Lapatiancorum

 

(Texto íntegro)

 

n4albertemomannovallapitiancorum.html

     (Sentada silenciosa de manifestantes nunha rúa ateigada, circundando os antidisturbios completamente equipados. No medio dos manifestantes Póntulo e Párculo camiñan como se paseasen por un prado poboado de flores)

     (Póntulo, vello antidisturbios experimentado explícalle a Párculo os pormenores do oficio, mentres este o sigue fascinado pola infinda sabedoría do seu mestre).



     Póntulo: Trescentas varas de medir miden ben pouco se a audacia é escasa.

     Párculo: Trescentas míseras miserias miden ben pouco concentradas nun alpendre.

     Póntulo: Pero apestan como morto no camposanto.

     Párculo: Ou peor.

     Póntulo: Certamente, irmán.

     Párculo: Pero, cantas míseras miserias aturaría o Santo Arcanxo?

     Póntulo: Un santo. Cantas varas de medir termou nas súas mans?

     Párculo: Iso é?

     Póntulo: Nengunha.

     Párculo: E o excelso poeta?

     Póntulo: As mesmas.

     Párculo: E se fose Goethe?

     Póntulo: Un burgués! Apenas a súa.

     Párculo: E tratándose dun traballador.

     Póntulo: Ben,... antes ou despois da emancipación da muller?

     Párculo: Entrando neste tipo de consideracións. Certamente, trátase dunha opción difícil. Supoñamos que despois.

     Póntulo: Se é despois. Considerando a súa precaria situación, os nenos e outros gastos, a escasa vida licenciosa e o abondoso aburrimento, mitigado pola decepción e posterior frustración, o problema engadido de que chegados a un punto non se poden ter máis fillos porque logo non hai quen os manteña... resumindo, a grandes rasgos... non o sei!

     Párculo: Así e todo, é ben impreciso o traballador.

     Póntulo:Tan só sucumbe ante a dispersión do seu traballo, vivindo ensemesmado na ocupación que o libera, que o dilúe no aire, permanecendo suxeito tan só pola ansia de continuar. Despois, unha vez rematada a xornada, volve caer polo peso do repentino mundo, para considerar o resto das actividades posibles tarefas fútiles e improductivas, lonxe de poder ser denominadas traballo propiamente dito.

     Párculo: e o patrón?

     Póntulo: o patrón é moito máis concreto, incluso simple, se o desexas. Desvívese, como os corvos, polos obxectos brillantes e perde a conciencia para conseguilos, descuidando incluso...

     Párculo: ...incluso aos traballadores, que á súa vez tómano como soporte e exemplo, comportándose na casa como aquel o fixera durante o traballo, sen ver máis aló.

     Póntulo: Ben certo Párculo. Que grandes son as míseras miserias!

     Párculo: E que cheirentas.

     Póntulo: Tamén! Pero, afortunadamente xa non existen as clases. Pódese falar de tipos, grupos, especies, incluso dalgún especimen estraño, pero clases como ente particular e específico, non.

     Párculo: Entón, como lle chamarías a un grupo de individuos dunha condición semellante, con similares inquedanzas e igual grado de discriminación, positivamente, claro.

     Póntulo: Iso,..., ben,..., é un caso claro de manifestación ilegal.

     Párculo: E iso é malo?

     Póntulo: 'Por Dios, no! Estamos en un país democrático!' Mentres saiban manter a súa posición.

     Párculo: E se a súa posición consiste en levar pancartas e berrar proclamas?

     Póntulo: Entón, a nosa posición debe ser igualmente firme.

     Párculo: E se aínda enriba poñen mala cara?

     Póntulo: Cambiámoslla debidamente, pero sempre respectando a legalidade.

     Párculo: Pero, seguirían sen ser malos?

     Póntulo: Home! Realmente non está claro. Deixémolo en que están dirixidos por individuos malintencionados.

     Párculo: E serían malos?

     Póntulo: Por suposto! E todo mal é pouco para eles!

     Párculo: Que fermosas son as míseras miserias!

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega