Lagoeira

 

(Texto íntegro)

 

Chovíanos coma en Pimentel
Chovíanos coma en Pimentel. Dentro.
Todo fora. Un mes e outro mes,
gran surada de medo todo fora.
Nos vidros batía o mar, o noso alto,
e tódalas ramas deste mundo peta que peta 
petaban pola ponla dun pradairo.

¿Vedes? ¿Véde-la freixa?
¿Véde-lo río branco aquel baixando,
invernal veludo, esmalte de neve na fenda da caivanca? 
¡Acolá!
Eu tampouco.

Chovíanos coma en Pimentel. Dentro.
E a música de pianos enloitados 
xemía, asubiando nos recunchos,
líquidos corredores, humedéns excusados.
Pingaba. Poida que nalgures aínda pingue.
Pingaba no colo en que te tiña, no vaso, na sede, nos tristes pasapesadelos,
pingaba polas señoras do pasado e Sari chegou ás Cotovías perdidiño.
Pingaba por meu peito si María Mariño, 
pingaba por Penélope, no exilio e Taramancos, de Cabo Home a Brest,
pasando pola ortodrómica de La Habana - Celanova.
Pingaba pero os baldes, aquí e acolá, eran ciscadas nacentes manantías, a rebordaren, 
e entón Gómez Clemente viña e inventaba furnas xiróvagas para escoita-lo S.O.S. 
de náufragos e afogados. En balde.
Bríxida, coa súa esponxa de sombra, non daba feito, 
¡que ía dar!:
andabámo-los dous adeprendendo en por nós a Rosalía.
Tócache, Bríxida.
Miña santiña miña santasa miña cariña de calabasa...
Escoita.
Ai rapaciña ti te-lo teo ¿seda as que dormen entre o centeo? ¿fuxir da lama quen naceu nela?
Tócache, Bríxida.

Chovía. 
Chovíanos coma en Pimentel. Dentro.
E de repente fóra as badaladas de Zamáns,
fóra Marcosende, fóra Vilaverde, Erville, Pardellas, Arufe, Atín,
fóra a Serra do Galiñeiro, Alba e Miñor, e o mar e as celestes illas
porque nos arrodean os poldros perdidos da brétema
e unha chuva ruza brúa entre os nosos labios, froles molladas de estameña,
freixa face que amamos biblioteca mórdeme.
Eu tampouco.

Chovíanos coma en Pimentel. Como chove en Praga. E en Compostela, meu doce amor. Dentro.
Pois ben, Sari, esta é a illa, a palabra: Lagoeira.
Abrázate, Bocas, a Ela, metálica: Lagoeira.
De ollos ben abertos porque es do Exército Guerrilleiro de Galicia, dispara Lagoeira.

¿Vedes? ¿Véde-lo río?
¿Véde-lo duro río de veludo escarlata caudaloso?
Eu tamén.

Velaquí as aulas que nos foron devoltas, fermosamente abandonadas, cheas de luz,
neste inverno de frío, neve, un sol xiado.
Lagoreira: velaquí les neiges d´antan.

Pero rien, ren, nada conxelará a freixa que escorrega
vermella e quente.
Un mes e outro mes.
Nunca enxugarán o sangue teu da túa testa en loita, Lagoeira.

Contra a LOU. Vigo, decembro 2001


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega