "Rula". Para M. C. Díaz y Díaz, páx. 101, a frase "se reduce a un desarrollo retórico". Non contamos, pois, con auténticas evidencias acerca de como puido chamarse.
(3) Esta parte da península permaneceu baixo o goberno de Constantinopla ata aproximadamente o ano 625:
Georges Duby: "Atlas Histórico", páx. 108: do 554 ó 624.
"Le Grand Atlas De L'Histoire", páxs. 98-99: do 552 ó 624.
"Atlas de Historia Antigua", páxs. 71-72: do 552 ó 625.
(4) Luís A. García Moreno, páxs. 219-220.
M. C. Díaz y Díaz, páxs. 100-104.
(5) Con base ó feito de que ningunha fonte antiga indica o lugar do seu nacemento, citando nada máis que aquel no que tivo a cátedra, M.C. Díaz y Díaz, páx. 103, aventura a posibilidade de que non haxa ningunha diferencia entre ambos, polo que a súa patria debe de ser Sevilla. Debemos de tomar, sen embargo, semellante afirmación coas debidas reservas. A xeito de advertencia debemos de lembrar, por exemplo, e entre moitos outros, que San Antonio de Pádua (1195-1231), non naceu en Pádua, Italia, senón en Lisboa; e que Idacio (c. 390 - c. 470), habitualmente denominado "de Chaves", tampouco naceu nesta vila, entón Aquae Flaviae, senón que o fixo, como el mesmo refire, "na cidade Lémica".
(6) "De inst. 31, 11-12" ("Etimologías", páx. 100). En ''Reg., 31", do ano 587. (Luís A. García Moreno, páx. 221 (29)).
(7) Ibidem, páx. 220.
M. C. Díaz y Díaz, páx 104.
(8) Segundo o propio Isidoro, en De Viris Illustribus, 28, Leandro morreu case que ó mesmo tempo que o rei Recaredo, e deste sábese, a través do Laterculus regum Visigothorum, que o fixo no mes de decembro do ano 601. (M. C. Díaz y Díaz, páx. 104).
(9) Luís A. García Moreno, páx. 220.
(10) Ibidem, páx. 221.
(11) M. C. Díaz y Díaz, páxs. 110-111.
(12) C. Rodriguez Alonso, páx. 24.
(13) C. Rodríguez Alonso, páx. 25.
(14) C. Rodríguez Alonso, páxs, 21, 22 e 75 á 102.
(15) C. Torres: "Galicia Sueva", páx. 22.
(16) C. Rodríguez Alonso, páxs. 123ss, 137ss, e 27.
(17) Id. id., páxs. 31 e 35.
(18) Luís A. García Moreno, páx. 223.
(19) Ramón Menéndez Pidal: "España Visigoda", páx. XXXV. Algo que fai dubidar un tanto as conxeturas que, acerca da posible consideración de hispanorromano do seu pai, se veñen postulando. (Vide: "Etimologías", páx. 102).
(20) A Era, posteriormente, e con non demasiada propiedade, denominada tamén Era Hispánica, procede de "aera", plural de "aes", "moeda". A súa aorixe atópase nun imposto creado por Octavio Augusto no ano 38 aC., segundo recolle o propio Isidoro nas súas Etimologías: "todo o orbe se comprometeu a pagar un tributo á República" (M.C. Díaz y Díaz, páxs. 548-49).
(21) C. Rodríguez Alonso, páx. 23.
(22) C. Rodríguez Alonso, páx. 52: "Reges a regendo et recte agendo" (''Orig.'', 9, 3) e "Reges a regendo vocati ideoque recte faciendo regis nomen tenetur, peccando amittitur" ("Sent.", III, 48).






BIBLIOGRAFIA CITADA



BELTRAN LLORIS, Francisco, e F. MARCO SIMON (1987): Atlas de Historia Antigua. Diputación General de Aragón. Libros Pórtico. Zaragoza.

DIAZ Y DIAZ; M.C. (1982): Etimologías. 2 vols. Bac. Madrid.

DUBY, Georges (1992): Atlas Histórico Mundial. Debate. Barcelona.

GARCÍA MORENO, Luís A. (1997): Las Españas de los siglos V-X: invasiones, religiones, reinos y estabilidad familiar. En "VII Semana de Estudios Medievales". Instituto de Estudios Riojanos. Logroño.

MENÉNDEZ PIDAL, Ramón (1976): España Visigoda. Espasa Calpe. Madrid.

RODRIGUEZ ALONSO, Cristóbal (1975): Las historias de los Godos, Vándalos y Suevos de Isidoro de Sevilla. Centro de Estudios "San Isidoro". León.

TORRES RODRIGUEZ, Casimiro (1977): Galicia Sueva. Fundación "Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa". Coruña.

VV.AA. (1979): Le Grand Atlas de L'Histoire Mondiale. Encyclopaedia Universalis.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega